A conflitividade laboral dispárase en Galicia ás portas do 11N: a maior cifra de folgas dende o 2009

Evolución do número de participantes en folgas laborais en Galicia e das xornadas non traballadas entre os meses de xaneiro e agosto e incidencia das folgas en cada comunidade autónoma sobre unha imaxe da manifestación dunha folga xeral en Vigo © Montaxe: Praza.gal

Entre xaneiro e agosto participaron en folgas laborais en Galicia máis traballadores e traballadoras que nos 12 meses de todos os anos dende o 2009. Os case 50 mil participantes en folgas no que levamos de ano multiplican por oito as cifras de 2025

Galicia prepárase para vivir o vindeiro 11 de novembro unha nova folga xeral, a primeira dende o ano 2012 convocada pola maior parte das centrais sindicais. O paro, motivado pola crise de vivenda e pola suba dos prezos chega, ademais, nun contexto de crecente conflitividade laboral, se atendemos aos datos sobre as convocatorias de folga que todos os meses publica o Ministerio de Traballo. 

Considerando unicamente as cifras entre xaneiro e agosto, o número de traballadores e traballadoras que participaron en folgas laborais en Galicia é o maior dos rexistrados nos 12 meses do ano dende o ano 2009. Se comparamos os datos destes oito meses cos do mesmo período dos anos precendentes, o incremento é claro: os case 50 mil participantes en folgas entre xaneiro e agosto multiplican por oito as cifras do pasado ano e triplican o dato de 2023, o ano con máis paros dende a pandemia.

O mesmo sucede coa cifra de xornadas laborais non traballadas por mor de folgas. As 123 mil exceden amplamente non só os datos de xaneiro a agosto destes últimos anos, senón que representan un récord dende o 2009 no conxunto dos 12 meses, coa única excepción do ano 2017. Con todo, é máis que probable que no remate do ano tamén se supere a cifra rexistrada neste ano 2017.

Conflitos laborais coma o do sector da alimentación na provincia da Coruña, o profesorado do ensino concertado, o das escolas infantís e o do ensino en xeral, o sector do comercio, o sector do metal da provincia da Coruña, o sector do téxtil, do persoal sanitario ou a folga dos condutores de autobús tradúcense nestas importantes cifras globais.

Entre xaneiro e agosto Galicia foi o segundo territorio cunha maior incidencia das folgas, con 137,1 xornadas laborais por cada mil afiliados e afiliadas, só por detrás de Euskadi

Os datos galegos, ademais, levan a Galicia a situarse como un dos territorios do Estado con maior conflitividade laboral no que levamos de ano. En concreto, é a cuarta comunidade autónoma na que máis traballadores e traballadoras participaron en folgas entre xaneiro e agosto (49.848), só por detrás de Cataluña (204.705), País Vasco (100.915) e Comunidade Valenciana (62.153) e por diante doutras, como Madrid (43.220) ou Andalucía (40.215), con moita máis poboación e persoal afiliado que Galicia.

Se poñemos en relación o número de xornadas laborais non traballadas coa cifra de traballadores e traballadoras afiliadas en cada comunidade autónoma, atopamos que entre xaneiro e agosto Galicia foi o segundo territorio cunha maior incidencia das folgas, con 137,1 xornadas laborais por cada mil afiliados e afiliadas. A lista está encabezada por Euskadi (215,5) e despois de Galicia aparecen a Comunidade Valenciana (129,5), Cataluña (82,7) e Cantabria (71,8). A media para o conxunto de España sitúase nas 73,3 xornadas laborais non traballadas por folga por cada mil afiliados.

O número de traballadores e traballadoras galegos que fixeron folga foi especialmente alto entre os anos 2000 e 2002 e, posteriormente, entre 2007 e 2009. Dende o 2010 o número de paros laborais convocados cada ano descendeu de forma clara

As cifras de folgas, participantes e xornadas non traballadas no conxunto de 2026 poden acabar sendo moi importantes, subliñando un incremento da conflitividade laboral en Galicia que contrasta cun claro descenso durante os últimos quince anos, con algunha excepción en 2013 e 2017. O número de traballadores e traballadoras galegos que fixeron folga foi especialmente alto entre os anos 2000 e 2002 e, posteriormente, entre 2007 e 2009.

Neste trienio, especialmente, os efectos da crise e dos recortes sacaron á rúa a milleiros de traballadores e traballadoras en multitude de conflitos. Despois, a partir de 2010 a dureza da propia crise e a partir de 2017 a mellora das condicións xerais freou en parte a convocatoria de paros laborais. Ata este ano 2026.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.