Asasinada unha muller en Mos, primeira morte do ano por violencia de xénero en Galicia

Imaxe de arquivo da Garda Civil na provincia de Pontevedra © Guardia Civil de Pontevedra

A falecida presentaba feridas de arma branca e a Garda Civil localizou a súa parella

Unha muller de mediana idade foi atopada falecida este domingo a primeira hora da tarde nunha vivenda de Mos no que segundo o subdelegado do Goberno de España en Pontevedra, Abel Losada, é un caso de violencia de xénero, o que suporía a primeira morte por violencia de xénero en Galicia deste ano 2026. Non constaban antecedentes da muller no sistema VioGen de protección de vítimas de violencia de xénero. A Garda Civil localizou a súa parella e espera que a súa detención sexa "inmediata".

Sinal contra a violencia de xénero nun concello galego CC-BY-SA Concello de Ames

A falecida, duns 50 anos, presentaba feridas por arma branca. Esta morte chega despois dun comezo de ano con varias agresións machistas de relevancia en diversas localidades e logo de que durante 2025 se rexistrasen tres asasinatos machistas en toda Galicia. En todo o Estado as mortes por violencia de xénero no que vai de ano xa eran cinco ata este caso, que sería o sexto.

O Concello de Mos convocou un minuto de silencio ás 19 horas da tarde deste domingo "como mostra de condolencia, solidariedade e condena firme de toda forma de violencia, así como de apoio á familia e persoas achegadas á vítima". 

Convocatoria do Concello de Mos pola morte dunha veciña © Concello de Mos

🟣 O teléfono 016 do Ministerio de Igualdade ofrece información e asesoramento ante posibles casos de violencia de xénero, e en Galicia a Xunta ten habilitado no 900 400 273 o Teléfono da Muller, ambos son gratuítos e anónimos e funcionan as 24 horas do día durante todo o ano (pero hai que borrar a chamada para que non figure no rexistro). Tamén se pode contactar co 016 escribindo na súa canle de WhatsApp co número 600 000 016, por correo electrónico no enderezo 016-online@igualdad.gob.es ou no chat online accesible desde o sitio web violenciagenero.igualdad.gob.es. Se se trata dunha emerxencia, hai que chamar ao 112 ou facer uso da aplicación ALERTCOPS, que envía unha alerta á Policía coa xeolocalización. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.