As agresións machistas non cesan no inicio do ano: detidos no Porriño, Vilagarcía e na Coruña

Manifestación en Santiago o 12 de xuño de 2025 como reacción ao feminicidio de Moraña © Marcha Mundial das Mulleres Galiza

Tres detidos nos primeiros días do ano en Galicia por violencia machista. Hai unha muller ingresada na UCI pola gravidade das feridas, un caso de presunta agresión sexual e outro de violencia física dentro da parella

O derradeiro día de 2025 unha muller logrou chegar a denunciar un ataque machista a pesar da gravidade das súas feridas. Foi no Porriño, nas dependencias da Garda Civil, das que a vítima saíu en dirección ao Hospital Álvaro Cunqueiro, onde permanece ingresada na unidade de coidados intensivos (UCI).

O presunto agresor machista do Porriño pasou a disposición xudicial o venres 2 de xaneiro. A maxistrada do Tribunal de Instancia do Porriño, praza 2, en funcións de garda, decretou o seu ingreso en prisión provisional, comunicada e sen fianza. Está investigado por un delito de lesións no ámbito da violencia sobre a muller.

Imaxe de arquivo dunha faixa colocada en Ourense para denunciar as violencias machistas © MMM

Na madrugada do día 3 de xaneiro unha muller menor de idade sufriu unha agresión sexual no ascensor dun edificio do barrio coruñés de Xuxán. A Policía Nacional detivo ao suposto autor dos feitos poucas horas despois. O xulgado de garda, Instrucción 3, decretou a súa posta en liberdade con retirada de pasaporte e a prohibición de saír do territorio nacional, ademais, ditou unha orde que lle prohibe achegarse á vítima a menos de 500 metros e comunicarse con ela por calquera vía. Será sometido a un xuízo rápido acusado dun delito contra a liberdade sexual.

O 12,7% das mulleres de 16 ou máis anos residentes no Estado español sufriron algún tipo de violencia física e/ou sexual por parte das súas parellas nalgún momento da súa vida

O domingo 4 de xaneiro a Policía Local de Vilagarcía detivo a un home tras ferir a súa parella na súa vivenda, unha operación na que tamén resultou ferida unha axente. Pasou a disposición xudicial este luns e a maxistrada do Tribunal de Instancia de Vilagarcía, praza 1, en funcións de garda, decretou a súa posta en liberdade, sen medidas cautelares. Os medios locais informaron de que non era a primeira vez que as forzas de seguridade tiñan que acudir a esta vivenda, o home será agora investigado por un delito de malos tratos no ámbito da violencia sobre a muller.

A Macroenquisa de Violencia contra a Muller de 2024, presentada pola Delegación do Goberno contra a violencia de xénero hai apenas un mes, sinala que o 12,7% das mulleres de 16 ou máis anos residentes no Estado español sufriron algún tipo de violencia física e/ou sexual por parte das súas parellas nalgún momento da súa vida. Destas mulleres, o 76,9% aseguran que as agresións sucederon en máis dunha ocasión.

Esta mostra, que contou coa colaboración do Instituto Nacional de Estatística (INE) no seu deseño, baséase na ‘violencia revelada’, nas experiencias de violencia que as mulleres enquisadas deciden ou poden compartir durante as entrevista, e contou con 25.420 mulleres participantes. Tendo en conta todas as violencias machistas analizadas –a física, a sexual, aeconómica e a psicolóxica– a Macroenquisa revela que o 30,3% das mulleres de 16 ou máis anos residentes en España sufriron cando menos unha destas violencias, por parte da súa parella actual ou de parellas pasadas, nalgún momento das súas vidas.

Acción da Marcha Mundial das Mulleres polo Nadal de 2025 diante da sede da Xunta CC-BY-SA Marcha Mundial das Mulleres

A respecto da violencia sexual fóra da parella, o 14,5% das mulleres residentes en España de 16 anos de idade ou máis declara que sufriu esta violencia nalgún momento da súa vida. As denuncias continúan a estar moi por debaixo do número de agresións nestes casos: o 9,9% das mulleres que sufriron unha violación, o 8,4% das que foron vítimas dun intento de violación e o 4% das que sufriron outras formas de violencia sexual fóra do eido da parella optaron por denunciar (a propia muller ou outra persoa ou institución) na policía ou nos xulgados.

No últimos meses, en Galicia o número de denuncias por violencias machistas diminuíu e as ordes de protección para as vítimas incrementáronse

A falta dos datos do derradeiro trimestre de 2025, en Galicia o número de denuncias por violencias machistas diminuíu e as ordes de protección para as vítimas incrementáronse. O pasado verán os xulgados galegos recibiron unha media de 21,8 denuncias diarias por violencia machista, case dous puntos menos que no mesmo período do ano anterior. Porén, os xuíces apreciaron máis risco para as vítimas e as ordes de protección aprobadas medraron un 8,4%.

Os feminicidios son a punta do iceberg das violencias machistas, un mal estrutural da nosa sociedade, que en 2025 deixou 46 mulleres asasinadas polo feito de seren mulleres, segundo os datos oficiais do Ministerio de Igualdade. A Delegación do Goberno contra a violencia de xénero informou este luns de que está a investigar o asasinato dunha muller na provincia de Jaén, de confirmarse, sería o primeiro crime machista de 2026.

 

🟣 O teléfono 016 do Ministerio de Igualdade ofrece información e asesoramento ante posibles casos de violencia de xénero, e en Galicia a Xunta ten habilitado no 900 400 273 o Teléfono da Muller, ambos son gratuítos e anónimos e funcionan as 24 horas do día durante todo o ano (pero hai que borrar a chamada para que non figure no rexistro). Tamén se pode contactar co 016 escribindo na súa canle de WhatsApp co número 600 000 016, por correo electrónico no enderezo 016-online@igualdad.gob.es ou no chat online accesible desde o sitio web violenciagenero.igualdad.gob.es. Se se trata dunha emerxencia, hai que chamar ao 112 ou facer uso da aplicación ALERTCOPS, que envía unha alerta á Policía coa xeolocalización. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.