Investigado por suborno ao ministro de Sanidade de Guinea Ecuatorial o xerente dunha farmacéutica de Lugo

Sede no polígono do Ceao da empresa Farmadismo, cuxo xerente está a ser investigado © Google

Segundo a investigación xudicial o ministro aloxouse en Lugo varios días e o investigado entregoulle diversas contías para que mercase produtos da súa empresa

O xerente de Farmadismo, empresa de Lugo de comercialización e distribución farmacéutica con sede no polígono do Ceao, está sendo investigado por un presunto delito de suborno na propia cidade lucense ao ministro de Sanidade de Guinea Ecuatorial para que mercase os seus produtos. O caso está sendo investigado por un xulgado de Lugo logo de que o Tribunal Supremo establecese a súa competencia tras pedir este que pasase á Audiencia Nacional. 

O caso do presunto suborno en Lugo ao ministro de Sanidade de Guinea Ecuatorial coñécese agora ao facer público o Poder Xudicial un auto do Supremo que resolve en favor do Xulgado de Instrución número 1 de Lugo a competencia para investigar o caso. Segundo ese auto, a investigación iniciouse tras unha denuncia por un posible delito de corrupción nas transaccións internacionais. 

Detalle da investigación por suborno en Lugo ao ministro de Sanidade de Guinea Ecuatorial segundo a Fiscalía CC-BY-SA Praza Pública

O auto recolle un escrito da Fiscalía de abril deste ano no que detalla que "a conduta atribuída ao xerente de Farmadismo SL consistiría no abono de cantidades de diñeiro ao ministro de Sanidade de Guinea Ecuatorial a fin de subornalo en relación cunha venda de produtos farmacéuticos realizada por Farmadismo a Centramed, organismo dependente do Ministerio da Seguridade Social de Guinea Ecuatorial". No marco desa relación o ministro estivo "nas instalacións de Farmadismo sitas en Lugo, en calidade de director xeral de Centramed, aloxándose nun hotel de Lugo durante varios días".

O escrito da Fiscalía tamén detalla que "en concepto de suborno para lograr contratos de venda de produtos farmacéuticos, o xerente entregoulle outra cantidade de diñeiro nunha conta ao seu nome", xestións que "se realizaron presuntamente durante a época" en que o ministro "se aloxou no Gran Hotel e no hostal Lucus de Lugo".

Sede dos xulgados en Lugo CC-BY-SA Praza.gal

O xulgado de Lugo que primeiro coñeceu do caso inhibiuse en favor dos Xulgados Centrais de Instrución por entender que o delito cometérase noutros lugares de España e no estranxeiro, sendo "preponderante o elemento internacional xa que se trata de corromper a altos funcionarios dun país estranxeiro". 

O Supremo acordou que o caso siga sendo investigado por un xulgado de Lugo por ocorrer aquí os feitos e por estar nesta cidade a empresa e as contas bancarias empregadas

Porén, a Fiscalía considerou que debía ser o xulgado de Lugo o que seguise investigando o caso xa que "unha parte dos feitos cometéronse aquí, os perceptores dos subornos viaxaron varias veces a España precisamente durante o tempo no que se terían pagado as comisións, sendo españolas as contas correntes e especial e destacadamente, a empresa vendedora que presumiblemente pagaría as comisións para lograr celebrar os contratos de compravenda, remitindo o diñeiro desde España".

Ante este debate, finalmente o Supremo acordou, nun auto do pasado 10 de xullo agora feito público polo Poder Xudicial e adiantado por La Voz de Galicia, que a competencia sexa do xulgado de Lugo por ser aquí onde se desenvolveron os feitos, onde están as contas ás que se transferiron as contías e onde está a empresa.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.