O Supremo ratifica a condena a un garda civil de Monforte por enviar mensaxes sexuais a unha subordinada

Imaxe de arquivo da Garda Civil en Galicia CC-BY-SA Xunta de Galicia

O alto tribunal avala ao Tribunal Militar da Coruña que o considerou culpable dun delito de abuso de autoridade e o condenou a seis meses de cadea e suspensión de emprego

O Tribunal Supremo vén de facer pública unha sentenza, con data do 20 de xullo, coa que ratifica outra previa do Tribunal Militar da Coruña que condenou a un garda civil de Monforte por enviar mensaxes sexuais a unha subordinada, feitos considerados un abuso de autoridade na súa modalidade de acoso sexual. O axente é así condenado a seis meses de cadea e suspensión militar de emprego durante ese mesmo tempo así como a indemnizar a vítima con 4.170 euros. Ademais, estableceuse a responsabilidade subsidiaria do Estado no pagamento da indemnización por sucederen os feitos en acto de servizo.

Sentenza que condena un brigada da Garda Civil por acoso sexual a unha subordinada e que agora ratifica o Supremo CC-BY-SA Imaxe: Garda Civil | Montaxe: Praza Pública

Segundo os feitos probados da primeira sentenza, revelada por Praza.gal, en febreiro de 2023, estando condenado e vítima no seu posto de traballo na plana maior da compañía da Garda Civil en Monforte de Lemos, o brigada enviou á axente dúas mensaxes distintas de contido sexual. A primeira, a primeira hora da mañá, dunha "persoa espida sobre outra" a semellanza do coñecido home de Vitrubio de Leonardo da Vinci que o tribunal considera "un meme" para "facer un requirimento de relación sexual" ao que a axente contestou que non lle mandase "guarradas".

Tres horas máis tarde o brigada enviou unha segunda mensaxe cun vídeo no que "aparece unha muller berrando mentres é penetrada violentamente por un home co seu pene". Unha "montaxe de vídeo cunha relación sexual explícita pornográfica" que segundo o tribunal "tivo a aptitude para provocar" na vítima "unha situación obxectiva e gravemente intimidatoria, hostil ou humillante".

Aquela primeira sentenza considerou que "nos atopamos cunha proposición ou insinuación sexual efectuada por un brigada da Garda Civil respecto a unha garda civil, subordinada directa, conduta que se leva a cabo en horario laboral, mentres se atopan desempeñando as súas funcións". Unha "conduta claramente atentatoria á dignidade e liberdade sexual da garda civil" que o tribunal considera delito de abuso de autoridade na modalidade de acoso sexual.

Unha axente da Garda Civil nunha estrada galega © Delegación do Goberno de España en Galicia

Ante esa sentenza o axente recorreu ao Supremo con diversos argumentos, como que o tribunal fixera unha valoración das probas irracional e arbitraria, que a declaración da vítima debía ser insuficiente para condenalo, ou que se lle aplicara mal o tipo delitivo. Pero o Supremo desbota todos os seus argumentos e ratifica en todos os seus extremos a sentenza do Tribunal Militar da Coruña. 

O Supremo di que "o envío das mensaxes" é "un feito incuestionado" e que ademais ante o tribunal da Coruña compareceron 14 testemuñas

A sentenza do Supremo lembra que se tivo en consideración "non só a declaración da denunciante senón tamén a proba documental incorporada", "incuestionada polas partes e que consiste na pericia do vertido do contido do teléfono da denunciante". Así, di que "o envío das mensaxes" é "un feito incuestionado polo recorrente". 

Tamén lembra que "no presente caso o tribunal de instancia escoitou durante a vista oral os testemuños de nada menos que catorce testemuñas". E di que "non se aprecia irracionalidade ou arbitrariedade algunha nesta valoración do tribunal de instancia". Por todo iso, o Supremo conclúe desestimando o recurso do axente e ratificando a súa condena por abuso de autoridade na modalidade de acoso sexual. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.