“Ninguén atopa unha explicación lóxica ao que está pasando, o único que temos claro é que vinte anos despois a familia non temos a xustiza que merecemos”, asevera a irmá de Déborah, Rosa Fernández
“As neglixencias acumúlanse”, critica Rosa Fernández-Cervera, irmá de Déborah, a rapaza que desapareceu o 30 de abril de 2002 en Vigo, na contorna da praia de Samil, e cuxo cadáver apareceu dez días despois nunha cuneta do Rosal. As obras nun edificio policial en Madrid, onde tiña a súa sede a Unidade de delincuencia especializada e violenta (UDEV), fixeron aparecer estes días unha das probas fundamentais para o caso: o teléfono móbil de Déborah. Un novo xiro a un caso no que aínda se lle tomou declaración ao principal sospeitoso este ano, vinte anos despois do crime, e no que se realizou unha nova autopsia o ano pasado.
“Na familia chegamos a pensar que miña nai podía lembrar mal e que non entregara o teléfono, pero non, miña nai tiña razón todo este tempo e o móbil entregouse. O que pasa é que logo desapareceu ata hoxe”, explica a Praza.gal Rosa Fernández. O teléfono está agora en custodia xudicial, pero non está a tarxeta SIM, “onde está realmente a chicha”, defende a irmá de Déborah. Pois nos móbiles de principios dos anos dous mil almacenábanse moitos máis datos nestas tarxetas, non había teléfonos intelixentes como os de agora.
“Ninguén atopa unha explicación lóxica ao que está pasando, o único que temos claro é que vinte anos despois a familia non temos a xustiza que merecemos”, asevera Rosa Fernández, que reclama ter acceso ao novo material atopado sobre o asasinato da súa irmá. “Queremos poder analizar os vídeos, fotos e toda a información nova que aparece agora e que nos estiveron negando todos estes anos que existía”, incide.
“Queremos poder analizar os vídeos, fotos e toda a información nova que aparece agora”, salienta a voceira da familia
A escusa que se lle traslada á familia sobre a desaparición deste material co caso sen resolver é que houbo un erro no etiquetado das probas. “Pois menos mal que houbo unha inundación e tiveron que facer obras, porque se non tampouco teríamos isto”, conta a portavoz da familia, que aínda non sabe como pode afectar este achado ás decisións xudiciais. Antes do verán, tiñan presente que a xuíza podería pechar o caso en calquera momento, agora contan que esta decisión se “ralentice” ata analizar o material desaparecido ata agora.
De feito, o pasado venres a Audiencia Provincial de Pontevedra resolveu a petición da familia de Déborah sobre a conformación dun xurado popular, que foi denegada pola xuíza de Tui que instrúe o caso. “Agora a Audiencia tomou unha decisión, que aínda non se nos comunicou, e fíxoo sen coñecer esta nova liña de probas”, lamenta Rosa Fernández.
Unha resolución en positivo á creación do xurado popular achega á familia á posibilidade de que haxa un xuízo oral co único investigado que hai na causa, a ex-parella de Déborah, ao que se lle tomou declaración por primeira vez en marzo deste ano e que declarou a súa inocencia.
“Nada ten sentido, no caso de Déborah a xustiza nin se presenta”, critica Rosa Fernández
Por outra banda, a familia segue sen ter claro que sucedeu co ordenador de Déborah desde que lle foi entregado á Policía (da mesma maneira que o teléfono móbil que apareceu agora) hai vinte anos. A peritaxe encargada á empresa Lazarus Technology resolveu que o disco duro fora manipulado baixo a custodia da Policía Nacional. E así se lle trasladou á xuíza de Tui nunha rolda de declaracións que tivo lugar este ano.
“A xuíza denegounos o acceso á cadea de custodia do ordenador e seguimos pendentes do informe policial sobre el, sabendo que a propia policía ten un 33% de posibilidades de ser un dos manipuladores”, apunta Rosa Fernández. “Nada ten sentido, no caso de Déborah a xustiza nin se presenta. Levan vinte anos mentíndonos. Ver que matan a unha rapaza de vinte anos e que o propio sistema se ri de ti é bastante frustrante”, engade.