"Nin un paso atrás". Coa eleccións xerais do vindeiro domingo como pano de fondo e con advertencias aos retrocesos que a entrada da dereita e da extrema dereita no poder pode provocar na loita feminista, milleiros de persoas saíron este mércores en diferentes localidades de Galicia polo 25N.
As marchas polo 25N advirten dos retrocesos que na loita feminista provocaría a entrada dun goberno da dereita coa extrema dereita no Estado
Fixérono para amosar de novo o seu rexeitamento á violencia machista e para reclamar ás administracións medidas que reforcen a loita contra ela e avancen na igualdade entre homes e mulleres.
"Vidas libres de violencia machista", rezaba o lema impulsado pola Marcha Mundial das Mulleres nunha xornada con importante afluencia nas ata 30 manifestacións en vilas e cidades, coa da Coruña como a máis multitudinaria con arredor de 2.500 persoas, segundo fontes do Concello.
"Patriarcado e capital, alianza criminal", "non é un caso illado, é o patriarcado" ou "fóra fascismo das nosas vidas" foron algunhas das proclamas máis coreadas nas marchas, aínda que todas elas cunha advertencia xeral ante os discursos negacionistas da violencia de xénero —tamén estes días— por parte de Vox e a catro días dos comicios. "Nin un paso atrás", repetíase nunhas mobilizacións moi marcadas pola ameaza do discurso ultra e fascista.
"Non imos permitir que se toquen os nosos dereitos nin que se cuestione a existencia da violencia de xénero", asegurou Pontón desde A Coruña
Así o advertiron as e os principais líderes políticos da esquerda en Galicia. Desde a manifestación da Coruña, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, pediu ás mulleres "trasladar" a loita do 25N "ás urnas" este vindeiro domingo. "Non imos permitir que se toquen os nosos dereitos nin que se cuestione a existencia da violencia de xénero", dixo a líder nacionalista, que reivindicou a súa formación como a "alternativa necesaria" ante a "involución machista do PP" de Núñez Feijóo que, advertiu, xa a levou a cabo en Galciia. "É o anticipo do que pode pasar o 29N", engadiu.
Tamén desde A Coruña, o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, pediu dar unha resposta "con rotundidade" o próximo domingo a declaracións como as da número dous do PP por Madrid este mércores, Cayetana Álvarez de Toledo, que insultou unha muller "chamándoa puta" e instou a todas as mulleres a non votar o PSOE.
Besteiro advirte que as mulleres non precisan dun partido "que lles diga como teñen que pensar, vivir ou votar"
Elas, dixo Besteiro, non precisan dun partido "que lles diga como teñen que pensar, como teñen que vivir e a quen teñen que votar", dixo o líder dos socialistas galegos antes da manifestacións, xuto á secretaria de Igualdade do PSdeG, Natalia González, e a rexedora da Coruña, Inés Rey.
Ademais, na manifestación de Vigo, a portavoz de Sumar no Congreso e membro da candidatura da Fronte Ampla por Madrid, Verónica Martínez Barbero, pediu a "todas as mulleres do país e de todo o Estado" que voten á súa formación porque será a que faga "que a xente negacionaista do PP e de Vox queden fóra da Moncloa".
"Imos garantir que haxa máis avances en dereitos para as mulleres e máis investimento para a protección contra as violencias machistas", engadiu.
Dúas marchas en Vigo
En Vigo, precisamente, foron dúas as manifestacións principais. Na que participou Martínez Barbero, así como representantes do BNG e sindicais, convocada por Resposta Feminista, advertiuse xa no lema de que a loita das mulleres "non recúa" e pedíronse "menos luces e máis recursos".
Noutra marcha, convocada pola Rede Veciñal de Mulleres contra os Malos Tratos, participaron os candidatos socialistas Abel Losada e Carmela Silva xunto a outros representantes do PSOE local.
Pola súa banda, en Santiago, a mobilización unitaria apelou á "loita transfeminista contra as violencias machistas", poñendo o foco tamén na crise da vivenda, na violencia sexual ou na prostitución. No resto de cidades e en moitas vilas, repetíronse os discursos contra o machismo e o fascismo e pola igualdade.
Ademais, desde o PPdeG, a súa secretaria xeral, Paula Prado, apelou neste 25N ao "cambio necesario" para poñer fin ao goberno do "falso feminismo" que, segundo dixo, "abandonou as mulleres". A dirixente popular defendeu a urxencia dun executivo liderado polo PP "que protexa as mulleres e non os agresores".