O Ministerio de Igualdade pide "maior coordinación" contra a violencia machista: 66 concellos galegos están en VioGén

Minuto de minuto de silencio no Ministerio de Igualdade como condena dos primeiros asasinatos machistas do ano CC-BY-SA Ministerio de Igualdade

Cando os casos de violencia de xénero son coñecidos polo sistema policial, xudicial e institucional, aumentan para a vítima as posibilidades de saír desta violencia e redúcese o risco de asasinato, salienta o Ministerio de Igualdade

O Ministerio de Igualdade chama aos gobernos das Comunidades Autónomas e mais aos gobernos locais a abordar as “diversas vulnerabilidades” que provocan que a moitas mulleres “lles resulte máis complicado escapar da violencia”, o que “eleva o risco” destas mulleres de sufrir “violencia grave”. 

Esta petición chega tras a reunión do comité de crise que se convoca cada vez que hai máis de cinco feminicidios nun mes, como foi o caso dos derradeiros meses de 2025, decembro e novembro, nos que cinco e sete mulleres foron asasinadas, respectivamente, polo feito de seren mulleres. 

O ano pasado rematou con 47 mulleres vítimas mortais da violencia de xénero –esta semana sumouse un caso máis, sucedido en febreiro, que inicialmente non entrara nos rexistros– e neste 2026 xa hai catro feminicidios confirmados a 14 de xaneiro. Son 1.346 mulleres mortas dende que hai rexistros oficiais (2003) a causa das violencias machistas.

Manifestación en Santiago o 12 de xuño de 2025 como reacción ao feminicidio de Moraña © Marcha Mundial das Mulleres Galiza

O informe realizado por Igualdade tras o comité de crise reflicte que cando os casos de violencia de xénero son coñecidos polo sistema policial, xudicial e institucional, aumentan para a vítima as posibilidades de saír desta violencia e redúcese o risco de asasinato. Dos once feminicidios analizados na reunión da semana pasada só en dous casos existía unha denuncia previa. 

Neste sentido, o Ministerio lembra o deber de toda a sociedade de denunciar as situacións de violencia machista. Os últimos datos do Poder Xudicial sobre as denuncias por violencia sobre a muller presentadas en Galicia recollen menos casos, a falta de coñecer os datos do derradeiro trimestre do ano. Co fin de mellorar a colaboración institucional, avanzan a creación dun “mecanismo de coordinación” cos territorios nos que se produzan repuntas de casos para estudalos especificamente.

Igualdade insta aos gobernos autonómicos e locais a traballar ao lado das "entidades e asociacións de migrantes" para que as mulleres poidan "coñecer de primeira man" os recursos dispoñibles

Ademais, Igualdade insta aos gobernos autonómicos e locais a traballar ao lado das “entidades e asociacións de migrantes” para que as mulleres poidan “coñecer de primeira man” os recursos que teñen dispoñibles e tratar de evitar que queden fóra do sistema de protección, pois en cinco dos 11 casos analizados as vítimas eran mulleres de nacionalidade estranxeira e todas tiñan fillos aos seu cargo.

Dito informe do Ministerio tamén pon o foco nos casos nos que a vítima está en proceso de ruptura da relación sentimental co seu agresor, un dos períodos “de maior risco” para elas. Outra das conclusións apunta que é preciso prestar especial atención ao suicidio e á depresión nas valoracións de risco de cada caso. En tres dos 11 casos analizados no pasado comité, o agresor rematou por quitarse a vida tras asasinar a muller e, en concreto, en dous dos casos houbo unha tentativa de suicidio previa.

Mobilización do pasado 25N na Coruña CC-BY-NC-SA MA

66 concellos no Sistema VioGén

O sistema de seguimento integral dos casos de violencia de xénero aglutina a información para todas as institucións públicas implicadas. Canta máis información dos casos abertos figure nesta plataforma, en teoría, mellor protexidas estarán as mulleres dos seus agresores.

Nos últimos anos fíxose un esforzo por incorporar as administracións municipais e, polo tanto, ás policías locais, ao Sistema VioGén por seren as institucións máis próximas ás vítimas. Os últimos datos do Ministerio de Interior, de decembro de 2025, recollen que xa hai 66 concellos galegos adheridos e compartindo información co resto de estamentos. 29 están na provincia da Coruña, 20 en Pontevedra, 11 en Ourense e 6 en Lugo.

29 concellos da provincia da Coruña, 20 de Pontevedra, 11 de Ourense e 6 de Lugo están integrados no Sistema VioGén

Na Coruña están integrados no Sistema VioGén os municipios de Ames, Arteixo, Bergondo, Betanzos, Boiro, Brión, Camariñas, Cambre, Carballo, Cedeira, A Coruña, Ferrol, A Laracha, Melide, Miño, Muxía, Narón, Neda, Oleiros, Ortigueira, A Pobra do Caramiñal, Pontedeume, As Pontes de García Rodríguez, Rianxo, Sada, Santiago de Compostela, Teo, Valdoviño e Vimianzo.

Da provincia de Pontevedra son parte de VioGén Baiona, Bueu, Caldas de Reis, O Grove, A Guarda, Marín, Moaña, Mos, Pontevedra, O Porriño, Poio, Ponteareas, Redondela, Salceda de Caselas, Sanxenxo, Silleda, Tomiño, Tui, Vigo e Vilagarcía de Arousa.

Os concellos de Allariz, Barbadás, O Barco de Valdeorras, O Carballiño, Celanova, Xinzo de Limia, Maceda, Ourense, A Pobra Trives, Ribadavia e A Rúa son os inscritos da provincia de Ourense. E da provincia de Lugo están activos Chantada, Ribadeo, Vilalba, Viveiro, Burela e o Concello de Lugo.

🟣 O teléfono 016 do Ministerio de Igualdade ofrece información e asesoramento ante posibles casos de violencia de xénero, e en Galicia a Xunta ten habilitado no 900 400 273 o Teléfono da Muller, ambos son gratuítos e anónimos e funcionan as 24 horas do día durante todo o ano (pero hai que borrar a chamada para que non figure no rexistro). Tamén se pode contactar co 016 escribindo na súa canle de WhatsApp co número 600 000 016, por correo electrónico no enderezo 016-online@igualdad.gob.es ou no chat online accesible desde o sitio web violenciagenero.igualdad.gob.es. Se se trata dunha emerxencia, hai que chamar ao 112 ou facer uso da aplicación ALERTCOPS, que envía unha alerta á Policía coa xeolocalización. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.