A Xunta decidiu o pasado ano que o comercio en Galicia podería abrir os días 26 de xullo, domingo, e o 15 de agosto, sábado festivo. Entre críticas por decidilo "sen consultar" e por apostar por dúas datas especialmente sinaladas e con case nula actividade, os sindicatos responderon convocando folga para esas dúas datas e concentracións desde hai meses reclamando "máis tempo para vivir". Todo nun contexto de reivindicación, paros e protestas nun sector que pide "condicións "dignas".
CIG, CCOO ou UGT levan tempo denunciando que a Xunta aposta polo "modelo do Madrid liberalizado", comunidade autónoma onde o comercio pode abrir calquera día do ano sen límite. En Galicia son dez os domingos e festivos nos que está permitida a apertura, unha medida xa polémica, que acabou por indignar os sindicatos coa elección da xornada posterior ao Día Nacional de Galicia e do Apóstolo e do 15 de agosto, data na que se concentran máis festas, verbenas, celebracións e xuntanzas familiares.
O pasado mércores, a Federación de Servizos de CCOO concentrouse ante o centro comercial As Cancelas, en Santiago, amosando de novo o seu "rexeitamento" á apertura de establecementos comerciais "en determinados domingos e festivos", outra mobilización da campaña que desde hai meses leva a cabo o sindicato reclamando "dereito ao descanso e á conciliación das persoas traballadoras do sector".
Os sindicatos reclaman "dereito ao descanso e á conciliación" e critican que a Xunta permitise abrir en dúas datas tan sinaladas e de escasa actividade comercial
"Esiximos tempo para vivir!", rezaba a pancarta nunha concentración na que persoal do comercio coreou consignas en defensa do descanso en domingos e festivos, incidindo na necesidade de "poñer freo a un modelo baseado na dispoñibilidade permanente das persoas traballadoras".
O venres anterior, foi a CIG quen convocou concentracións en todas as comarcas galegas reclamando maís persoal, mellores salarios, conciliación real ou descansos dignos no comercio galego e para chamar tamén á folga deste vindeiro domingo e do próximo 15 de agosto. Entre outras reivindicacións, o sindicato nacionalista reclama "descanso e conciliación" no sector, con quendas e horarios "estables que non sufran modificacións diarias ou semanais, que faciliten a conciliación da vida persoal, familiar e laboral e que respecten o descanso diario e semanal e a voluntariedade de traballar en domingos ou festivos".
"Precarización constante"
"Domingos e festivos para os directivos" foi unha das consignadas coreadas durante as concentracións para denunciar a "precarización constante das condicións de traballo no comercio e uns salarios de subsistencia que apenas superan o SMI en moitos dos convenios do sector".
Desde UGT, pola súa banda, tamén chaman á folga nestas dúas xornadas "contra a apertura do comercio en domingos e festivos" e demandan condicións "dignas" e "tempo para vivir" nun comercio "sostible e con dereitos".
Sindicatos cren que a decisión da Xunta "prendeu a chispa" das mobilizacións nun sector "marcado pola parcialidade e os horarios irregulares"
A decisión da Xunta de permitir a apertura este vindeiro domingo e o 15 de agosto foi o que "prendeu a chispa" que impulsou unha mobilización constante no comercio galego nos últimos meses, tal e como declaraba a Praza.gal Roberto Alonso, da CIG-Servizo de Compostela. "Foi a gota que rebordou o vaso; ninguén entende a apertura neses dous festivos que axudaban moito á conciliación e nunhas datas de festas, celebracións familiares... E nas que case non hai vendas nin xente; traballando, seguramente, a perdas"", explicaba.
Para CCOO, a elección da Xunta constitúe un "ataque ao dereito ao descanso e á conciliación da vida laboral, persoal e familiar". Ao seu xuízo, a ampliación da actividade comercial en domingos e festivos consolida un modelo baseado na "dispoñibilidade permanente" das persoas traballadoras, que "agrava os problemas dun sector altamente feminizado, marcado pola parcialidade, os horarios irregulares e as dificultades para compatibilizar o emprego coa vida persoal e familiar"
Folga tamén na provincia da Coruña
Non é o único conflito aberto no comercio de alimentación, no marco do conflito aberto na provincia da Coruña pola negociación do convenio, os sindicatos CIG, CCOO, UGT e USO convocaron tres novas xornadas de folga para os días 24, 25 e 26 de xullo "ante a falta de avances significativos" nas conversas para a aprobación do novo marco laboral.
Esta convocatoria chega, precisamente, logo de que estes sindicatos sinalasen a Gadis pola reclamación millonaria que a cadea de supermercados levou a cabo contra todos eles, demandándolles 1,25 millóns de euros polos prexuízos económicos sufridos durante as exitosas xornadas de paro secundadas por centos de traballadores e traballadoras nos últimos meses.