O naval vigués precisa máis man de obra cualificada para dar saída aos novos pedidos

Imaxe do proceso de construción do cruceiro de luxo que Barreras prevé entregar a finais de ano á armadora americana Ritz-Carlton. Dominio Público Barreras

Un percorrido polos estaleiros da ría pode xustificar o optimismo co que as patronais e empresarios do sector valoran o presente e o futuro a medio prazo no naval vigués. Coa triste excepción de Vulcano, que prevé rematar o único barco que ten en carteira nas próximas semanas, os estaleiros teñen carga de traballo ata o vindeiro ano. Pero tanto a patronal como os propios sindicatos alertan de que existe un problema de falta de traballadores cualificados. Desde 2014 os cadros de persoal foron minguando e non hai ningún plan (máis que importalos) para abastecer os 2.000 traballadores que a patronal do metal asegura que faltan actualmente no sector para dar saída aos novos pedidos. Dos 12.000 empregos que actualmente supón a industria naval galega, 9.000 están concentrados nas factorías e industria auxiliar da ría de Vigo.

Logo do desastre perpetrado pola Comisión Europea coa súa anulación ilegal do sistema de axudas para a financiación -o chamado tax lease- e a consecuente perda de contratos e empregos para o sector naval desde 2013, atopámonos agora nun momento de recuperación, polo menos a nivel de cartera de pedidos. "A situación en xeral é boa, tendo en conta que os estaleiros medianos consolidan a súa carga de traballo mediante novos pedidos que lle permiten reforzar a súa estabilidade", indican desde Aclunaga, o cluster do sector naval de Galicia.

"Seguimos con problemas de capacitación e formación do personal e non somos capaces de chegar a eses 2.000 traballadores que necesitariamos durante este exercicio 2019", indica Asime

Nesta mesma liña, desde Asime (Asociación de Industriais Metalúrxicos de Galicia) explican que estamos ante un aumento do crecemento da industria naval e marítima galega e especialmente de Vigo e a súa área, e que aínda queda capacidade de crecemento, xa que nos atopamos en torno ao 65% da capacidade. Enrique Mallón, secretario xeral de Asime, asegura que a industria auxiliar galega está crecendo en máis dun 8%, respecto ao exercicio anterior en facturación. Pero este escenario positivo agocha as sombras dunha falta de planificación da man de obra do sector. "Seguimos con problemas de capacitación e formación do personal e non somos capaces de chegar a eses 2.000 traballadores que necesitariamos durante este exercicio 2019", indica Mallón. 

Para os sindicatos a culpa desta realidade estaría repartida entre os propios estaleiros e a administración pública, que non se preocuparon de ir formando aos máis mozos coa vista posta na recuperación do sector. 

Asemblea de traballadores no estaleiro Barreras nos anos 70. © CCOO

Estaleiros de síntese

Os cadros de persoal dos estaleiros fóronse reducindo pouco a pouco no últimos anos na procura do famoso "estaleiro de síntese", que se anunciaba a comezos deste século XXI. Este modelo, definido como o único posible para competir en mercados globais como a construción naval, está baseado na redución ao mínimo número de traballadores dos estaleiros, onde quedarían as persoas máis capacitadas para labores de deseño e supervisión, e a maior forza produtiva ten que vir, en consecuencia, da industria auxiliar. Deste xeito, o cadro de persoal que superaba os 1.500 empregados de Barreras nos anos 80 pasou aos 400 no momento da privatización (1997) e de aí ata os 157 actuais. Hoxe en día Barreras é o único estaleiro que supera os 100 empregados de plantilla fixa na ría de Vigo.

O sector afronta unha sorte de reconversión continua. "Os estaleiros agora son solares. No momento en que haxa choio, para dentro, e cando non hai, pois para fóra", lamenta César Rodríguez, responsable do naval na comarca de Vigo para a CIG. O problema é que o naval é un sector especializado onde se necesitan profesionais. "É un sector de alto risco e non se poden practicar estas políticas. Agora necesito 40 e os saco de onde sexa. Hai que manter un mínimo de traballo para que se manteña a estrutura. Cada vez se está precarizando máis este tipo de traballo. Seguimos sen especializar as auxiliares", indica o representante sindical. Para Rodríguez esta situación prexudica directamente o sector, que perde forza como tal. "Os propios estaleiros foron perdendo peso en cuestión de traballadores e iso é forza que se perde no propio sector: hai 30 anos cando había unha crise eran 500 traballadores que se podían ir ao paro, a forza do sector é diferente. Pero na auxiliar simplemente desaparecen, cando non hai traballo pois desaparecen e non contan", explica César Rodríguez. 

"Fai falta modernización, plans de formación que permitan facer un relevo xeracional na propia industria e tamén con graos FP enfocados á calderería, soldadura, actividades para as que é difícil agora encontrar profesionais", indica Rubén Pérez Prego, de UGT FICA Vigo


Para Rubén Pérez, secretario xeral de UGT FICA en Vigo, o sector necesita volver recuperar ese enganche de ter esas carteiras de pedidos de varios anos que permitan a estabilidade para atraer traballadores. Para iso a industria ten que modernizarse e facer un novo esquema de competitividade, entrando na industria 4.0. "Os estaleiros non poden seguir construíndo barcos igual que hai 30 anos. Fai falta modernización, plans de formación que permitan facer un relevo xeracional na propia industria e tamén con graos FP enfocados á calderería, soldadura, actividades para as que é difícil agora encontrar profesionais", indica Pérez Prego. O representante sindical explica que durante os últimos anos de caída no naval houbo traballadores que se foron a outros sectores e outros países, pero tamén "hai outro efecto tan importante ou máis que foi a xubilación de moitos traballadores nestes anos, polo que se perdeu a capacidade de transmisión do coñecemento. Pois agora hai que tentar aproveitar o coñecemento dos que quedan e incluír a formación en FP".

Grandes factorías

Rubén Pérez pon o foco en Vulcano, que é xunto con Barreras o único con instalacións capaces de fabricar os grandes buques, pois do seu futuro vai depender a recuperación de boa parte do emprego no naval da ría de Vigo. "Nos próximos meses saberemos se Vulcano vai pechar como estaleiro ou vai haber un cambio de propiedade que permita continuar a actividade de construción de barcos. Evidentemente se se perde esa capacidade industrial a recuperación do emprego pasado non vai vir. Ao haber unha pata coxa na ría o emprego non ten continuidade como antes". O futuro inmediato de Vulcano, que leva oito anos en concurso de acredores, pasa por rematar o ferri “Villa de Teror” para Trasmediterránea, con entrega prevista para o 29 de maio. “Son 42 días de traballo. A partir de aí entramos nunha situación de falta de traballo. Ten un problema de falta de confianza e sobre todo financeiro. Ou entra alguén que achegue un respaldo financeiro ou a situación vai ser moi complicada”, engade o o responsable do naval en Vigo para a CIG. 

Barreras, pola súa parte, independentemente de que afronte a saída do seu accionista maioritario, Pemex, ten contratos de grandes barcos que sitúan a súa carga de traballo garantida polo menos para este ano e grande parte do seguinte. O estaleiro está a traballar nun cruceiro de luxo para Ritz Carlton (un contrato de 250 millóns), ao que se suman dous ferries para a armadora norueguesa Havila e ten a posibilidade doutro ferri para Armas, que segundo fontes sindicais situarían arredor de 1.000 traballadores no estaleiro a finais de 2019. Ademais, no contrato do cruceiro de luxo hai unha cláusula para construír outros dous, pero estes pedidos aínda non estarían firmados.

O estaleiro vigués Freire entregou o arrastreiro conxelador Markus en febreiro. Dominio Público Freire

Augas tranquilas para os estaleiros medianos

Os estaleiros medianos, namentres, navegan por augas tranquilas, con carga de traballo continua tanto para barcos pesqueiros como para reparacións. A renovación da frota de armadores galegos como Calvo ou Nueva Pescanova ou mesmo da Arxentina, contribúe en grande medida á estabilidade destas factorías. 


Desde Armón Vigo, cunha carteira de pedidos de 12 barcos que garante a actividade durante dous anos como mínimo, explican que a súa situación é moi boa. "Nós non sufrimos porque estamos en moitos mercados: remolcadores, pesqueiros, oceanográficos embarcacións rápidas, ferries, catamaráns, entón ao ter tantos mercados aínda que se caia un non nos afecta”, asegura un portavoz do estaleiro. “A realidade é que agora mesmo os estaleiros en España teñen unha carteira de pedidos bastante viva. É un bo momento para a industria naval española. Dicir o contrario sería falsa modestia ou mentir”, indican desde Armón. 

A renovación da frota de armadores galegos como Calvo ou Nueva Pescanova ou mesmo da Arxentina, contribúe en grande medida á estabilidade dos estaleiros medianos.
 

En concreto, Armón ten en carteira un oceanográfico de 70 metros para Suecia, que se entregará en primavera e outro máis pequeno (36 metros) para Arxentina, que se entregará o vindeiro ano. Tamén están traballado en dous arrastreiros para a pesqueira arxentina Moscuzza, un para entregar este ano e o outro en 2020. Para Nova Pescanova acaban de botar un arrastreiro de 50 metros, dos sete xa firmados con esta empresa (tres de 50 metros e catro de 32). Armón en Vigo tamén ten firmado o contrato e realizada a posta en quilla dun buque conxelador para o arrastre de vieiras para Canadá, de 50 metros "de alta tecnoloxía", segundo explican desde o estaleiro.

Freire, pola súa banda, vén de firmar non últimos días un atuneiro conxelador de 77 metros de eslora para Calvo. A finais do ano pasado comezou unha patrulleira de 42 metros para Kuwait. Vén de entregar a unha armadora de Groenlandia un arrastreiro de 80 metros para pescar camarón en augas árticas e nos próximos días tamén ten previsto comezar a cortar chapa para un buque oceanográfico para Kuwait. Freire ten asinado tamén outro buque destas características para Bélxica, polo que pode garantir traballo durante este e o próximo ano.

Desde Cardama tamén están a notar que o mercado emerxe, aínda que con dificultades. "Hai moitas oportunidades de mercado, pero é difícil chegar ao punto da contratación final, polos problemas de financiamento que atopan os armadores", explican desde o estaleiro vigués. Cardama ten a base da súa actividade nos labores de reparación, con dous barcos en grada nestes momentos, pero tamén compite no segmento da construción de barcos. Precisamente a complexidade financeira destas operacións ten nun momento de "stand by" o buque remolcador mutipropósito que xa está moi avanzado para o Goberno de Senegal, á esperan de que se reactive nas próximas semanas. Ademais, tamén ten firmado un ferri para Angola.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.