O home, de 46 anos, presentouse horas máis tarde na comisaría da Policía Nacional de Ourense, onde foi detido
Unha muller de 47 anos morreu asasinada este domingo pola noite en Baiona, presuntamente a mans da súa ex-parella. O home, de 46 anos, presentouse horas máis tarde na comisaría da Policía Nacional de Ourense, onde foi detido. O detido, identificado como Ángel Rodríguez, levou da casa os fillos da parella -que estaba en proceso de separación- e deixounos ao coidado dos avós paternos.
A vítima, Beatriz Lijó, que foi atopada ás portas da súa vivenda do barrio da Percibilleira pouco despois das nove da noite, presentaba un forte golpe na caluga, posiblemente realizado cun machado ou cun machete, ademais de feridas defensivas nas mans. Non consta que o detido recibise previamente denuncias por violencia de xénero, segundo confirma a Delegación do Goberno de España contra a Violencia de Xénero.
A propia Delegación confirmaba a primeiras horas da tarde deste luns que este asasinato foi un caso de violencia machista, o primeiro mortal en Galicia no que vai de ano e o oitavo no conxunto do Estado. Dende o ano 2003 66 mulleres morreron en Galicia asasinadas polos seus parellas ou ex-parellas, segundo a estatística oficial do Ministerio de Igualdade.
Xa foi confirmado como un asasinato por violencia de xénero, o primeiro en Galicia no que vai de ano e o oitavo no conxunto do Estado
Esta estatística non recolle ningunha vítima mortal por violencia de xénero en Galicia o pasado ano e a última correspondería ao ano 2021. Porén, o rexistro da páxina Feminicidio.net si contabiliza catro asasinatos de mulleres galegas durante o ano 2022. Un deles si figura nas estatísticas oficiais, pero consta nos datos das Illas Canarias, pois foi alí onde Clotilde Rodriguez, veciña do barrio vigués de Teis, foi asasinada en maio polo seu home. Ademais, en novembro Cristina Cabo foi asasinada en Lugo por un home que acababa de coñecer nun pub.
Así mesmo, Jessica Méndez Iglesias, de 29 anos, foi asasinada en marzo en Barro por un veciño -acusado de "acosala"- que chocou intencionadamente o seu coche contra o da vítima. Finalmente, María Jesús Cruz Fernández, viguesa de 56 anos, foi asasinada por un veciño con que non mantiña relación de ningún tipo.
Repulsa e mobilizacións
O alcalde de Baiona, Carlos Gómez, amosou a través das redes sociais o seu "pésame" e as súas "condolencias" aos "familiares e achegados de Beatriz Lijó" e sinalou que "desde o concello prestaremos toda a axuda posible á familia da vítima, especialmente aos seus fillos", engadindo que se trata "dun día moi triste para a nosa vila". Tamén o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e os líderes das restantes forzas parlamentarias, a nacionalista Ana Pontón e o socialista Valentín González Formoso, amosaron a súa repulsa.
Unha vez que se confirme o carácter de asasinato machista do caso, o feminismo galego convocará concentracións nas principais cidades e vilas. Previsiblemente terán lugar este mércores pola tarde, segundo avanza a Marcha Mundial das Mulleres