Case 17 anos de prisión para o vigués que tratou de asasinar a súa exparella e lle queimou o 28% do corpo

Vista da cidade de Vigo CC-BY-SA Valentino Mazzariello

A sentenza considera probado que o condenado levou a cabo este intento de asasinato “movido por un sentimento de superioridade e posesión” cara á vítima “como muller e parella”

A Audiencia Provincial de Pontevedra condena a 16 anos e 11 meses de prisión ao home que intentou queimar viva á súa exparella en Vigo o 14 de setembro de 2024. A sentenza considera probado que o condenado levou a cabo este intento de asasinato “movido por un sentimento de superioridade e posesión” cara á vítima “como muller e parella”; e incide en que o vigués se mantivo “sen aceptar a ruptura” da relación e non cesou na súa intención de “dominar e menosprezar” a vítima.

As tres xuízas do tribunal establecen que é culpable dun delito de asasinato en grao de tentativa, concorrendo as agravantes de xénero e de parentesco, e doutro de malos tratos psicolóxicos habituais. A Fiscalía solicitaba 21 anos de cadea para o home. Por outra banda, a sentenza imponlle a prohibición de aproximarse á vítima a menos de 500 metros e de comunicarse con ela de forma directa ou indirecta –por escrito, verbal ou visual e a través de calquera medio telefónico, telemático ou informático– durante 31 anos, sendo obxecto de control a través de dispositivo telemático.

Sede da Audiencia Provincial de Pontevedra © Google

O tribunal, tras valorar a declaración da vítima como proba central, corroborada por testemuñas, peritos, informes médicos, análises químicas e de ADN, determina a existencia do ánimo de matar e conclúe que neste caso concorren “aleivosía” e “asañamento”.

Considera probado que o condenado se aproveitaba economicamente da vítima durante a súa relación sentimental, iniciada en 2017, á vez que censuraba as súas relacións sociais fóra da parella. “Ao longo da convivencia [...] menosprezábaa e chamábaa retrasada, mongólica, cerda, vaga”, cita a sentenza, que recolle como a vítima tratou de separarse en numerosas ocasións pero “remataba por volver ao domicilio común por pena, ao dicirlle el que se ía suicidar”.

O 14 de setembro de 2024 esperouna no domicilio dos seus pais e regouna de gasolina, reténdoa contra a súa vontade, ata que caeu ao chan e "prendeulle lume coa intención de acabar coa súa vida"

O 26 de maio de 2024 a muller decidiu poñerlle fin á súa relación, constan varios episodios de acoso por parte do agresor dende esa data ata a mañá do 14 de setembro dese mesmo ano, cando a esperou na porta do domicilio dos seus pais no barrio vigués de Valadares e a regou de gasolina, reténdoa contra a súa vontade, ata que caeu ao chan “e lle dixo ‘Adeus, ____’ mentres co chisqueiro que levaba prendeulle lume coa intención de acabar coa súa vida”.

As xuízas recalcan que, cando empezou a arder o corpo da vítima, “mentres gritaba e pedía auxilio”, o condenado mantívose “a uns metros dela, impasible” antes de fuxir do lugar. Ela logrou ser auxiliada pola súa familia, que a trasladou ao servizo de urxencias do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo.

Debido á gravidade das queimaduras, permaneceu un mes en coma inducido na UCI. Aproximadamente un 28% da súa superficie corporal resultou queimada pola brutal agresión, precisou de varias intervencións posteriores e quedou con secuelas físicas de diversa índole que lle provocan unha perda da súa calidade de vida. Á parte de ser diagnosticada cun trastorno de estrés postraumático en relación cos feitos e precisar dun seguimento psiquiátrico e psicolóxico.

Fotografía de arquivo dunha concentración en Vigo polo 8M CC-BY-SA Galiza Contrainfo

A sentenza subliña que da valoración da proba se desprende “que o procesado exercía unha dominación sobre a prexudicada que se mantivo ao longo da relación, de forma moito máis sutil que a que se expresa de forma física, en tanto que se exercía de forma psíquica, a través de expresións de menosprezo como da propia actitude do acusado, que leva á vítima a facerse tan pequena que practicamente deixa o seu círculo social, sen que pola contra diante da familia dela se deixe ver esa actitude en ningún momento”.

"Esa actitude de dominación, de non admitir que fose ela quen finalizase a relación, fai que decida acabar coa súa vida, ao non poder impoñer de ningún xeito a súa vontade de que continuase a relación", conclúen as xuízas

No fallo, a sala destaca que a vítima “sufriu un prexuízo estético importantísimo”, así como un prexuízo moral grave “polas secuelas na súa vida privada, social e laboral”. Desta forma, imponlle o condenado, que levaba dous anos en prisión preventiva, o pago dunha indemnización de 485.000 euros polas lesións e secuelas sufridas; de 350.000 euros polo dano moral causado; e de 3.600 euros polos gastos médicos sufragados ata o momento pola muller.

“Esa actitude de dominación, de non admitir que fose ela quen finalizase a relación, fai que decida acabar coa súa vida, ao non poder impoñer de ningún xeito a súa vontade de que continuase a relación”, conclúen as xuízas do tribunal da Audiencia de Pontevedra. A sentenza non é firme, pois contra ela cabe presentar recurso ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.