Vigo, 30 de abril de 2002: unha rapaza de 21 anos desaparece na zona da praia de Samil. Dez días despois, o seu corpo é atopado na beira dunha estrada no municipio do Rosal. Comeza entón unha investigación policial sen resultados. Moitas pistas falsas e ningunha persoa imputada pola morte de Déborah Fernández ata que se pecha o caso provisionalmente. 17 anos despois, a familia non se rende e traballa en novas investigacións para acadar a reapertura do caso antes de que prescriban os delitos, o que pode acontecer dentro de tres anos.
O pasado 30 abril, coincidindo co 17 aniversario da desaparición desta moza viguesa, o nome de Déborah e o seu rostro foron ben visibles no centro de Vigo nun acto que a familia tiña planificado como unha protesta, pero acabou sendo de homenaxe. Música, poesía e arte urbana para recordar a esta rapaza de 21 anos que unha tarde de primavera en 2002 saíu correr pola zona de Samil e xa nunca regresou á casa. O seu corpo foi atopado o 10 de maio preto dunha gabia no municipio do Rosal (a uns 50 km de Vigo) nunha escena ficticia ateigada de probas falsas.
As investigacións policiais nunca derivaron na imputación de ninguén como responsable dos feitos e en 2010 a policía arquivou provisionalmente o caso. Evidentemente houbo interrogatorios e un sospeitoso principal, pero nunca unha proba sólida que permitise a imputación xudicial. Agora, segundo explica Rosa Fernández, irmá de Déborah, "a urxencia é extrema pois en tres anos prescriben os delitos" polos que se podería xulgar a persoa ou persoas responsables da desaparición e morte de Déborah.
Rosa Fernández, irmá de Déborah, asegura que están pendentes dunha proba biolóxica que podería ser un detonante moi importante da investigación
Neste punto, o obxectivo da familia é a reapertura xudicial do caso. Non foi ata 2017 cando Rosa consegue unha copia do sumario e atopa que na investigación que a policía daba por pechada hai moitos baleiros "suficientes para que se siga a investigar". Actualmente hai novas informacións, froito das investigacións familiares, que están a trasladar á policía. "Xa tivemos dúas reunións coa Unidade Central de Homicidios de Madrid, e xa lle contamos moito do que sabemos, pero queda moito por explicar", indica Rosa Fernández, quen asegura que están pendentes dunha proba biolóxica que podería ser un detonante moi importante da investigación. Ao mesmo tempo, a policía está tomando declaracións a novas testemuñas que atopou a familia e, de momento, prudencia. "Hai que deixar que os profesionais traballen e esperar os resultados. Desde logo a familia non vai ceder e vamos seguir moi pendentes do caso". E nesa liña seguen a buscar informacións e apelan á colaboración pública cunha nova pegada de carteis por Vigo e a súa área na procura de pistas.
A familia ve necesario volver revisar toda a investigación "porque se fixeron as cousas mal desde o comezo" e volver valorar todo. "Os indicios para os xuíces non son suficientes, ten que haber unha proba que os fundamente e no caso de Déborah a complexidade reside en que a escenografía onde depositan o corpo é totalmente ficticia. Nunca vai haber na escena do crime unha proba que apunte directamente cara ao seu sospeitoso co cal aí reside a verdadeira complexidade do caso", lamenta Rosa Fernández.
As accións levadas a cabo pola familia para a reapertura do caso incluíron unha forte campaña con presenza nas redes sociais e a petición directa a través de change.org
Rosa explica que, por desgraza, son moitas as familias en España que ven que os indicios non son suficientes e non chega a haber nin imputados. "Hai moitos casos, como foi por exemplo o de Diana Quer; como o Chicle tiña a coartada da súa muller, non había forma de meterlle man. Se non chega a tentar outra agresión nunca o apresarían. Atopámonos nesa situación. Parece que é necesario que haxa unha segunda vítima para poder imputar a xente. Vivimos nun Estado de Dereito relativo, hai dereito para o teórico acusado pero para as vítimas non. As vítimas non teñen dereitos porque xa non son persoas, están mortas", afirma.
As accións levadas a cabo pola familia para a reapertura do caso incluíron unha forte campaña con presenza nas redes sociais e a petición directa a través de change.org, con máis de 230.000 sinaturas acadadas ata o momento. Os medios nacionais volveron recordar o caso e o venres 3 de abril La Sexta emitiu un programa especial de Equipo de Investigación para dar voz a esta familia que pide saber a verdade e acadar á fin xustiza para Déborah.