Expulsado un Garda Civil de Lugo por golpear e ameazar a súa ex-parella, á que controlaba coas bases de datos do corpo

Imaxe de arquivo da Garda Civil en Galicia CC-BY-SA Xunta de Galicia

O Supremo ratifica que o Ministerio de Defensa expulse o axente, condenado en firme por violencia habitual e ameazas continuadas, polo "claro prexuízo ao crédito e prestixio do que goza a institución"

O Tribunal Supremo vén de ratificar a decisión do Ministerio de Defensa de expulsar da Garda Civil a un axente de Lugo condenado en firme por violencia habitual e ameazas continuadas contra a súa ex-parella. O condenado chegou a empregar as bases de datos da Garda Civil sobre hospedaxes, viaxeiros ou tráfico para obter información persoal da vítima, facendo ver que "era capaz de facer un seguimento da súa residencia ou de calquera localidade á que se desprazara". A súa expulsión do corpo ampárase no "claro prexuízo ao crédito e prestixio do que goza a institución".

Sentenza do Supremo que ratifica a expulsión dun garda civil de Lugo CC-BY-SA Praza Pública

O axente en cuestión, da comandancia da Garda Civil de Lugo, foi condenado en 2020 pola Audiencia de Lugo por máis delitos que posteriores recursos rebaixarían. O Supremo acabouno condenando en firme en 2022 por un delito continuado de ameazas e outro de violencia habitual. A xustiza declarou probado que o home, dentro dun vehículo oficial do que facía uso como garda civil, tirou do pelo e deu un golpe na perna á súa parella, que tras esa agresión deixouno. 

No ano seguinte o home envioulle diversas mensaxes con ameazas e expresións como "zorra de merda", "non descansarei ata vete arrastrada", "o que mereces é que te rompa a boca" ou "quedas sen dentes". Durante ese ano, ata que un xulgado ditou unha orde de afastamento, o axente "facendo uso do contrasinal que tiña polo seu posto de traballo, accedeu ás bases de datos da Garda Civil" para "obter información persoal" da súa ex-parella. 

Coa condena en firme do axente, Defensa aplicoulle en 2023 o réxime disciplinario da Garda Civil que contempla a separación do servizo a quen cometa "un delito doloso condenado por sentenza firme que cause grave dano á Administración e aos cidadáns". O home recorreu e agora o Supremo, en sentenza do pasado 2 de outubro, ratifica a súa expulsión do corpo. 

Sede do tribunal supremo © Tribunal Supremo

O Supremo considera os feitos "moi graves" polo "dano causado a unha cidadá concreta e á propia Administración"

A sentenza do Supremo desestima diversas alegacións formuladas polo condenado sobre erros formais do expediente de expulsión que se lle abriu. E sobre o fondo da cuestión dá a razón ao ministerio en que "comportamentos como os consignados na sentenza penal condenatoria, totalmente opostos aos valores e principios de integridade, dignidade e respecto á lei que constitúen os sinais de identidade da Garda Civil e rexen a vida profesional dos integrantes do Corpo en todas as súas facetas, quebran irremediablemente o vínculo de confianza que os seus membros manteñen, ao embazar a imaxe de exemplaridade que deben proxectar". 

O home chegou a argumentar que o seu caso foi publicado na prensa local sen que "causase alarma ningunha" e que seguiu traballando no corpo, pero o Supremo di que iso non é obstáculo para que unha vez feita firme a condena penal o ministerio activase a expulsión por uns feitos considerados "moi graves" polo "dano causado a unha cidadá concreta e á propia Administración".

Sede dos xulgados de Lugo CC-BY-SA Praza.gal

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.