O Tribunal Xeral da Unión Europea (TUE) vén de anular a decisión de Bruxelas de declarar ilegais as axudas españolas aos estaleiros. Deste xeito, avala o tax lease -complexo sistema de bonificacións fiscais para os investidores- e bota abaixo unha decisión da Comisión Europea que obrigaba o Estado a recuperar estas axudas e puxera nunha difícil situación ás empresas do sector, tamén en Galicia.
O Tribunal Xeral da UE avala o 'tax lease' e bota abaixo a decisión da Comisión e as teses de Almunia
O TUE dá a razón a España e supón un duro golpe para a Comisión Europea e para as teses que defendeu o comisario Joaquín Almunia. "As medidas que integran eses sistema non constitúen unha vantaxe selectiva", asegura a sentenza, que tomba a decisión que prohibía eses créditos fiscais especiais, un sistema creado polo Goberno español no que se motivaba e axudaba aos investimentos directos no naval. Un tax lease que agora xa non é ilegal e cuxa anulación supuxo milleiros de despidos no naval galego.
Hai dous anos e medio, a Comisión Europea solicitara ao Estado que recuperase as axudas que mediante o sistema de bonificacións fiscais tivera o sector naval entre 2007 e 2011. Segundo Almunia, supoñían claramente unhas "axudas estatais ilegais" e eran, polo menos en parte, incompatibles co mercado interior comunitario. Ordenou así "recuperar a axuda unicamente dos investidores que se tivesen beneficiado das vantaxes das que se trata", pero non tiñan que devolvela nin os estaleiros nin os armadores, algo que non cambiaba en case nada a crise que supuña para o naval, paralizado durante anos.
O tax lease convertérase nun refuxio de moitas grandes fortunas, que investían no sector naval a cambio duns moi rendibles beneficios fiscais. Ata que Bruxelas dixo que xa abondaba, tras unha denuncia de Holanda. O Ministerio de Facenda cifraba en máis de 120 millóns de euros ao longo de catro anos e medio o aforro dos investidores, entre eles empresas como Inditex, Gas Natural, Banco Popular, Telefónica, Santander ou o BBVA, que interpuxeron recurso.
Era un sistema complexo, onde normalmente un banco empregaba dous intermediarios -unha sociedade de leasing e unha agrupación de interese económico (AIE)- na venda do buque por parte do estaleiro a unha empresa navieira. Explícao o TUE nun complexo documento. A firma de leasing (arrendamento financeiro) substituía a navieira e o banco creaba unha AIE e vendía as accións a investidores que procuraban vantaxes fiscais. Esta AIE comprometíase a comprar o barco á empresa de leasing ao su importe bruto, un prezo que transfería ao estaleiro. Logo, a AIE revendía o buque á navieira a través dun contrato de fretamente con opción de compra, pero tan só cobraba o prezo neto que incluía o desconto outorgado antes á navieira.
O TUE considera que tan só os investidores se beneficiaron das vantaxes fiscais e económicas, polo que non existían favores ás AIE. Xa que logo, non era unha empresa en concreto a que era beneficiada, senón que calquera operador podería beneficiarse. "As vantaxes económicas que os socios das AIE obtiveron podía obtelas en idénticas condicións calquera operador suxeito ao imposto en España, sen distinción, malia a existencia dun sistema de autorización", aclara.
"As vantaxes económicas que os socios das AIE obtiveron podía obtelas en idénticas condicións calquera operador suxeito ao imposto en España", aclara o TUE
"A Comisión cometeu un erro", insiste o TUE, ao non ter demostrado que as "medidas controvertidas podían falsear a competencia e afectaban os intercambios comerciais entre os Estados membros". O Goberno español e sociedades de estaleiros recorreron a decisión de Bruxelas e solicitaron unha anulación que agora chega, pero quedan máis de 60 recursos máis presentados por investidores como Inditex.
Contra as resolucións do TUE pode interpoñerse recurso de casación ante o Tribunal de xustiza, limitado ás cuesitóns de Dereito, nun prazo de dous meses a partir da notificación da resolución. No entanto, o Ministerio de Facenda pode suspender o proceso de recuperación das bonificacións fiscais obtidas polos investidores nese período, unha paralización que se mantería mesmo se Bruxelas opta por recorrer o ditame, xa que este recurso da Comisión non tería efectos suspensivos ante o Alto Tribunal.