A Fegamp advirte de que o custo do SAF xa rolda os 22 euros por hora e a Xunta mantén a oferta de subir dende os actuais 12 euros ata 16 en 2028
A conselleira de Política Social, Fabiola García, e o presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), Alberto Varela, concluíron este pasado luns a súa xuntanza sobre o financiamento do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) emprazándose a seguir negociando tras as festas de Nadal, Aninovo e Reis. É unha pugna na que, en síntese, os concellos reclaman á Xunta que asuma as súas competencias e financie o 100% dun servizo que afoga os gobernos locais, especialmente os de menor dimensión, e que xa olla aos tribunais de Xustiza.
Sobre a mesa do Goberno galego está a reclamación da Fegamp para que Política Social ascenda o financiamento desta prestación da Lei de Dependencia, que reciben unhas 20.000 persoas, dende os actuais 12 euros por hora ata, cando menos, o custo medio dos contratos do SAF adxudicados este ano polos concellos: 22,72 euros a hora. Pero o departamento que dirixe García só está disposto a chegar a 16 euros e facelo, ademais, de aquí a 2028.
Concretamente, Política Social propón pasar de 12 a 14 euros por hora en 2026. Chegar a 15 en 2027 e a 16 en 2028, ano final da lexislatura galega. A Fegamp sostén que, cando menos, cómpren 17 euros por hora aplicables dende o pasado xaneiro e "antes de rematar o mandato dos concellos", a mediados de 2027, completar "o 100% do custo do SAF, seguindo o marcado pola Lei de Dependencia".
No caso de "non conseguir avances" para que Política Social asuma o 100% do custo do SAF "en cumprimento da Lei de Dependencia", o presidente da Fegamp proporá á Comisión Executiva da entidade municipalista "valorar a reclamación xudicial" dos cartos
Fontes da Fegamp consultadas por Praza.gal confirman que esta posición, a aprobada pola Comisión Executiva da entidade municipalista, foi a sostida polo tamén alcalde socialista de Vilagarcía na xuntanza coa conselleira. A vontade de Varela, especifican as mesmas fontes, é procurar "avances" pero, "se non se conseguisen", trasladará a esa mesma Comisión Executiva -o órgano de goberno ordinario da Fegam formado por alcaldes e alcaldesas de PSdeG, PP e BNG- a "proposta de valorar a reclamación xudicial na defensa dos dereitos dos concellos e no cumprimento da Lei de Dependencia".
Ata 100 millóns por riba dos 148 previstos
Todo isto sucede nun contexto no que os Orzamentos Xerais da Xunta para 2026, acabados de aprobar no Parlamento, reservan para o SAF 148 millóns de euros: 95 da Xunta (5 máis que en 2025) e 52 procedentes do Goberno de España (3 máis). Este montante supón 8 millóns máis que nas contas deste ano a piques de rematar, exercicio no que, non obstante, Política Social retirou cando menos 19 millóns de euros dos fondos do SAF para financiar outra prestación da Lei de Dependencia, a "libranza para coidados na contorna familiar", isto é, a achega de apenas 400 euros mensuais para familiares que coidan persoas dependentes na casa.
Dende a entidade que representa os concellos galegos advirten, non obstante, que o ascenso orzamentario para 2026 non será, nin de lonxe, abondo para financiar o servizo. No seo da Fegamp estiman que cumprirían, cando menos, uns 100 millóns máis ao ano para completar a súa reclamación: un financiamento completo por parte da Xunta, que á súa vez reitera a esixencia de máis fondos ao Estado.