Radiografía do VioGén en Galicia: camiño dos 60 concellos e co reforzo da atención directa ás vítimas pendente

Instalación do artista alemán Dennis Josef Meseg en Bonn polo 25N en 2020 CC-BY-SA Mika Baumeister

5.886 mulleres en Galicia están protexidas no sistema de seguimento integral dos casos de violencia de xénero a día de hoxe, nun ano con catro feminicidios, o último denunciado e con orde de afastamento para o agresor

Os feminicidios son a punta do iceberg das violencias machistas. Un fracaso colectivo. Que en 2024 unha muller que leva padecendo violencia de xénero desde hai corenta anos acabe sendo asasinada polo seu marido, sen que houbera no medio ningún rexistro sanitario desas agresións (físicas ou psicolóxicas) nin denuncias ou coñecemento por parte da familia, explica todo o camiño que queda por percorrer. 

Como sociedade dotámonos do Sistema VioGén, o sistema de seguimento integral dos casos de violencia de xénero, que aglutina a información para todas as institucións públicas implicadas, a través do Pacto de Estado contra a violencia de xénero, pendente de actualización no Congreso e prorrogado por maioría dos partidos (a excepción de Vox). A vida das mulleres segue en xogo.

40 mulleres foron asasinadas este ano polo feito de seren mulleres, segundo os datos oficiais do Goberno estatal, catro delas en Galicia. No 54,5% destes feminicidios constaban no sistema como violencia machista e a vítima solicitara medidas de protección, e no 36,4% tíñase constancia do caso pero non se solicitaran medidas. Son 1.285 mortes desde o 1 de xaneiro de 2003 –cando comezaron os rexistros– ata o día de hoxe. Oito menores de idade tamén perderon a vida a causa das violencias machistas este 2024, contabilízanse 61 nenos e nenas asasinados desde 2013. No que vai de ano, 30 menores de idade quedaron orfos polas violencias machistas.

En primeiro termo, María Debén, xefa da Unidade de coordinación contra a violencia sobre a muller da Delegación do Goberno CC-BY-SA Delegación do Goberno en Galicia

“VioGén pretende aglutinar a todas as diferentes institucións públicas que teñen algunha competencia en materia de violencia de xénero, de tal maneira que se integre nun único lugar toda a información de interese que se estime necesaria. Esa información vai permitir que o sistema faga unha predición do risco que ten a vítima de volver ser agredida, de que continúe a situación de violencia. Esa predición sitúa á vítima nun dos cinco graos de risco nos que se pode atopar e, en base a iso, elabórase un plan de seguridade personalizado atendendo ás circunstancias de cada muller”, explica María Debén, xefa da Unidade de coordinación contra a violencia sobre a muller da Delegación do Goberno de España en Galicia, que leva desde finais dos anos oitenta traballando sobre as violencias machistas.

"A predición de VioGén sitúa á vítima nun dos cinco graos de risco nos que se pode atopar e, en base a iso, elabórase un plan de seguridade personalizado atendendo ás circunstancias de cada muller", explica Debén

“Supoñamos –abonda Debén– que temos o caso dunha muller nova con dous fillos que van á escola, a protección vai incluír tamén os seus fillos e vai ter lugar na contorna do fogar e do colexio. Tamén cando esa nai leva os menores aos centros sanitarios. Cada caso se axusta a ese plan personalizado, no que tamén se lle dan á vítima unha serie de indicadores de autoprotección: ensínaselle como pode discorrer a súa vida para evitar que se volvan producir as violencias. Por exemplo, non é o mesmo unha muller que vive na cidade que unha que vive no rural, e as casuísticas son múltiples, pero a unha muller que reside nunha cidade hai que sinalarlle algo tan básico como que non vaia sempre polas mesmas rúas ou que teña coidado coas redes sociais e non comparta nunca onde está nin con quen”. Tanto os niveis de risco que se asignan nun caso de violencia de xénero como o plan de seguridade personalizado están a mudar a cada novidade na situación da muller.

Quen pode introducir datos en VioGén? As forzas e corpos de seguridade do Estado, a Administración penitenciaria, as subdelegacións e delegacións do Goberno nas distintas comunidades autónomas, as unidades de valoración forense dos Institutos de Medicina Legal (tanto do Ministerio de Xustiza como das comunidades), o Ministerio Fiscal, os servizos administrativos e sanitarios das Administracións públicas, os puntos de coordinación das ordes de protección de violencia ou as oficinas de atención á vítima que están nos xulgados de cada cidade. Todo VioGén depende do Ministerio de Interior e da Secretaría de Estado de Seguridade.

"Hai case cen mil mulleres en todo o Estado sendo protexidas por VioGén, das que 5.886 están en Galicia. Son moitísimas", di Debén

A pesar das predicións de risco e dos plans personalizados hai erros, VioGén é un instrumento moi potente, pero está manexado por persoas. Eu quixera dar unha mensaxe de confianza no sistema porque na actualidade a análise das cifras indícanos que hai case cen mil mulleres en todo o Estado sendo protexidas por VioGén, das que 5.886 están en Galicia [dato do 19 de novembro]. Son moitísimas”, conta María Debén, que xa traballaba sobre este tema no ano 1986, “cando as mulleres que denunciaban as súas parellas tiñan que volver a casa con eles porque as ordes de protección que dita a xustiza non se estableceron ata os anos 2003 e 2004”.

A protección sempre a exercen as forzas de seguridade do Estado, en función do nivel de risco de cada caso. Nos últimos anos entendeuse que era importante incorporar as policías locais, as máis próximas ás vítimas, para actuar nos casos de risco baixo. Así, promoveuse que os concellos con catro ou máis axentes da Policía Local, e a dispoñibilidade suficiente, asinaran un convenio co Ministerio de Interior para entrar en VioGén.

"Non temos persoal suficiente para sacar adiante a atención das vítimas", asegura a presidenta de Asocim

En Galicia, segundo a información facilitada pola Delegación do Goberno, son 88 os concellos que poderían, polas súas circunstancias, participar en VioGén. No ano 2018, cando entrou o equipo de Pedro Sánchez no Executivo estatal, había 20 concellos galegos en VioGén, hoxe son 53: A Coruña, Santiago de Compostela, Vigo, Ourense, Cambre, Oleiros, Burela, Vilalba, O Barco de Valdeorras, O Carballiño, Bueu, Caldas de reis e Ames forman parte desa listaxe.

Outros 13 concellos, entre os que figuran Miño, Boiro, Narón, Sada, Cabanas, Ortigueira, Betanzos, Valdoviño, Brión e Mos, están en trámite para formalizar a súa adhesión, grazas tamén á colaboración da Fegamp, e que implica a formación dos seus efectivos da Policía Local. “É unha colaboración moi relevante e supón unha maior protección para as vítimas. Moitos concellos teñen a vontade política de levalo adiante, pero teñen outra serie de obstáculos que llo impiden”, apunta Debén. Hai 22 concellos que poderían estar adscritos a VioGén e, por múltiples causas, non o están. Algúns deles son grandes, como o de Lugo, ou de tamaño medio, como Ordes, Culleredo, Monforte ou Cambados.

Atención directa ás mulleres

A atención directa ás mulleres vítimas das violencias machistas realízase nos Centros de Información á Muller (CIM), que dependen directamente da Xunta aínda que estean financiados con cartos do Pacto de Estado. Montserrat González, presidenta da Asociación de profesionais dos CIM (Asocim), traslada unha situación “insostible”. “Non temos persoal suficiente para sacar adiante a atención das vítimas”, asegura, a pesar de ser esta a prioridade destes centros, segundo o decreto do Goberno galego.

"Como imos acompañalas a denunciar? É imposible. Facemos o noso traballo tirando do noso bo facer e da nosa empatía, as que a teñamos", di González

A nosa función non é unicamente a atención ás mulleres, temos que cubrir un montón de actividades nos concellos e se multiplicaron por vinte o número de informes que nos piden os xulgados. Se temos que informar, facer memorias, tramitar axudas e xustificalas, facer campañas de sensibilización, obradoiros para os centros de ensino e tantísimo tipo de actividades, como as mesas de traballo de coordinación institucional da loita contra as violencias, non damos para máis”, debulla González, que traballa no CIM de Bueu.

Montserrat González explica que máis do 90% dos CIM contan só cunha avogada e unha psicóloga, independentemente da poboación que teñan que cubrir, e que en moitos deles os contratos son de dez horas semanais, que é o que establece o decreto da Xunta. Por exemplo, nos CIM de Cangas e Marín as traballadoras están con contratos de dez ou catorce horas á semana.

Como imos facer acompañamento das mulleres? Como queres atender as mulleres como o precisan se non tes persoal abondo para a atención básica. Se tes a unha vítima, que precisa o seu tempo para contar a brutalidade pola que está a pasar, e case non podemos falar con ela sen que nos interrompa outra persoa ou mesmo o teléfono. Como imos acompañalas a denunciar? É imposible. Facemos o noso traballo tirando do noso bo facer e da nosa empatía, as que a teñamos. Os servizos non poden funcionar dependendo da boa vontade das profesionais que traballan neles porque nós tamén enfermamos”, critica.

A ciberviolencia e a violencia económica protagonizan a maioría dos casos que chegan aos CIM

A Consellería de Política Social e Igualdade avanzou esta semana un “plan integral” para os CIM para o ano que vén dotado con “6,5 millóns de euros, un 30% máis que en 2024”. Desde Asocim confirman que non coñecen os detalles do plan nin como o van artellar desde a Xunta, pero reclaman que sirva para mellorar as condicións das profesionais que xa están nos CIM e para incorporar máis avogadas e profesionais da Psicoloxía, así como outras especialidades como axentes de igualdade ou auxiliares. que permitan axilizar o traballo administrativo destes centros.

Os casos que máis están a chegar aos CIM teñen que ver coas ciberviolencias: acoso por redes sociais, publicar anuncios de tipo sexual relacionados con ela, montaxes fotográficas con outros corpos nus onde pegan a súa cabeza... Son múltiples os exemplos que Montserrat González pode relatar de memoria, entre os que destaca tamén o acoso a partir da xeolocalización dos teléfonos móbiles ou dos navegadores dos coches das mulleres.

A violencia económica é a que máis está a medrar na actualidade, coa dificultade engadida de que non aparece tipificada como tal no Código Penal e que hai mulleres que atopan problemas para denunciar nas comisarías porque lles din que “iso non se denuncia”. “Quítanas das contas do banco, sácanlle as tarxetas, non lles pasan a pensión alimenticias dos cativos, hai rapaces que quedan sen poder estudar por isto”, manifesta González, que tamén se refire ao “sabotaxe laboral”, que considera que vai custar moito que se recoñeza nun xulgado. “Todo o que nos entra pola porta é apagar lumes. Temos que cambiar aos rapaces porque cos adultos homes xa non se pode facer nada”, asevera.

No ano 2023 a cifra de denuncias na Coruña foi de 3.115 e en Pontevedra de 2.768, porén, "o número de dispositivos Cometa é significativamente menor", destaca Debén

O sistema VioGén protagonizou esta semana un debate no Parlamento, onde a conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, sinalou “fallos de extrema gravidade” nel que “poñen en risco a vida de moitas mulleres”. García solicitou unha “revisión” do protocolo e dos criterios de risco ao Goberno estatal, e sinalou que a reforma debera levala a cabo “un equipo multidisciplinar”.

O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, sinalou que o discurso da conselleira na Cámara é “moi perigoso porque lanza unha mensaxe de inseguridade para as mulleres”, ademais de criticar un sistema “que se revelou útil desde a súa creación en 2007” e “poñer en cuestión o traballo de moitos profesionais: técnicas municipais, psicólogas, xuristas, forzas e corpos de seguridade, xuíces e fiscais”.

Blanco incidiu en que VioGén se vai actualizando, a última ocasión en 2021, e reclamou á conselleira que “execute os investimentos conforme as transferencias que ten recibido a Xunta”, polos que está pendente a apertura dos centros de asistencia 24 horas, así como a mellora do financiamento dos CIM “porque temos que chegar a todos os recunchos para que todas as mulleres poidan sentirse protexidas”.

Ordes de protección

Para a xefa da Unidade de coordinación contra a violencia sobre a muller da Delegación do Goberno, María Debén, é fundamental pedir as mulleres vítimas non desistan de ir denunciar porque considera que o sistema vai mellorando, por moito camiño que falte por avanzar. Neste sentido, pon como exemplo os dispositivos electrónicos de xeolocalización do sistema Cometa –coñecidos popularmente como pulseiras– porque “non se produciu nos dous últimos anos ningunha morte nos casos nos que os órganos xurisdicionais ordenaron a posta destes dispositivos telemáticos”.

"Non hai un nivel de reproche social que faga que o suxeito que comete actos de violencia machista sexa obxecto de reproche por parte da xente que está ao seu arredor, para que vexa que iso non se pode facer"

Con datos do mes de outubro deste ano, hai en Galicia 270 dispositivos activos controlados a través do sistema Cometa. Debén repasa os datos por provincias e detense no caso de Pontevedra para sinalar o baixo número de dispositivos concedidos polos xuíces (50), comparado coa Coruña (137); máis aínda tendo en conta que ambas provincias son as que acumulan o maior número de denuncias por violencia de xénero. No ano 2023 a cifra de denuncias na Coruña foi de 3.115 e en Pontevedra de 2.768, porén, “o número de dispositivos Cometa é significativamente menor”.

Conciencia social

María Debén bota en falta unha maior conciencia social contraria ás violencias machistas. “Non hai un nivel de reproche social que faga que o suxeito que comete actos de violencia machista sexa obxecto de reproche por parte da xente que está ao seu arredor, para que vexa que iso non se pode facer. É certo que avanzamos moitísimo, pero é preciso percorrer un maior camiño. Temos un número insoportable de asasinatos, pero non hai máis que antes: reducíronse aproximadamente nun 24%, aínda que isto non sexa escusa porque unha morte é unha morte e non se pode tolerar. Creo que o sistema é bo, hai que ilo mellorando e adaptando, e hai que dotar as vítimas dos recursos económicos suficientes. Teñen que implicarse todos os operadores, de verdade. Os servizos sanitarios e educativos teñen moito que andar aínda nesta materia”, advirte.

Acto contra a violencia de xénero en Baiona, onde tivo lugar o último feminicidio en Galicia © Concello de Baiona

O teléfono 016 do Ministerio de Igualdade ofrece información e asesoramento ante posibles casos de violencia de xénero (e no enderezo 016-online@igualdad.gob.es), e en Galicia a Xunta ten habilitado no 900 400 273 o Teléfono da Muller, ambos son gratuítos e anónimos e funcionan as 24 horas do día durante todo o ano (pero hai que borrar a chamada para que non figure no rexistro). Se se trata dunha emerxencia é preciso chamar ao 112 ou facer uso da aplicación ALERTCOPS, que envía unha alerta á Policía coa túa xeolocalización. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.