A Policía considera o único detido polo asasinato de Cristina Cabo en Lugo seguro autor do crime e pecha o caso

Cristina Cabo foi asasinada na súa casa, na rúa Quiroga da capital lucense © Google

Un home de 32 anos que residía en Lugo dende o pasado setembro é o único detido polo asasinato de Cristina Cabo e, afirma a Policía, autor seguro do crime coñecido o pasado domingo. Foi a propia Policía Nacional a que ofreceu contra a fin este martes a través dun comunicado os que considera principais detalles dunha pescuda sobre a que pesa o segredo de sumario xudicial.

O corpo sen vida da muller, asasinada a coiteladas, foi achado na noite do pasado domingo pola súa irmá, que acudirá á súa casa por "non ter noticias dela dende o sábado pola tarde". Tras o aviso, sinala o corpo policial, comezaron as pescudas tanto por axentes da comisaría lucense como coa colaboración de policías doutras localidades para investigar a escena do crime.

O cerco sobre o sinalado como asasino de Cristina foise estreitando, detallan, grazas aos detalles ofrecidos por algunhas das persoas ás que os axentes tomaron declaración, arredor dunha vintena, "dende veciños do inmoble" na lucense rúa Quiroga a familiares ou amizades. "Tamén o visionado de cámaras foi de gran axuda" para, "dende primeira hora da mañá" do martes, "centrar as pescudas en poñer identidade" ao considerado como autor dos feitos.

O acusado é un home de 32 anos que coñecera horas antes á vítima. Tras a detención, a Policía atopou na súa casa o ordenador portátil da muller asasinada

A detención, segundo declarou á TVG o voceiro policial, Manuel Arias, produciuse tras unha "resistencia activa, non violenta" do home. Tras o seu traslado aos calabozos, os axentes rexistraron o seu domicilio, onde "interveñen diferentes efectos, entre eles o ordenador portátil da vítima". Este achado, indican, "certifica que esta persoa que estivo no domicilio da vítima e trasladou o obxecto", xa que "non houbera ningún contacto nin coñecemento previo" enter ambos ata que "se coñeceron, na madrugada na que ocorreron os feitos" -do sábado ao domingo- "nun local de ocio".

A Policía destaca a rapidez nunha investigación na que, admiten, foi clave a "implicación cidadá" e, moi especialmente, a "colaboración" da comunidade colombiana que reside na capital lucense, na que malia ser desta nacionalidade non se atopaba integrado, segundo manifestaron diversas fontes ao xornal El Progreso. "Grazas á súa colaboración puidemos resolvelo horas antes do que os investigadores tiñan previsto", di Arias. O acusado pasará a disposición xudicial previsiblemente este mércores; no resto do proceso cumprirá esclarecer o móbil do asasinato, sinalou a Policía, que especificou que vén manexando varias hipóteses ao respecto.

Convocatoria da mobilización en repulsa polo asasinato de Cristina Cabo para este 1 de decembro CC-BY-SA Plataforma Feminista Lugo

O asasinato de Cristina Cabo provocou unha fonda conmoción en Lugo, especialmente no barrio da Milagrosa, onde rexentaba unha froitaría. Tamén no seo da Plataforma Feminista de Lugo, na que participaba activamente.

O colectivo define a Cristina como "feminista comprometida, amiga entrañable, boa xente e xenerosa" e chama a participar na concentración de repulsa convocada para o vindeiro xoves, 1 de decembro, ás 20h do serán ante a Casa do Concello de Lugo. A Marcha Mundial das Mulleres anima, asemade, a estender a mobilización a outras localidades. Tamén a comunidade colombiana na cidade anuncia unha concentración para o vindeiro domingo ás 12h en solidariedade coa familia de Cristina Cabo e en rexeitamento do seu asasinato.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.