Dúas mulleres vítimas de violencia machista contan as súas experiencias de nove e tres anos cos dispositivos de control telemático: "Polo menos agora sabes que vas ter un aviso de que el está preto e que a Policía vai chegar para axudarche"
Antes de que lle puxeran a pulseira ao seu agresor, Paula [nome ficticio para protexer a súa identidade] ía pola rúa mirando cara a atrás a cada paso. Saía pouco, mais o medo seguía con ela na casa, por iso encheu as fiestras de reixas. “Polo menos agora sabes que vas ter un aviso de que el está preto, vas ter tempo de meterte nun comercio ou de saír correndo... e sabes que a Policía vai chegar para axudarche”, conta.
Paula é unha das 151 mulleres que en Galicia forma parte do sistema de seguimento por medios telemáticos polas medidas de afastamento ditadas pola xustiza no ámbito da violencia de xénero. A 31 de decembro de 2022, segundo os datos do Ministerio de Igualdade e da Delegación do Goberno contra a violencia de xénero, o número de dispositivos activos no noso país era un 21,77% superior ao ano anterior. En todo o Estado, en decembro de 2022 contabilizáronse 3.056 dispositivos activos fronte aos 2.620 que había un ano antes.
“As ordes de afastamento sen pulseira non valen para nada”, confirman as mulleres vítimas das violencias machistas e as profesionais que traballan no sistema de protección consultadas para esta reportaxe. En Galicia, no ano 2021 (o último do que hai datos no INE), ditáronse 1.697 prohibicións de achegarse a vítimas de violencia machista con sentenzas firmes, mais a xustiza só activou o uso de dispositivos de control telemático en 124 casos. Coñecemos os datos, o sistema de seguimento integral en casos de violencia de xénero (Viogén) indica que hai 4.275 casos de violencia de xénero activos en Galicia (ao peche de 2022), pero somos alleos ao día a día das mulleres detrás destas cifras.
Vanessa denunciou hai tres anos tras sete sufrindo violencia física e psicolóxica por parte da súa parella (home). Como moitas mulleres antes e outras despois, un día foi consciente de que algo non ía ben e saíu correndo. No seu caso, literalmente. “Aínda hoxe non sei como fun quen de denunciar co anulada que estaba. Agora sei que estaba anulada porque estou psicoloxicamente máis forte”, explica.
"A xente vaite deixando de lado e estás soa, chamei a mil portas ata que dei coa miña psicóloga, que é quen máis me axudou", asegura Vanessa
O agresor de Vanessa foi condenado por “maltrato continuado” a menos de dous anos de prisión, cursos de sensibilización e retirada do permiso de armas, polo que non chegou a entrar no cárcere. Mantén a prohibición de achegarse e comunicarse con ela e ambos levan consigo o dispositivo vixiado desde a central do programa Cometa para asegurar que se cumpre esa protección, que remata este ano. “Véndenche que vas estar protexida, pero moitas amizades apártanse de ti por medo e aínda que el non se poida achegar a min, ten a quen mandar para dicirme as cousas. A xente vaite deixando de lado e estás soa, chamei a mil portas ata que dei coa miña psicóloga, que é quen máis me axudou: con ela conseguín superar os terrores nocturnos, mellorei a miña autoestima e aprendín a quererme”, salienta.
O dispositivo que levan as mulleres vítimas da violencia machista pita cada vez que detecta que o agresor está a piques de incumprir a distancia de protección marcada xudicialmente, cando este se quita o dispositivo ou cando queda sen cobertura. É similar a un teléfono móbil e –dependendo do modelo– ten unha batería que se descarga moi rápido, motivo polo que tamén se lle dispara a alarma. Vanessa asegura que perdeu un traballo a causa disto, pois o aparato sooulle en varias ocasións no posto de traballo. “Tiven moito apoio das compañeiras, pero a supervisora que tiña me fixo a vida imposible”, apunta. Na empresa de traballo temporal a través da que fora contratada dixéronlle que cando resolvese “os problemas” que tiña, que lles volvera enviar o seu currículo. Non quere que no seu traballo actual saiban que leva o dispositivo.
"Teño xente ao meu arredor que me apoia pero o dano está aí. Hai días que só queres chorar e outros que estás máis forte. Que leve a pulseira dáme tranquilidade", conta Paula [nome ficticio]
Paula está dentro do sistema de seguimento coordinado polo programa Cometa desde hai nove anos. Pasou por varias fases e logrou que a xustiza aumentase a orde de afastamento para que o seu agresor non poida entrar na vila na que reside. Non quere dar a súa identidade porque a día de hoxe non sente a seguridade suficiente para facelo. Ao principio, lembra, el a perseguía por toda a vila con descaro, e ela sentía vergoña. “Co paso do tempo rematas por acostumarte, tes días mellores e días peores. Saio pouco, pero agora non é tanto por medo a el. Teño xente ao meu arredor que me apoia pero o dano está aí. Hai días que só queres chorar e outros que estás máis forte. Que leve a pulseira dáme tranquilidade”, conta.
Cando Paula foi pedir axuda por primeira vez pediulle a unha amiga que a axudase e dixese que a maltratada fora ela. “Fun con vergoña”, lembra agora. “Quero esquecer pero non me deixan. Unha situación destas é un senvivir, estás todo o tempo indo a xuízos e tes que revivilo todo. Ese capítulo xa non o pechas. Pasas uns días bos e un día vas durmir tranquila pero espertas sobresaltada. Estás en alerta permanente, calquera ruído xa te pon en tensión”, relata. Ata tres veces quebrantou o seu agresor a orde de non acceder a vila na que ela vive. Estes días tocoulle que volver á consulta do médico forense porque se achega a fin da orde de protección e reactivouse o proceso para valorar se manteñen as mesmas medidas de protección.
Na mesma situación atópase Vanessa, as medidas de protección ditadas no seu caso rematan a finais do verán. “Quero compartir isto porque quero avisar, sei que no momento no que lle quiten a pulseira vai vir por min”, asevera, pois neste tempo recibiu ameazas de morte do seu agresor. “Isto non o fago por pracer, fágoo porque teño medo. Se algún día me pasa algo, que quede constancia de que eu fixen todo o posible para defenderme”, incide.
Vanessa leva varias denuncias polo quebrantamento das medidas de protección por parte do seu agresor e considera que o sistema non penaliza estes incumprimentos de maneira eficiente. “Ao final a quen máis limita todo isto é a min, que xa vou o mínimo a Pontevedra para non ter problemas. Consegue que me quede na casa e case non poida ir nin a casa dos meus pais”, detalla.
Nunha ocasión, segundo describe Vanessa, levaba tres días nos que ao volver do traballo se lle disparaba a alarma do dispositivo pola proximidade do seu agresor. O cuarto día, en pleno centro de Pontevedra e despois de traballar na quenda de noite, o aparato comezou a pitar porque estaba demasiado preto dela. “Aínda non eran as sete e media da mañá e era noite pechada, ía moito frío e comecei buscar un sitio aberto. Chamábanme de Cometa e dicían ‘está a 160 metros’, ‘está a 140 metros’. Aquel día pasei pánico. Non sabes cara a onde ir, só che din a que distancia está, non por onde vén. Non había ninguén na rúa, chorando pedíalle á rapaza de Cometa que non me colgase o teléfono. Pensaba que me ía coller alí e me ía matar. Metinme nunha cafetería e xa me chamou a Policía. Estiveron comigo máis dunha hora cunha patrulla dando voltas, pero non foron comprobar onde estaba el realmente”, rememora. Cando puido marchar, un amigo foi recollela en coche e o dispositivo volveu pitar na ponte pola que ela tiña que cruzar para chegar a súa casa. Desde a central de Cometa volveron chamar para dicirlle que o tiña a 20 metros, pero non pasou nada.
As vítimas piden máis recursos, mellorar a xeolocalización dos dispositivos e "que haxa consecuencias" cando eles incumpren as medidas de protección
“Levo o dispositivo por algo, se vai ser igual que o leve ou non e ata que non chegue a min para cravarme o coitelo non pasa nada, pois mellor que non o leve. Se é así, simplemente vai quedar constancia de que el estaba alí, pero o dano vaimo facer”, lamenta. A pontevedresa transmite que está nunha sorte de “conta atrás”, pide que haxa máis recursos dedicados a isto, mellorar o sistema para que a xeolocalización sexa máis precisa –fundamental en cidades e vilas pequenas– e que haxa consecuencias nos momentos nos que eles quitan a pulseira ou vulneran a distancia permitida.
O Goberno do Estado está a reforzar o uso destes dispositivos de protección para as mulleres que sofren violencia polo feito de seren mulleres, como reacción aos últimos asasinatos machistas e ao aumento das denuncias. No terceiro trimestre de 2022 rexistráronse en Galicia 1.854 denuncias por violencia machista, que supoñen un novo máximo da serie histórica e un crecemento interanual do 16,1%.
Paula resalta que “pórlle un tempo a isto é moi difícil”. Leva nove anos dentro do sistema e espera que lle renoven o mesmo nivel de protección, di que lle gustaría pensar que o seu agresor non vai intentar ir por ela se lle quitan a pulseira, mais apunta que “se el tivera cambiado” non tería intentado entrar na súa vila en tres ocasións sabendo que non pode. Ambas teñen por diante semanas ou meses ata coñecer a resolución sobre se continúan co dispositivo de control telemático e, mentres, como repiten as dúas, seguen vivas.