Unha nova agresión sexual a unha traballadora do SAF revela a "desprotección" destas profesionais

Concentración no Porriño tras o asasinato dunha traballadora do servizo de axuda no fogar, nunha imaxe de arquivo © CIG-Servizos

Unha empregada do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) en Arteixo sufriu unha agresión sexual mentres realizaba o seu traballo. CIG-Servizos di que o sucedido pon de manifesto "a situación de vulnerabilidade e desprotección á que se enfrontan moitas profesionais que desenvolven o seu labor nos domicilios particulares"

Unha empregada do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) en Arteixo sufriu unha agresión sexual mentres realizaba o seu traballo. O incidente engádese a outros ataques que de forma continuada son obxecto estas traballadoras, e que veñen sendo denunciadas polas centrais sindicais. O Concello de Arteixo confirmou que ten coñecemento dos feitos e que, en coordinación coa empresa concesionaria, xa activou os protocolos previstos.

CIG-Servizos sinalou a través dun comunicado a súa "máis absoluta condena e repulsa" e subliña que este "feito gravísimo e intolerábel" volve poñer de manifesto "a situación de vulnerabilidade e desprotección á que se enfrontan moitas profesionais que desenvolven o seu labor nos domicilios particulares". "Ningunha muller debería sufrir violencia sexual no seu posto de traballo nin ter que poñer en risco a súa integridade física e psicolóxica por exercer a súa profesión", destaca o sindicato.

Protesta de traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar, nunha imaxe de arquivo © CIG

A CIG lembra que esta agresión non é "un feito que se poida analizar de maneira illada, pois as traballadoras do SAF están expostas a diferentes formas de violencia no desenvolvemento da súa actividade profesional: agresións sexuais, violencia física, ameazas, insultos, humillacións e violencia verbal"

A CIG lembra que esta agresión non é "un feito que se poida analizar de maneira illada, pois as traballadoras do SAF están expostas a diferentes formas de violencia no desenvolvemento da súa actividade profesional: agresións sexuais, violencia física, ameazas, insultos, humillacións e violencia verbal". "Situacións que, con demasiada frecuencia, permanecen invisibilizadas, ás que non se lles dá resposta, e que non poden seguir asumíndose como parte das condicións habituais deste traballo", engade a central nacionalista.

As profesionais do SAF, que realizan unha tarefa esencial para a sociedade, atendendo persoas maiores, dependentes e persoas en situación de vulnerabilidade, "desenvolven o seu traballo en solitario, en espazos privados e sen os mecanismos de prevención, protección e acompañamento necesarios para garantir a súa seguridade, incluso despois de vivir agresións", sinala CIG-Servizos no comunicado, no que lembra que a responsabilidade de garantir a seguridade das traballadoras "non só é das empresas concesionarias, senón tamén é das administracións públicas", neste caso do Concello de Arteixo e da Xunta.

A CIG critica a negativa da Consellaría de Política Social a asinar o Protocolo para a prevención e actuación ante situacións de violencia laboral externa no Servizo de Axuda no Fogar

A CIG critica neste senso a negativa da Consellaría de Política Social a asinar o Protocolo para a prevención e actuación ante situacións de violencia laboral externa no Servizo de Axuda no Fogar (SAF), así como o documento de compromiso necesario para garantir a súa aplicación efectiva. Este protocolo, froito de once meses de traballo e negociación entre administracións, organizacións sindicais, entidades profesionais e patronais, naceu precisamente da necesidade de estabelecer medidas reais de prevención, actuación e protección fronte ás situacións de violencia que sofren as traballadoras do SAF.

“Non abonda con participar na elaboración dun protocolo nin con facer declaracións públicas sobre a importancia dos coidados. Cómpre asumir compromisos, dotar recursos e garantir os cambios normativos necesarios para que as medidas acordadas se poidan aplicar realmente”, conclúe o sindicato, que lle demanda á Xunta que "rectifique, asine o documento de compromiso e asuma a súa responsabilidade na protección das traballadoras do SAF".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.