Tras as luces das compras masivas do Nadal: sobrecarga, longos horarios e traballar o domingo

Centro comercial As Cancelas, en Santiago, durante o Nadal © CC As Cancelas

Por tras das luces do Nadal, da apertura diaria das grandes superficies, das compras masivas, dos agasallos de última hora e dos comercios ateigados, queda a realidade dos e das traballadoras. Nun mes de decembro no que a normativa autonómica permite abrir todos os domingos —mais os dous primeiros de xaneiro— e no que moitas tendas amplían os seus horarios, persoal dos grandes almacéns mobilízase para denunciar a "deterioración" das súas condicións laborais e as consecuencias desa "liberalización horaria" na (imposible) conciliación ou na carga de traballo. 

O calendario da Xunta para as aperturas comerciais permite que as grandes superficies abran 55 días seguidos desde finais de novembro ata mediados de xaneiro

O calendario establecido pola Xunta neste ano e no vindeiro para os establecementos comerciais permite que as grandes superficies abran ininterrompidamente 55 días, case dous meses. Os que van da semana do 30 de novembro —primeiro domingo considerado hábil no outono— ata o sábado 17 de xaneiro, tras habilitar tamén laborable o día 11, en plenas rebaixas de xaneiro. Poden e fano as grandes cadeas fronte á imposibilidade do pequeno comercio para manter o ritmo dun largo almanaque nadaleiro. 

Mobilización de dependentas do comercio téxtil nun centro comercial CC-BY-NC-SA CIG

"Non é necesario abrir os domingos e os festivos cando o comercio, polo xeral, abre de luns a sábado ata as dez da noite... Podo comprarlles o de abrir a véspera de Reis ou o primeiro domingo das rebaixas de inverno, pero o resto? Non ten sentido", di unha dependenta dunha tenda nuns grandes almacéns en Galicia onde, como en todos, as portas abren cada día no Nadal. 

"A xente entende que o descanso é ir a un centro comercial a mercar porque as grandes superficies acadaron o seu obxectivo: vincular o lecer coas compras", din desde CCOO

"Entendo a postura das empresas se llelo permiten: que abran se queren pero que ese día festivo sexa remunerado e non compensado cun día libre. De que me vale librar un luns, martes ou mércores se non podo estar coa familia? Que mo paguen e ben", di outro compañeiro, empregado propio dunha gran superficie comercial que, como outras, obriga por convenio o seu persoal a traballar un número mínimo de domingos ao ano. 

"A mensaxe que lanzan as grandes empresas do sector é a de que unha fin de semana de compras é lecer; a xente entende que o descanso é ir a un centro comercial e mercar, porque xa acadaron o seu obxectivo: conseguiron vincular o lecer coas compras", denuncia Juan Zas, secretario de Acción Sindical de CCOO-Servizos. "O horario comercial é de 90 horas á semana; poñamos que se unha persoa traballa 40 horas, quédanlle 50 para comprar... Parecen abondas como para abrir tamén domingos e festivos, non é lóxico", engade. 

O seu sindicato desenvolve a nivel estatal unha campaña para denunciar o "malestar xeneralizado" do persoal dos grandes almacéns pola "deterioración" das súas condicións e denunciar a "sobrecarga laboral, a falta de conciliación e os baixos salarios". 

Unha enquisa revela que o 75% do persoal dos grandes almacéns reclama que domingos e festivos sexan voluntarios e compensados e un 71%, que traballar eses días é o peor do seu emprego

Unha enquisa a nivel estatal nos primeiros días de decembro e na que participaron case 25.000 persoas traballadoras do sector plasmou en datos ese malestar: case a totalidade sinalou o aumento da carga laboral e a redución do descanso como o principal problema e un 71% a obriga de traballar domingos e festivos sen compensación como o peor do seu labor. Ademais, máis do 75% considera a voluntariedade e compensación retribuída destas xornadas como a principal reivindicación. Unha porcentaxe semellante considera que o seu salario non ve recoñecido o seu esforzo. 

"Tempo para vivir!", reclaman neste Nadal vermello as e os traballadores mobilizados, que en Galicia concentráronse o pasado xoves no Alcampo da Coruña e no Carrefour de Ourense, reclamando tamén a "voluntariedade" do traballo en domingos e festivos e que estes sexan "remunerados". Porque en grandes almacéns adoita a haber un número de días non laborables nos que é obrigado ir traballar por convenio. 

Juan Zas, secretario de Acción Sindical de CCOO Servizos, na mobilización fronte ao Alcampo da Coruña CC-BY-SA CCOO Galicia

A campaña de Comisións reclama "a fin das sobrecargas, o reforzo de persoal nos picos de vendas, como neste período de Nadal, e que se cubran as baixas e as ausencias". Tamén "salarios dignos e xustos, acordes co esforzo realizado", e "incentivos reais que resulten motivadores". "Cando o traballo en domingos e festivos é voluntario e ben remunerado, non hai problemas, pero non adoita ser así", insisten desde unha tenda dun centro comercial. 

A "sobrecarga" de traballo no Nadal, con horarios ampliados e domingos abertos, aumenta o "malestar xeneralizado" no sector, que pide "salarios dignos" e poder conciliar

Alí, a falta de persoal voluntario levou a empresa a contratar persoal externo só para eses domingos e festivos. Fanlles un contrato para todo o ano de apenas 60 euros ao mes. "Cobran todos os meses, pero entre decembro e xaneiro poden chegar a traballar oito ou nove días e nas peores datas por 120 euros", explica unha empregada. Uns 15 euros por xornada. 

"No Nadal as xornadas son máis extensas, as quendas alárganse e modifícanse horarios que dificultan a conciliación. Precisamente nestas datas, case non ves a familia e hai unha evidente sobrecarga de traballo", insiste Zas, de CCOO. "Pero en Galicia a situación agora é aínda peor", conclúe. E explícao: a Xunta decidiu que o vindeiro ano o comercio poida abrir os días 26 de xullo, domingo, e o 15 de agosto, sábado festivo. "Fíxoo, ademais, sen consultar, como é habitual, cos sindicatos, en dúas fins de semanas de verán e nunhas datas especialmente sinaladas", explica. 

Unha decisión que ergueu as críticas de traballadoras e dos sindicatos do sector. CCOO convocou dúas xornadas de folga para eses días e hoxe mesmo, no Alcampo de Compostela, tamén hai unha folga convocada polo comité "en resposta á decisión da empresa de abrir o 26 de xullo e o 15 de agosto". "Afecta directamente o dereito ao descanso e á conciliación malia seren días nos que apenas hai movemento comercial", explican.

Que a Xunta permita a apertura o 25 de xullo e o 15 de agosto foi "a gota que rebordou o vaso": CCOO convocou folga eses días e o comité de Alcampo en Santiago faina este martes

A Xunta decidiu apostar pola apertura deses sinalados días ao cadrar en sábado os festivos 25 de xullo e o propio 15 de agosto. No Alcampo de Área Central nunca se abría nesas datas, facilitando que o persoal puidese gozar de dous días completos de descanso ao ser o 16 festivo local. 

"A decisión da Xunta prendeu a chispa, foi a gota que rebordou o vaso; ninguén entende a apertura neses dous festivos que axudaban moito á conciliación e nunhas datas de festas, celebracións familiares... E nas que case non hai vendas nin xente; traballando, seguramente, a perdas", explica Roberto Alonso, da CIG-Servizo de Compostela. "Ninguén o entende, pero as grandes superficies fano tamén para machucar o pequeno comercio, que non pode seguir o seu ritmo", engade. 

Centro comercial Los Rosales na Coruña © CC Los Rosales

Dez domingos e festivos ao ano

A isto únese, explica, a "complicada situación" que o persoal sofre no Nadal: "Unha barbaridade, traballando case todos os domingos, pechando ás dez da noite, chegando a casa ás once..." E, por suposto, as súas "precarias condicións laborais". "O persoal cobra pouco máis do SMI, ten un convenio estatal moi cativo e os domingos e festivos trabállanse sen unha compensación acorde", di Alonso, que lembra que nos grandes almacéns consiste en dar un día libre por semana, "o que non ten xeito nin comparación, obviamente". Nun sector, destaca, altamente "feminizado" e onde moitas das mulleres "traballan a tempo e parcial". 

"Permitir abrir o 25 de xullo e o 15 de agosto en Galicia é un absurdo absoluto; eses días non hai ninguén"

"Por sorte, a xente cada vez valora máis a conciliación e poder gozar da vida, valórase máis o tempo", di o representante da CIG, que atopa aí a explicación de que grandes cadeas "teñan cada vez máis difícil atopar persoal para certos postos". "Non se debería abrir ningún domingo nin festivo, nin permitir aperturas ata as dez da noite; chegaría con pechar ás oito porque esa sería tamén a maneira de afacer as persoas consumidoras a horarios máis razoables e respectuosos", engade quen denuncia que a Xunta queira levar Galicia ao "modelo do Madrid liberalizado". 

Nesa comunidade autónoma, o comercio pode abrir calquera día do ano, sen límite. En Galicia, son dez os domingos e festivos nos que está permitida a apertura, unha cifra semellante á de moitos territorios, pero aínda lonxe dos 16 de Andalucía e Murcia. Con todo, deixar abrir festivos de xullo e agosto non é o máis habitual. 

Mobilización de persoal de Lefties no centro comercial Marineda da Coruña CC-BY-NC-SA CIG

"Teño traballado algún sábado ou festivo de xullo e agosto e non hai case ninguén, podes pasar o día sen facer apenas nada; non ten xeito ningún o que fan, é inútil", explican dependentas de grandes almacéns. "Un 25 de xullo ou un 15 de agosto aberto no Área Central, lonxe do centro de Santiago, coa xente na praia ou nas festas? Pero a quen se lle ocorre?", retruca Roberto Alonso. Este ano, sendo ponte, abriuse o 16 de agosto. "Non houbo ninguén", recorda. "Facer isto en Galicia é un absurdo absoluto, supón estragarlle unha fin de semana sinalada so verán á xente, nada máis", di unha traballadora.

O malestar, evidente no sector, agrándase nestas datas. Polos horarios, polos festivos e pola masificación e sobrecarga que fomentan —lembran— as grandes superficies e as grandes cadeas comerciais. Tamén polo estrés. "O día de Noiteboa e de Fin de Ano abondaría con abrir só pola mañá e non estar ata as oito da tarde... Tes familia e, en moitos casos, quilómetros por facer para reunirte con ela. Non ten sentido pero moitas empresas seguen facéndoo", quéixase un traballador desde un grande almacén nunha grande urbe. 

Pero o mércores, a última hora, e pouco antes da cea, volverá haber quen se achegue ao centro comercial para as últimas compras. E volverá haber dependentas detrás do mostrador.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.