Dende o ano 2003, momento en que se comezan a ofrecer cifras oficiais, en Galicia producíronse preto dun cento de feminicidios. 87 nas estatísticas oficiais do Ministerio de Igualdade, ás que se poderían sumar outros casos recollidos noutros informes
Adela, Alba, Amaia, Ana, Ana Belén, Ana María, Andrea, Beatriz, Candela, Cándida, Carmen, Celia, Clara, Concepción, Cristina, Delia, Diana, Divina, Dolores, Elena, Elisa, Encarnación, Estela, Fadoua, Gloria, Inma, Iria, Isabel, Jéssica, Josefa, Julia, Manuela, María, María Belén, María del Carmen, María Elena, María Fátima, María Isabel, María José, María Judite, María Luisa, María Magdalena, María Montserrat, María Paz, María Rosa, Marina, Marisol, Maritza, Matilde, Mercedes, Minaene, Mónica, Nélida, Rejane, Sandra, Sara, Silvina, Socorro, Soledad, Sonia, Tatiana, Vanessa María, Virginia, Yelisa. Son os nomes dalgunhas (non están todas) das mulleres asasinadas pola violencia machista en Galicia nas últimas décadas.
Dende o ano 2003, momento en que se comezan a ofrecer cifras oficiais, en Galicia producíronse preto dun cento de feminicidios. A maior parte foron cometidos polas parellas ou ex-parellas das asasinadas, pero da violencia dos homes contra as mulleres deixou outras vítimas mortais. Algunhas delas non figuran nas estatísticas do Ministerio de Igualdade, que ata 2022 non ampliou o concepto de feminicidio para abranguer de forma máis ampla esta realidade.
Adela, Alba, Amaia, Ana, Ana Belén, Ana María, Andrea, Beatriz, Candela, Cándida, Carmen, Celia, Clara, Concepción, Cristina, Delia, Diana... Son algúns dos seus nomes
Neste 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, queremos lembrar a estas cen mulleres asasinadas en Galicia, debullando as estatísticas recentes que poñen cifras á violencia machista. Unha violencia, con todo, que non se pode explicar con números nin reducir a eles, de igual xeito que tampouco se limita ás asasinadas.
A estatística oficial do Ministerio de Igualdade sinala que dende o ano 2003 un total de 75 mulleres foron asasinadas polas súas parellas ou ex-parellas. 2008 e 2015 foron os anos máis negativos, con 8 asasinatos en cada caso. O pasado ano rexistráronse dous casos e no que levamos de 2026 un (o pasado mes de febreiro en Mos) pero aínda en 2024 houbo cinco asasinatos en Galicia.
O mapa localiza a maior parte dos feminicidios cometidos en Galicia dende o ano 2010, un total de 81 casos
A estas cifras temos que sumar dende o ano 2022 os datos que comezou a achegar o Ministerio de Igualdade sobre os feminicidios cometidos por homes que non eran parellas nin ex-parellas da asasinada. Son 12 máis, o que eleva a 87 nas estatísticas oficiais o número de mulleres asasinadas en Galicia. Deses doce casos, seis son feminicidios familiares, un é considerado feminicidio de tipo sexual e os restantes cinco son feminicidios de tipo social.
O número total de feminicidios cometidos en Galicia dende o ano 2003 pode ser mesmo superior se engadimos outros casos que ficaron fóra das estatísticas oficiais, especialmente antes de 2022 (pero mesmo despois). Dende o ano 2010 a iniciativa Feminicidio.net elabora un informe anual no que rexistra e analiza os asasinatos de mulleres cometidos por homes. As súas estatísticas inclúen 38 mortes que non figuran nos datos do Ministerio, a maioría entre 2010 e 2021 pero tamén outros cinco casos dende 2022.
O mapa anterior localiza a maior parte dos feminicidios cometidos en Galicia dende o ano 2010, un total de 81 casos. Está realizado a partir dos datos ata o ano 2022 dun mapa semellante realizado pola Marcha Mundial das Mulleres e completado posteriormente cos asasinatos que se produciron dende entón. A violencia machista tinxe de negro boa parte da xeografía galega, especialmente as zonas urbanas do eixo atlántico, pero tamén en Lugo e Ourense e en concellos rurais como O Bolo, Vilardevós, Ponteceso, Maside, Becerreá ou A Pastoriza.
A maior parte das asasinadas eran novas (a metade tiñan entre 31 e 50 anos), aínda que doce delas superaban os 70 anos. A inmensa maioría das vítimas e agresores tiñan nacionalidade española
As estatísticas oficiais do Ministerio de Igualdade (referidas unicamente aos 75 asasinatos cometidos por parellas ou ex-parellas) permiten analizar algunhas características de vítimas e asasinos. A maior parte das asasinadas eran novas (a metade tiñan entre 31 e 50 anos), aínda que doce delas superaban os 70 anos. Os agresores presentan un perfil semellante, aínda que cunha media de idade algo superior.
A inmensa maioría tiñan nacionalidade española (63 de 75) e naceran no Estado (59 de 75), unha orixe española que está aínda máis acentuada nos agresores (68 de 75). En 36 dos casos vítima e asasino estaban casados e noutros 17 eran aínda legalmente parella; en 22 casos eran xa ex-parella.
O pasado ano marcou un novo récord na serie histórica con 8.100 denuncias, máis de 22 por día, un 55% máis que unha década antes
Os asasinatos son a punta do iceberg dunha violencia machista por desgraza moito máis estendida. Así o amosan outras cifras, coma a do número de denuncias presentadas, un dato que medra de forma constante en Galicia dende o ano 2012. O pasado ano 2025 marcou un novo récord na serie histórica con 8.100 denuncias, máis de 22 por día, un 55% máis que unha década antes.
En 2026 o número de denuncias está a medrar un 5%
En 2026 coñécense de momento os datos dos dous primeiros trimestres. En relación ao mesmo período de 2025 o número de denuncias presentadas aumentou máis dun 5%, o que fai prever que a cifra total a final de ano supere os datos de 2025, máximo histótico ata o momento.
Neste momento están activos en Galicia dentro do sistema VioGén 6.286 casos, polo que procede a realizar algunha modalidade de vixilancia da situación e da actividade do agresor
Outro indicador que amosa a realidade do día a día da violencia machista en Galicia é o do sistema VioGén, posto en marcha no ano 2007. O Sistema de Seguimento Integral nos casos de Violencia de Xénero busca levar a cabo un labor preventivo, realizando predicións de risco e emitindo avisos, alertas e alarmas cando se detecte algunha incidencia que poida poñer en perigo a integridade das vítimas (mulleres maltratadas e os seus fillos e fillas).
Neste momento están activos en Galicia 6.286 casos, polo que procede a realizar algunha modalidade de vixilancia da situación e da actividade do agresor. Na maior parte das situacións sinalouse un nivel de risco baixo, pero hai máis de mil casos cun nivel de risco medio e ata 62 casos cun nivel de risco alto. En Galicia hai un caso de seguimento e vixilancia que mantén un nivel de risco extremo.