'Stop Machitroles' alerta de que a IA "acelera" novas formas de agresión machista nas redes

Portada do informe 'Stop machitroles' © Uvigo

Este martes fíxose público o sexto informe do Observatorio de Machismo Dixital Stop Machitroles, que advirte de que as prácticas de control, acoso, intimidación, vixilancia ou ataque contra as mulleres atopan nas tecnoloxías dixitais novas formas de exercerse e expandirse

O espazos dixitais reproducen, adaptan e amplifican as relacións de poder que operan tamén fóra da rede. Neste contexto, as prácticas de control, acoso, intimidación, vixilancia ou ataque contra as mulleres atopan nas tecnoloxías dixitais novas formas de exercerse e expandirse. O impacto destas violencias, ademais, non se limita ás vítimas directas, senón que condiciona o ambiente dos espazos dixitais e as posibilidades dunha participación pública plural e igualitaria, actuando como un mecanismo de exclusión sistemática.

Este martes fíxose público o sexto informe do Observatorio de Machismo DixitalStop Machitroles, impulsado pola Cátedra de Feminismos 4.0 Depo-UVigo, que alerta de que a violencia machista dixital opera como un mecanismo de agresión individual, mais tamén como unha ferramenta de disciplina social.

O estudo foi presentado na véspera do 25N pola reitora da UVigo, Carmen García Mateo e a coordinadora de Estratexia da Deputación, Sandra Bastos. A encargada de detallar os resultados do estudo foi a técnica da Unidade de Igualdade da UVigo, Mar Fernández, autora da investigación xunto co xornalista Aarón López.

A presentación correu a cargo de Mar Fernández Cendón, Carmen García Mateo e Sandra Bastos © Uvigo

“Non é un problema tecnolóxico, porque a tecnoloxía non crea violencia, senón que é un problema de desigualdade de xénero estrutural que se traslada á contorna dixital”, saliéntase no informe

Na introdución do informe alértase de que "a creación e difusión de contidos falsos, imaxes manipuladas mediante intelixencia artificial xenerativa ou materiais íntimos compartidos sen consentimento (coñecido como abuso sexual baseado na imaxe) inciden directamente nas condicións nas que as mulleres exercen os seus dereitos, se relacionan e participan tanto na vida pública coma na privada". Sublíñase, así mesmo, que o ciberacoso é a forma de violencia máis presente pero a IA "acelera novas formas de agresión".

Así mesmo, sinálase de que estas novas tecnoloxías permiten "exercer control, vixilancia e acoso de forma remota, persistente e ubicua", de xeito que "a violencia deixa de estar limitada a un lugar ou a un tempo concretos para converterse nunha violencia sen espazo e practicamente sen interrupcións, capaz de penetrar en calquera ámbito da vida".

"A violencia dixital non é unha violencia menor, as súas consecuencias son reais e afectan á intimidade, á dignidade e ao benestar emocional e á liberdade das mulleres que a sofren”, sinalou Sandra Bastos

“Non é un problema tecnolóxico, porque a tecnoloxía non crea violencia, senón que é un problema de desigualdade de xénero estrutural que se traslada á contorna dixital”, saliéntase no informe. Pola súa banda, Sandra Bastos subliñou a importancia de asumir que "a violencia dixital non é unha violencia menor, as súas consecuencias son reais e afectan á intimidade, á dignidade e ao benestar emocional e á liberdade das mulleres que a sofren”. 

Na presentación do informe a reitora Carmen García Mateo destacou que comparte “especialmente” unha das miradas que se recollen no informe: “situar as mulleres non só como vítimas das violencias dixitais, senón como protagonistas das solucións. Como investigadoras, profesionais da tecnoloxía e creadoras de coñecemento".  

A presentación correu a cargo de Mar Fernández Cendón, Carmen García Mateo e Sandra Bastos © Uvigo

“O reto non é que as mulleres teñan que facerse invisibles para estar seguras, senón construír contornas dixitais nos que poidan participar con liberdade e en igualdade de condicións”, destacou a reitora Carmen García Mateo

"Ese é tamén un reto para a universidade: abrir oportunidades para que as mulleres participen plenamente na construción do futuro tecnolóxico. Porque innovar non consiste só en desenvolver novas ferramentas. Consiste tamén en preguntarnos para que serven, a quen benefician e como podemos poñelas ao servizo do ben común”, dixo a reitora, que concluíu que “o reto non é que as mulleres teñan que facerse invisibles para estar seguras, senón construír contornas dixitais nos que poidan participar con liberdade e en igualdade de condicións”. 

Sobre as formas de violencia con maior presenza, o ciberacoso segue no centro, con 398 referencias, seguido da difusión non consentida de imaxes íntimas, con 293 e a manipulación de contidos mediante intelixencia artificial, con 191. As redes sociais, os dispositivos dixitais e as aplicacións de mensaxaría aparecen como as principais contornas tecnolóxicas empregada para desenvolver estas violencias no ámbito dixital. 

O estudo destaca que a violencia machista dixital "ten cada vez máis presenza nos medios de comunicación", pero tamén alerta de que as novas "seguen centradas no relato do casos e non en sinalar as causas nin as solucións"

O informe identificou máis de 1.500 publicacións relacionadas co fenómeno das violencias machistas facilitadas pola tecnoloxía (VMFT) na prensa galega e estatal, o dobre ca no informe anterior. O estudo destaca que a violencia machista dixital "ten cada vez máis presenza nos medios de comunicación", pero tamén alerta de que as novas "seguen centradas no relato do casos e non en sinalar as causas nin as solucións".

O informe tamén recolle unha serie de recomendacións para os medios. Entre as propostas destacan: evitar presentar os casos como feitos illados; contextualizar as noticias no marco das desigualdades de xénero; incorporar recursos de apoio ou información útil para as vítimas ou dar voz a especialistas na materia, porque “informar mellor tamén é unha forma de prevención”.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.