O Concello das Neves resta importancia a un caso de acoso sexual a unha traballadora que tiña un contrato especial como vítima de violencia de xénero
Cantas veces pode unha muller ser recoñecida como vítima de violencia de xénero e, á vez, seguir sendo obxecto das violencias machistas? Unha traballadora do Concello das Neves realizou varias queixas ata que, ante a inacción por parte do alcalde, decide presentar unha denuncia polo acoso sexual que está a sufrir por parte doutro traballador municipal.
A traballadora ten un contrato temporal no marco dun programa de promoción ligado á facilitación de emprego a vítimas de violencia de xénero rexistradas no sistema VioGén. Coñecendo estes antecedentes, é contratada por unha administración pública que carece de protocolo de acoso –obrigatorio dende 2007– e comeza a traballar sen que se realice unha avaliación de riscos psicosociais do seu posto de traballo, e mesmo sen recibir ningún tipo de información en materia de prevención de riscos laborais.
“Aínda coñecendo o perfil da traballadora e a súa condición de persoa especialmente sensible por estar afectada polo recoñecemento de vítima de violencia de xénero, tampouco se lle fixo exame previo de saúde”, detalla o informe da Inspección provincial de Traballo e Seguridade Social de Pontevedra, ao que tivo acceso Praza.gal, no que se considera probado o acoso sexual a esta traballadora do Concello das Neves.
O alcalde das Neves e xefe de persoal do Concello, José Manuel Alfonso, manifesta na súa declaración diante da Inspección de Traballo como lle “ensinou” á traballadora a facer o seu traballo en público. “Houbo xente que me criticou por isto”, asume. A traballadora explica que o trato recibido polo rexedor mudou cando o interpelou sobre o feito de que os seus compañeiros tiñan coñecemento da súa condición de vítima de violencia de xénero, cando ela non o comentara e non desexaba que fose público. “Comezou a realizar un control do meu traballo totalmente diferente ao do resto do cadro de persoal”, sinala na entrevista coa Inspección.
É ao alcalde a quen ten que acudir a traballadora cando comeza a “evidenciar sinais de alarma en comentarios dun dos compañeiros”. Entre eses comentarios están os seguintes: “Ti tes que usar tanga, as bragas son para as vellas ”. “Que pena non tocar cousas que eu podo tocar”. ”O leite que sabe ben o do meu palo”. “Vou á farmacia a por condóns XL”.
"Aínda coñecendo o perfil da traballadora e a súa condición de persoa especialmente sensible por estar afectada polo recoñecemento de vítima de violencia de xénero, tampouco se lle fixo exame previo de saúde", detalla o informe da Inspección provincial de Traballo e Seguridade Social de Pontevedra
Durante tres meses a traballadora conta como ía “incrementando a presión” no seu posto de traballo pola actitude e as accións deste outro traballador municipal, que “comezou ir mexar” no lugar de traballo –neste caso, a rúa– “sen apartarse” dela e que “vía porno no móbil” estando ela diante. Finalmente, un día “chegou directamente ao contacto físico” e foi increpado por outro traballador co que compartían quenda. Este compañeiro ratifica na súa declaración o manifestado pola vítima sobre o seu agresor.
O Concello crea unha comisión de seguimento para abordar a denuncia de acoso sexual presentada pola traballadora, integrada por persoal municipal sen formación en igualdade ou violencia de xénero. Dita comisión, en palabras do alcalde recollidas pola Inspección de Traballo, conclúe que “non hai acoso, pero si un expediente por un comportamento feo”.
A Inspección de Traballo destaca no seu informe que “a actitude do traballador cara á súa compañeira, a través dos feitos que se recoñeceron como probados, e que se concreta nos tocamentos non desexados, a visualización de vídeos de contido pornográfico e a elección do sitio onde ouriñar para que fose visto, delatan un comportamento de natureza sexual, que busca atentar contra a dignidade [da traballadora denunciante] e que contribúe a crear unha contorna intimidante, degradante e ofensiva”.
Inspección de Traballo destaca que "a actitude do traballador" delata "un comportamento de natureza sexual, que busca atentar contra a dignidade"
No informe da Inspección lémbrase que é unha obriga das empresas promover as condicións de traballo que eviten o acoso sexual e o acoso por razón de sexo do seu persoal. “Hai unha obriga legal de que os empregadores protexan as persoas traballadoras ao seu cargo contra todos os riscos no lugar de traballo, e contempla, como non pode ser doutro xeito, os riscos psicosociais e a especial atención a aquelas persoas que presenten sensibilidade especial”. Neste caso, o ente público considera que “esta condición central na relación laboral da traballadora non foi tida en conta”.
Ester Mariño, responsable da Secretaría das Mulleres da CIG de Vigo, acompañou a traballadora dende que decidiu presentar a denuncia por acoso sexual no ámbito laboral. “Escudándose en que As Neves é un Concello pequeno asumían que este tipo de situacións non son constitutivas de acoso e que non requiren ningún tipo de intervención”, lembra.
“Este caso ilustra moitas cousas. Ilustra a falta de protección a nivel laboral das vítimas, pero das mulleres en xeral; e tamén ilustra o fallo do propio sistema de protección a vítimas de violencia de xénero. É dicir, ela está nun programa e lonxe de axudala o que fixeron foi expoñela a outra situación de violencia. Isto, que conste, é moi común. O exemplo son as traballadoras dos servizos de axuda no fogar (SAF) que sofren toda clase de violencias”, asevera Mariño.
A Secretaría das Mulleres da CIG convocou unha concentración diante do Concello das Neves para denunciar a desprotección da traballadora, un grupo de persoas acudiu en apoio do agresor ao berro de "non estás só"
Inspección de Traballo propón sancións tanto pola falta de prevención, como da inexistente avaliación de riscos. O caso está xudicializado pola vía penal, pero o traballador autor do acoso sexual –segundo informa a CIG– continúa ocupando o seu posto sen que se lle aplicase ningunha medida disciplinaria pola súa conduta.
Na actualidade, a vítima está en situación de incapacidade temporal e a Inspección de Traballo destaca que das actuacións practicadas e detalladas no seu informe “extráense indicios suficientes para indicar que a súa saúde puido verse afectada polos riscos de carácter psicosocial aos que estivo exposta no seu posto de traballo”.
A Secretaría das Mulleres da CIG convocou unha mobilización o pasado venres diante do Concello das Neves para denunciar a desprotección desta traballadora, trasladarlle apoio e solidariedade, e para esixir responsabilidades tanto ao autor dos feitos como ao alcalde e xefe de persoal. O alcalde das Neves solicitou a través dun comunicado que se eviten “xuízos anticipados” e indicou que a súa “prioridade” é que “máis pronto que tarde se esclarezan na vía penal os feitos”. Durante a concentración, un grupo de persoas acudiu en apoio do agresor ao berro de “non estás só”.
🟣 O teléfono 016 do Ministerio de Igualdade ofrece información e asesoramento ante posibles casos de violencia de xénero, e en Galicia a Xunta ten habilitado no 900 400 273 o Teléfono da Muller, ambos son gratuítos e anónimos e funcionan as 24 horas do día durante todo o ano (pero hai que borrar a chamada para que non figure no rexistro). Tamén se pode contactar co 016 escribindo na súa canle de WhatsApp co número 600 000 016, por correo electrónico no enderezo 016-online@igualdad.gob.es ou no chat online accesible desde o sitio web violenciagenero.igualdad.gob.es. Se se trata dunha emerxencia, hai que chamar ao 112 ou facer uso da aplicación ALERTCOPS, que envía unha alerta á Policía coa xeolocalización.