As derivas do naval vigués: “Con 48 anos tiven que comezar de novo”

Instalacións do antigo estaleiro Hijos de J. Barreras en Vigo, co tormentoso cruceiro de luxo 'Evrima' na grada. © Keller Cimentaciones

Nos últimos 20 anos o emprego do naval en Galicia caeu de 14.000 a 7.000 persoas, das que 4.500 operan na ría de Vigo. Patronal e sindicatos discrepan sobre a saúde dun sector que apunta cara á diversificación

Houbo un tempo en que os traballadores do sector naval gozaban dunha estabilidade no seu especializado emprego e un salario alto que compensaba a dureza do día a día. Pero ese tempo quedou lonxe. 

Anxo Mera foi un dos últimos traballadores do antigo estaleiro H.J. Barreras, hoxe chamado Ría de Vigo. Con pouco máis de 20 anos fixo os correspondentes exames para entrar na empresa, que daquela era pública, aprobou, e incorporouse como axudante de tubería.

Ao cabo dun ano o operario vigués optou a unha praza no departamento de calidade e alí estivo entre 1998 e 2011 a traballar como verificador nesa área. Mera lembra que foi entón, en 2011, cando chegou a primeira quebra de Barreras, co problema das axudas europeas  -as ‘tax lease’- e a entrada de PEMEX e García Costas.  “Suprimiron o departamento de calidade como tal e pasamos a ser coordinadores en produción. O meu posto entón era inspector de produción e facía un pouco o control de obra e control de calidade dunha zona determinada. Eu encargábame dos camarotes dunhas cubertas”, explica.

“Despois chegou o famoso cruceiro de Ritz-Carlton -o 'Evrima'-, que foi a nosa ruína, e xa pronto se acabou todo”, resume Anxo Mera.

Directivos de Pemex, Feijóo e García Costas en Barreras. © Xunta

“Despois chegou o famoso cruceiro de Ritz-Carlton, que foi a nosa ruína, e xa pronto se acabou todo”, resume Anxo Mera, ex traballador de Barreras

O ano 2022 comezou co concurso de acredores e a posterior disolución da empresa. “Os novos propietarios non contaban cos traballadores e fomos ao paro todos menos 20. Seica houbo algunhas entrevistas, pero a algúns nin nos chamaron”, explica. Daquela quedaban como persoal propio en Barreras 127 traballadores. 25 anos antes eran máis de 700.

Tras 25 anos en Barreras, Anxo tivo que reiventarse e pronto atopou outra oportunidade en Urovesa (Valga), onde se ocupa da construción de vehículos especiais. “Con 48 anos tiven que comezar de novo”, subliña o vigués. “Claro que boto de menos o naval, sobre todo saír co barco a navegar. Aínda así non me queixo. Estou contento co cambio de aires”, engade.

Mera foi testemuña en primeira persoa dos cambios do sector: a redución gradual e drástica dos cadros de persoal coa consolidación do modelo dos estaleiros de síntese mais tamén as melloras das medidas de seguridade, subliña.

Segundo os datos da patronal, nos últimos 20 anos o número de persoas traballadoras no sector do metal de Galicia caeu á metade, ao pasar de 14.000 a unhas 7.000 na actualidade. Na ría de Vigo concéntrase o 65% dese emprego, un 4.500 empregados.

Pese a esta deriva do sector, motivada en grande parte polo peche dos grandes estaleiros centenarios: Vulcano (2019) e Barreras (2022), pero sobre todo pola competencia internacional, desde Asime defenden a continuidade desta actividade e prevén anos de “estabilidade por diante”, segundo defende o secretario xeral, Enrique Mallón. “Realmente estamos falando de problemas particulares na xestión de dúas grandes empresas”. “No sector naval temos que estar moi orgullosos das nosas empresas, tanto en construción como en reparación e a industria auxiliar –que supón o 90% do emprego-  internacionalizouse tremendamente nos últimos anos”, explica.

O secretario xeral de Asime defende que o modelo de estaleiro de síntese –no que se reducen os cadros de persoal propios ao mínimo e a industria auxiliar executa a meirande parte do traballo- “leva 40 anos en Europa e está perfectamente asumido polo sector”.

O sector naval da ría de Vigo sufriu unha revolución nos últimos anos. Dominio Público Praza Pública

Desde Asime aconsellan enrolarse en empresas que diversifiquen a súa actividade cara á eólica mariña, por exemplo, para non depender dos sobresaltos do naval

Mallón recoñece que a estabilidade no emprego é un problema para os traballadores das empresas do naval, condicionados por unha carga de traballo intermitente e aconsella, en consecuencia, “enrolarse en empresas que diversifiquen a súa actividade cara á eólica mariña, por exemplo, para non depender dos sobresaltos do naval”, di.

“Nós pedimos que os estaleiros que quedan aposten polo emprego en Galicia e que as administracións públicas apoien esta actividade”, subliña Enrique Mallón.

Desde o sindicato CCOO lamentan que hai anos que o sector “comezou un camiño que non ten volta”. Pedro Comesaña, responsable de política industrial, lamenta o desmantelamento dos cadros de persoal cara a mínimos e coincide con Asime na necesidade de abrir outros nichos de mercado que permitan garantir a estabilidade no emprego. “Na plataforma atlántica estanse a aprobar moitos proxectos de eólica offshore e os estaleiros da ría de Vigo podemos aproveitar este nicho de mercado”, avisa Comesaña.

“O naval cada día vai a menos e a Xunta está ausente”, alerta desde a UXT Rubén Pérez

Desde a UXT, Rubén Pérez data nos primeiros anos 2000 cando se consolidou na ría de Vigo o modelo actual de estaleiro de síntese. Desde entón, cando se acomete un barco, o 10% do traballo é executado por traballadores propios –labores de coordinación- e o 90% polas empresas auxiliares. 

“O naval non deixou de saír dunha reconversión permanente. As xubilacións non se foron cubrindo e cada vez é menos atractivo para os traballadores, tamén porque non hai estabilidade”, explica o secretario xeral da Federación de Industria de UXT Vigo. 

“O sector necesita unha aposta empresarial clara para poder atraer contratos e mellorar as condicións laborais. O naval cada día vai a menos e a Xunta está ausente”, alerta Rubén Pérez.

Manolo Camaño, dirixente na CUT, pon o foco no empeoramento das condicións laborais. “O medo e a chantaxe dominan o panorama laboral non só no naval, mais aquí tamén”, asegura. “O naval pasou de ser a vangarda da loita obreira a un marasmo de quero e non podo”, lamenta. “A historia do naval estase reescribindo e vai haber novidades porque chegará un momento en que a xente estoupe”, prognostica Camaño.

Cabeceira de manifestación polo naval de Vigo. Dominio Público @galizaCIG

As carteiras de pedidos

Segundo o último informe do Ministerio de Industria, correspondente co primeiro semestre do ano, a carteira de pedidos dos estaleiros privados en España ascende a 52 unidades, das que 16 corresponden a Galicia (ría de Vigo e Pontevedra), que representa o 33% da construción naval española.

Trátase dun sector completamente internacionalizado no que o 90% deses contratos proceden de clientes estranxeiros: Nova Zelandia, Islandia, Malvinas, Países Baixos ou Australia son algúns exemplos da orixe destes clientes.

Armón, que dispón dunha megafactoría en Vigo tras a compra das instalacións de Barreiras, é o líder nacional en contratos e está a especializarse na construción de buques oceanográficos, con cinco nestes momentos na ría. O ‘Odón de Buen’ , que ultiman para o IEO e o CSIC, será o maior barco científico que terá a flota española e un dos máis avanzados do mundo. “A nosa carteira de pedidos garante emprego agora mesmo ata 2025, pero temos outros contratos en negociación para o futuro”, asegura Ricardo García, director comercial de Armón.

Os cascos para os buques oceanográficos de Nova Zelandia e Islandia foron construídos nas instalacións do Ría de Vigo (antes Barreras).

O outro estaleiro que máis está contratando é Freire, con cinco unidades en carteira, segundo a Dirección Xeral de Industria. Cardama segue a construír e reparar barcos, igual que Nodosa (en Marín). 

Fronte a aqueles factorías ocupadas, atópanse San Enrique (antigo Vulcano), onde a falta de actividade pode lastrar a concesión portuaria outorgada tras a disolución da histórica compañía, e Metalships, onde os traballadores acaban de rematar unha folga en protesta pola falta de actividade e o despido de sete traballadores.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.