A Xunta accede a pór máis cartos na Axuda no Fogar pero os concellos seguirán pagando

Un home de idade avanzada nunha residencia pública de maiores CC-BY-SA Ana Varela / Xunta

Máis de 20.000 persoas en situación de dependencia reciben en Galicia atención do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), unha prestación da Lei de Dependencia que executan os concellos pero dependente do financiamento da Xunta mediante fondos propios e transferidos polo Estado. Dende hai anos os gobernos locais veñen advertindo de que os custos do SAF afogan as súas contas e reclamando que o Goberno galego asuma o 100% do custo do servizo. Finalmente, a Xunta porá máis cartos pero os concellos seguirán a pagar.

Política Social aumenta a súa oferta de incremento de 16 a 18 euros por hora fronte aos 12 actuais

Este foi o escenario no que os gobernos municipais, a través da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) abordaron unha negociación que a Consellería de Política Social comezou ofrecendo pasar dos actuais 12 euros por hora do SAF que achega aos concellos ata 16 no ano 2028. Mentres, a Fegamp reclamaba que o actual mandato municipal finalizase en 2027 co Goberno galego asumindo integramente o custo do servizo, que rolda os 22 euros por hora -estiman, baseándose na media de contratos de SAF adxudicados en 2025-.

Concretamente, o departamento que dirixe Fabiola García rematou o pasado ano ofrecendo á Comisión Executiva da Fegamp (formada por alcaldías de PSdeG, PP e BNG e presidida polo rexedor socialista de Vilagarcía, Alberto Varela) subir en 2026 de 12 a 14 euros por hora, ascender a 15 en 2027 e a 16 en 2028. Os concellos rexeitaran a oferta por insuficiente e citáranse para este pasado martes, 20 de xaneiro, para mesmo manexar a posibilidade de reclamarlle á Xunta os cartos nos tribunais.

A Fegamp, que calcula un custo real superior aos 22 euros por hora, acepta sen "renunciar ao obxectivo" de que Xunta e Estado asuman o 100% do custo e condicionada, admite, pola "urxencia económica que están a padecer os concellos"

Pero a ese encontro, explica a Fegamp, chegaron cunha nova oferta da Xunta. Incrementaba o importe ofrecido para 2026 de 14 a 16 euros por hora; para 2027 ofrecía 17 euros e non 15, que en 2028 serían 18 e non 16. Ademais, detallan, Política Social bríndase a crear unha "comisión de avaliación dos novos prezos" dos contratos do SAF para "unha posible revisión das achegas" no futuro. E este acordo si recibiu o visto e prace da Comisión Executiva cos votos a prol das alcaldías de PSdeG e PP pero non do BNG, que se mantivo na postura de reclamar o financiamento íntegro.

Neste sentido, a presidencia da Fegamp asegura que o pacto non implica "renunciar ao obxectivo final de que o financiamento do SAF sexa cuberto na súa integridade" pola Xunta e polo Estado, "como sinala a Lei de Dependencia" -a norma indica que o Goberno galego debe achegar cando menos o mesmo que o Goberno de España-. No "si", agregan, pesou tamén a "urxencia económica que están a padecer os concellos" para pagar o SAF.

O BNG desmárcase de calquera pacto que non implique "achegarse ao prezo real" dun servizo que "a lei di qeu teñen que pagar entre o Estado e as autonomías"

Neste escenario, Política Social dá por "cumprido" o "compromiso de seguir reforzando o apoio aos concellos para aliviar a carga económica que supón para eles a prestación deste servizo, que é competencia municipal". Avanza, asemade, que "en vindeiras datas" asinarán en público o pacto coa Fegamp.

A representación do Bloque na entidade municipalista, pola súa banda, mantén que seguirá sen "avalar" calquera proposta que "non sexa achegarse ao prezo real do custe da prestación do servizo" que, advirte o alcalde de San Sadurniño e vicepresidente da Fegamp, Secundino García, "se sitúa xa hoxe no promedio de 24 euros por hora". Aceptar o pacto, engade, "sería recoñecer que os concellos temos que sufragar parte do custo dun recurso que a lei di que teñen que pagar entre o Estado e as comunidades autónomas".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.