A familia de Déborah Fernández segue a loitar polo esclarecemento do asasinato desta rapaza viguesa que desapareceu con 21 anos o 30 de abril de 2002 cando volvía a casa despois de correr pola contorna da praia de Samil. Tras dez días de busca, o seu cadáver apareceu no municipio do Rosal nunha escena preparada para despistar aos investigadores. Esta semana, e despois de numerosas resolucións denegadas, procedeuse á exhumación do corpo de Déborah baixo petición xudicial tras dezanove anos.
Un equipo forense analiza dezanove anos despois o corpo da rapaza viguesa na busca de nova información que permita esclarecer o caso antes de que venzan os prazos xudiciais
″Houbo demasiados despistes″, lamenta a irmá de Déborah, Rosa Fernández, que este martes acudiu ao cemiterio de Pereiró para a exhumación. Un equipo de forenses entre os que está o responsable da Unidade de Antropoloxía Forense do Imelga (Instituto de Medicina Legal de Galicia), Fernando Serrulla, e o médico forense Aitor Curiel, contratado como perito pola familia da falecida, analizaron o corpo nas instalacións do Hospital Nicolás Peña de Vigo co obxectivo de recabar información que quedou atrás na autopsia que se practicou en 2002.
″Na autopsia orixinal hai varias neglixencias, entre elas que só se fixeron placas da cabeza para arriba. Así que se había algún tipo de lesión en brazos, antebrazos ou nas pernas… non quedou rexistrada. O que se pediu agora foi unha análise dos ósos por se puido haber lesións que non quedaron reflectidas no primeiro informe, así como que se analizasen as unllas, pois é algo que parece ser que se fai en todos os casos menos no da miña irmá″, describe Rosa Fernández.
De atoparen restos de ADN nas unllas, habería que cotexalo coas mostras rexistradas para buscar coincidencias. A familia de Déborah aférrase a un informe pericial que refire un falecemento por asfixia, polo que os restos orgánicos adheridos ás unllas serían un indicativo de defensa, por parte da rapaza viguesa, contra o seu agresor.
″Decidín facer un esforzo físico, persoal e económico para intentar saber a verdade″, di Rosa Fernández
Os resultados toxicolóxicos destas análises poden tardar en chegar entre catro e seis meses. E o tempo aprema, pois o caso ″caduca″ pouco despois do 10 de maio de 2022, xa que a data límite verase ampliada por mor da situación de pandemia. O tempo non deixa de correr excepto que o xulgado ditamine que hai algún imputado. ″O lóxico sería que a xuíza pida prioridade para estas probas, para ter marxe na instrución posterior″, explica Rosa Fernández.
O caso de Déborah reabriuse en 2019 despois de permanecer unha década arquivado. ″A min tanto fallo e tanto descoido faime pensar o peor″, salienta a irmá e portavoz da familia nestes anos. ″Decidín facer un esforzo físico, persoal e económico para intentar saber a verdade″, engade. Agora, a familia atópase esperanzada mentres agarda por uns resultados que deberán ser valorados pola xuíza instrutora. ″Vai haber un informe do Imelga que entendemos que a xuíza aceptará como proba″, conta Rosa Fernández.
Ademais, a familia fica pendente do estudo do disco duro do ordenador de Déborah que se está a levar a cabo nunha empresa privada en Madrid, co permiso do xulgado instrutor do caso. ″Agardamos un ano para que solucionasen isto desde o xulgado, pero por fin se fixo o envorcado e se están a analizar os datos″, apunta Fernández.
Por outra banda, ten solicitadas máis dilixencias, como que se analicen coas tecnoloxías actuais todos aqueles restos biolóxicos de Déborah que aínda custodian nos laboratorios de toxicoloxía en Madrid. ″Hai certas probas que aparecen no escenario do crime que poderían ser moi aclaratorias, pero coas técnicas de 2002 non foi posible sacar nada″.
"A presión social obrigou o xulgado a abrir o caso de novo", salienta a irmá de Déborah
″Prefiro deixarme os aforros de toda a miña vida en tratar de pechar este caso″, asegura Rosa Fernández, quen solicitou o levantamento do secreto de sumario ata en tres ocasións para ″evitar filtracións″. Peticións que foron denegadas, como a maioría, segundo as súas palabras, dos escritos presentados polo avogado da familia: ″Se non chegamos ter o apoio social e de medios de comunicación que tivemos, este caso non se houbera reaberto nunca. A presión social obrigou o xulgado a abrir o caso de novo e agora non son capaces de facer nada. Se non hai nada, que o pechen, pero que non me fagan investir todo o meu esforzo físico, persoal e económico en intentar solucionar algo porque eles non están facendo nada e que non me deneguen todo por sistema″.