Os preparativos da folga xeral aceleran a unha semana do 11N: do laboral á defensa do pequeno comercio

Cartel da folga xeral do 11N © https://folgapolavivenda.gal/

Sindicatos laborais e entidades pola vivenda reciben o apoio de organizacións veciñais, ecoloxistas, agrarias, sanitarias ou de transporte. "O obxectivo é demostrar que quen sostemos este país tamén temos a forza para cambialo", destacan

Queda menos dunha semana para a folga xeral convocada polos sindicatos seguindo a iniciativa lanzada polas asociacións de vivenda. As entidades impulsoras da mobilización están a ultimar os preparativos do paro, que ademais do ámbito puramente laboral, abrangue outros aspectos, como unha folga de consumo que incide especialmente da defensa do comercio local fronte ás grandes superficies.

A CNT foi o último sindicato en rexistrar oficialmente -o pasado martes 27 de outubro- a convocatoria de folga que previamente xa convocaran CIG, CCOO, UGT, CGT ou CUT. Estes sindicatos de clase levan semanas preparando un paro xeral que tamén é apoiado por organizacións agrarias como o Sindicato Labrego Galego ou FRUGA, asociacións de estudantes, feministas, veciñais, ecoloxistas ou entidades sectoriais como SOS Sanidade Pública ou Modepen.

Ilustración de Cynthia Alfonso (@zyn_vaites) para a folga xeral do 11N no marco da iniciativa 'Ilustradores pola folga' © Cynthia Alfonso

A convocatoria inclúe mesmo unha folga de consumo centrada na crítica ás grandes superficies e a defensa das tendas de barrio, ás que se busca implicar na mobilización

Neste senso, esta semana SOS Sanidade Pública fixo "un chamamento ao conxunto de traballadores e traballadoras da sanidade pública galega, así como á cidadanía, para secundala e participar nas mobilizacións convocadas". "A defensa do Sistema Sanitario público, debe ocupar un lugar salientable nesta mobilización", destacou a entidade. Tamén a Plataforma por un transporte público digno en Ferrolterra, Eume e Ortegal se sumou á folga xeral pola vivenda e o custo da vida! do vindeiro mércores 11 de novembro.

En Vigo a Alianza pola Vivenda trasladou a este venres 6 unha concentración que anticipa a mobilización da folga xeral do vindeiro día 11. Será no MARCO ás 19 horas. A convocatoria lanzada por sindicatos, entidades veciñais, asociacións de inquilinos e outras organizacións ía ter lugar a pasada semana, pero adiouse por por da traxedia ferroviaria de Urda.

 

Folga no comercio, apoio ao comercio local e folga de consumo

Ademais da folga laboral, moitas das entidades impulsoras do paro están a realizar tamén un chamamento a realizar unha folga de consumo o 11 de novembro, incidindo na crítica contra as grandes superficies e a defensa do comercio local. De feito, a iniciativa -na que participan dende CCOO e UGT a Amigas da Terra, Ecoloxistas Galicia Atlántica e Verde- incluía un chamamento a non mercar nada en grandes supermercados este mércores 4 de novembro e a optar, en cambio, polas "tendas de barrio".

Nesta defensa do pequeno comercio destácase que estes establecementos sofren a mesma presión inmobiliaria que as familias, que leva a un incremento dos alugueiros que deben aboar polos seus locais. Ademais, lembran as organizacións, "cada euro que se nos vai no aluguer é un euro que deixamos de gastar no barrio", polo que chaman a estes comerciantes e autónomos a implicarse na mobilización.

"Esta persiana tamén fai folga" é un dos lemas da mobilización na que se busca a implicación do pequeno comercio e na que participan entre outros, CGT ou CNT. O chamamento é a pechar durante todo o día ou unhas horas -subliñando o apoio á folga na porta ou escaparate do establecemento- ou, igualmente, abrir "como punto de apoio para os comités de folga de cada barrio, como espazo de avituallamento e descanso".

Concentración en Vigo convocada para este venres 6 © alianzapolavivendavigo

Chamamento a constituír mil comités de folga

"A unidade entre o sindicalismo inquilino e os sindicatos de clase, desde os maioritarios até os combativos, impulsa unha folga xeral que aspira a converter a loita pola vivenda e contra o custo da vida nunha mobilización histórica", din

Dende as organizacións que impulsan a folga fíxose un chamamento hai unhas semanas a constituír un milleiro de comités de folga en todo o Estado, nos que participasen activamente un mínimo de 25.000 persoas. Co obxectivo de organizar as distintas entidades e persoas participantes lanzouse unha web e tamén a aplicación Toka con información sobre convocatorias e necesidades a cubrir.

Estes comités de folga teñen un ámbito municipal ou de barrio e de momento están instritos preto de 300, con case 8.000 persoas rexistradas. Ademais, recibíronse 4.342 adhesións de comités de empresa, seccións sindicais e asembleas de traballadores e traballadoras. 

"A unidade entre o sindicalismo inquilino e os sindicatos de clase, desde os maioritarios até os combativos, impulsa unha folga xeral que aspira a converter a loita pola vivenda e contra o custo da vida nunha mobilización histórica", destacan. "O obxectivo é demostrar que quen sostemos este país tamén temos a forza para cambialo", engaden.

Entre as adhesións máis destacadas de comités de empresa figuran a nivel estatal Amazon Logistics, Renfe,  Mercadona, Lidl, Alcampo, Zara, Leroy Merlin, BBVA, Banco Santander, Eulen, Clece, Urbaser ou Telefónica. En Galicia están constituídos oficialmente comités municipais de folga na Coruña, Betanzos, Oleiros, Ourense, Vigo ou Ponteareas.

Manifestación convocada na Coruña para a tarde do 11N ©

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.