O pasado 21 de outubro, no inicio da mobilización convocada contra a presenza do líder de Vox, Santiago Abascal, na Coruña, unha imaxe captou a atención. Baixando cara á praza de María Pita, centos de mozos e mozas seguían unha pancarta que chamaba a "facer fronte ao fascismo" entre ducias de bandeiras vermellas. Dúas semanas antes, en Compostela, un milleiro manifestábase á noite "contra o réxime de rendistas e empresarios" tras unha convocatoria feita só unhas horas antes.
Unha nova organización xuvenil gaña protagonismo nas mobilizacións en Galicia, cunha estética comunista tradicional e reivindicando a "loita polo socialismo"
Destacaban na marcha as mesmas bandeiras encarnadas —simples, unha tea vermella sen símbolo nin sigla ningunha— que se viron despois noutras protestas antifascistas ou que agromaran xa noutro acto contra a presenza da ultradereita en Santiago, daquela mesturadas coas estreleiras nacionalistas, como en anteriores mobilizacións contra Altri, contra o militarismo en Vigo ou pola vivenda nas últimas semanas. Cada vez con maior presenza.
Desde hai xa tempo, unha recente organización xuvenil colle pulo e protagonismo nas mobilizacións da esquerda en Galicia. De estética comunista tradicional e reivindicando sen complexos a loita de clases e "polo socialismo", gaña protagonismo mentres suma mozos e mozas nas súas convocatorias. Tirando tamén dunha coidada difusión audiovisual nas súas redes, en forma de vídeos e fotos detalladamente tratados e editados.
É a Coordinadora da Mocidade Socialista (CMS), nada en setembro de 2025 en Galicia tras un longo proceso de debate que arrincou na primavera de 2024, cando a iniciativa denominada Creba Socialista chamara a xente nova —con abundante cartelaría polas cidades galegas— a "rachar co vello mundo", avanzando na autoorganización alén da "esquerda prosistema" e da política puramente institucional.
A Coordinadora da Mocidade Socialista naceu en setembro de 2025 tras un longo debate e seguindo o ronsel da GKS do País Vasco, onde se impulsou o Movemento Socialista no Estado
Unha organización inserida no ámbito do Movemento Socialista xurdido en Euskadi hai uns anos e espallado por varios puntos do Estado, con forte presenza en Catalunya ou Madrid. Inspirada na pioneira Gazte Koordinadora Sozialista (GKS), entidade de crecente protagonismo e forte presenza nas provincias vascas, onde gaña peso e mesmo supera ás veces o do movemento xuvenil tradicional da esquerda abertzale, de onde agromou tras diferenzas no ámbito estudantil coas plataformas máis vinculadas a Sortu ou EH Bildu.
Hai só dúas semanas, tras as polémicas cargas logo do acto de Vox na Coruña, varios membros da CMS ofreceron unha rolda de prensa para denunciar a "brutalidade policial", lucindo fotos de feridas que sinalaron como consecuencias dos golpes de porras ou bolas de goma. O acto deu a coñecer unha organización ata daquela descoñecida para a maioría. Xente moi nova que sorprendeu e impactou a moitos.
"Sorprende a certas persoas, aquelas que compran o relato de que a mocidade está desorganizada, desmobilizada ou virada cara á dereita; o que estamos facendo é combater diariamente ese discurso, que é tamén paternalista, sobre a xente nova", di Jano Rego, membro da CMS en Galicia, que explica que a súa organización é aínda "pequena" pero está en continuo "crecemento".
A CMS di "combater" o relato que atribúe á mocidade falta de organización ou unha viraxe á dereita e sinala "os límites" da esquerda parlamentaria ante a actual crise
Para Rego, a clave está en que a CMS "acerta" recuperando "unha visión revolucionaria da sociedade" e mais coas "claves que pon enriba da mesa". Cales? "Os límites que ten a esquerda, na súa alternativa máis parlamentaria, para responder as situacións actuais, ao igual que ocorría con asociacións ou espazos máis de base".
De moitas desas entidades procedían o medio cento de mozos e mozas que artellaron o que acabaría sendo a CMS. "Viñamos de militar en diversos espazos políticos, de base da esquerda independentista en moitos casos e un pouco máis partidarios noutros; uníanos a visión de que estes espazos eran impotentes para responder á conxuntura política que iamos vivindo", explica Rego, que engade que logo da pandemia comprobaron como aqueles ámbitos de militancia "íanse desartellando" e os seus referentes políticos collían "un camiño cada vez máis claro de renuncia aos principios, abandonando as bases da política obreira, militante".
Sen cifras exactas, Rego explica que a Coordinadora foi quen de "sacar un milleiro de persoas á rúa" nunha mobilización de urxencia e adoita xuntar 500 en moitas outras. Conta con presenza nas sete cidades e en varias comarcas como O Morrazo, O Salnés, Baixo Miño ou A Mariña; e nas urbes organízanse tamén en diferentes barrios, ademais de en asembleas de estudantes en varios campus, tendo cada vez máis peso en entidades culturais e mesmo deportivas. Cunha forte base teórica por tras, pero cun uso fundamental e coidado das redes sociais por parte duns mozos e mozas nativos dixitais e con enorme coñecemento do poder audiovisual.
Formación teórica e "firmeza ideolóxica"
A CMS impulsa tamén varios comités de folga de cara ao 11N, unha mobilización, a da vivenda, onde a organización cobrou relevancia nas últimas semanas. E onde a xente máis nova é claramente interpelada. "A mocidade está vendo como perde toda referencia de futuro, de posibilidade de mellorar a situación e de confianza en certas fórmulas políticas", explica Rego. O contexto, insiste, explica tamén que cada vez máis mozos e mozas se acheguen á súa proposta.
"Defendemos ideas antifascistas e socialistas, que veñen de lonxe e se crían como esquecidas, e reivindicamos a súa vixencia", engade Rego, que atribúe unha e outra vez á "firmeza" ideolóxica e nos obxectivos como a clave dun movemento que, xa na súa presentación, deixou claro o seu propósito: "Traballar con seriedade por facer do comunismo unha tendencia de masas en Galiza". De pano de fondo, a crítica aos "políticos profesionais" e á "socialdemocracia" e a chamada á xente nova a "reorganizarse sobre os intereses independentes que ten como clase".
A CMS defende sen complexos o comunismo e critica os "políticos profesionais"; en Galicia ten presenza en todas as cidades e varias vilas e gaña presenza nas universidades
Jano Rego aclara tamén que no seu labor inclúese a "actualización da estratexia socialista, dos postulados históricos" e medrar a través da militancia "con redes sólidas nos barrios, nos centros de estudo". Todo nunha organización que, lembra, "coida a análise teórica" e a formación.
A importancia que lle dan á formación teórica foi do que máis sorprende entre persoas expertas nestes movementos e profesorado de universidade que colaborou nalgún dos seminarios organizados pola CMS. "Moitos dos seus membros estanse doutorando, son estudantado universitario moi preparado, con gran coñecemento das correntes máis actualizadas do marxismo e cun ecosistema editorial e de produción teórica moi vizoso", explica unha destas fontes. "De aí sairán futuros cadros da esquerda en Galicia para os próximos anos, ben seguro", coinciden dúas destas voces.
Entre as variadas críticas que pairan tras a súa aparición, por suposto, a súa aposta clara —ideolóxica, táctica pero tamén estética— polo comunismo. "A mocidade é especialmente proclive ao comunismo porque o comunismo responde especialmente aos seus problemas; isto pode asustar a certa xente porque estamos nun punto no que a firmeza nos principios confúndese co dogmatismo", di Rego.
"A mocidade é especialmente proclive ao comunismo", di Rego, membro da CMS, que aclara que os "principios claros" da organización non impiden a súa "flexibilidade táctica"
"Temos uns principios claros fundados no comunismo que se elevan ás nosas ideas políticas, pero isto non significa que non despreguemos flexibilidades tácticas e reflexións sobre cada cuestión particular ou que non esteamos abertos a debater", responde, apelando a un pragmatismo táctico ante as acusacións de dogmatismo, que rexeita.
"Apostaron por uns consensos mínimos comúns; firmes e claros, pero uns mínimos... E aí acertaron de cheo", explica outra das fontes coñecedoras da traxectoria da CMS, que cre que o movemento soubo, polo momento, fuxir de polémicas recorrentes na esquerda e recoñecer posturas nada contundentes en temas espiñentos. "Ata o de agora non caeron no campismo nin hai evidencias ningunhas de rojipardismo", defenden as mesmas fontes.
Con todo, as críticas chegan dun e doutro lado. Pola súa ideoloxía, pola falta de contundencia na condena da violencia tras os altercados que sucederon ao acto de Santiago Abascal na Coruña, ou pola súa confrontación institucional, por exemplo tras pedir a dimisión do delegado do Goberno ou da alcaldesa, Inés Rey.
A "grande indignación" que percorre Europa
Desde a CMS, ante as críticas, instan a "non borrar do foco a indignación que está xerando o capitalismo e un sistema que é, de base, inxusto". "Érguese o escándalo por algúns altercados pero non polas cazarías racistas, polas agresións homófobas ou pola violencia estrutural contra a clase traballadora", di Rego, que lembra que esa "grande indignación" déixase ver xa nas rúas de toda Europa.
A aparición da Coordinadora trouxo tamén críticas desde o ámbito do nacionalismo galego, con quen coinciden na maioría das mobilizacións sen maior problema. Bandeiras vermellas e estreleiras mestúranse desde hai meses en protestas onde o liderado de Galiza Nova ou sindicatos estudantís como Erguer é compartido con este movemento socialista.
Desde o independentismo hai voces que non comparten en absoluto ir á confrontación cunha organización coa que coinciden en moitas mobilizacións e obxectivos, pero tamén as hai que ven no seu auxe unha operación sospeitosa, mesmo de Estado —aludindo a intencións do CNI—, e a cualifican de "españolismo".
A aparición da CMS ergueu críticas desde o nacionalismo que a organización considera "intolerables" e "ridículas" nalgúns casos: "Buscan deslexitimarnos"
Para Jano Rego hai acusacións que son "intolerables" e acaban sendo "ridículas", como esas afirmacións, que di "conspiranoicas", que ven na man do Estado e da súa intelixencia o impulso da organización. "Buscan deslexitimar por principios toda unha xeración de mozos que está decidindo organizarse noutras coordenadas estratéxicas e que formulan certos límites na aposta política do nacionalismo", di quen cre que o espazo político soberanista —de onde moitos deles saíron— "debería analizar con rigorosidade o que algúns din".
"Somos mozos e mozas que estamos saíndo á rúa a parar o fascismo, polos dereitos lingüísticos da clase traballadora e defendendo valores importantes para o país", explica Rego sobre un movemento que defende a autodeterminación de Galicia. "A acusación de españolismo non sorprende porque xa o sufriron outras organizacións no independentismo; non se fundamenta nin nos feitos nin nun debate racional", engade quen chama a "non erguer dúbidas que non contribúen a ninguén" e que cre que "quen debate e chega a acordos con opcións políticas á súa dereita debería manter un mínimo de respecto sobre o espazo á súa esquerda".
Un partido no futuro?
O debate, polo de agora, cínguese ás organizacións xuvenís, pero desde a Coordinadora aclaran que "a mocidade é un punto de partida" no seu movemento porque "tiña unhas características co máis posibilidades para iniciar un proceso de ruptura política a favor do comunismo". Quer pola "debilidade das organizacións reformistas para chegar a estas capas", quer pola "vontade de loita" destes sectores.
Por iso, Rego aclara que será "necesario" no futuro "fundar referentes organizativos que inclúan o conxunto da clase traballadora" e non só a xente máis nova. "Niso traballamos", engade. En definitiva, apostar por unha organización política. Como "exemplo", aclara, o EHKS (Consello Socialista de Euskal Herria), partido creado hai tres anos e referente no País Vasco do Movemento Socialista que inclúe tamén a GKS e a organización estudantil IAS.