Novo trimestre e novo máximo de denuncias por violencia machista en Galicia dende que hai datos comparables. Os datos divulgados este 12 de decembro polo Poder Xudicial, correspondentes ao terceiro trimestre do ano, acreditan que nese período se recibiron nos xulgados galegos un total de 1.854 denuncias por violencia de xénero. Son máis de 1.800 por segundo trimestre consecutivo (no previo foran 1.813) e supoñen un incremento interanual do 16,1%.
As 1.854 denuncias rexistradas en Galicia no terceiro trimestre do ano supoñen outro máximo da serie histórica e un crecemento interanual do 16,1%
No mesmo trimestre os diferentes órganos xudiciais con sede en Galicia ditaron 471 sentenzas en casos de violencia de xénero das que unha amplísima maioría, o 78,7%, resultaron condenatorias. Todo, nun trimestre no que o propio Poder Xudicial resalta o impacto da lei orgánica de protección integral da infancia e a adolescencia fronte á violencia do 2021 cun forte incremento das suspensións de visitas, de ata o 85% no caso galego.
Dentro do global das cifras, o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia destaca que "a gran maioría" das denuncias, 1.440 das máis de 1.800 presentadas, chegaron aos xulgados tras atestados policiais que incluían denuncia da vítima. Nese período aumentou significativamente o número de mulleres identificadas como vítimas da violencia machista nestes procesos: de 1.597 hai un ano a 1.854 neste último trimeste analizado
Neses mesmos tres meses, segundo o Observatorio contra a Violencia Doméstica e de Xénero do Poder Xudicial, en Galicia rexistráronse 492 ordes e medidas de protección de mulleres vítimas, un incremento interanual do 12% nos xulgados de violencia sobre a muller, ás que se engadiron outras 99 en xulgados de garda sen competencia directa neste ámbito. Nos xulgados de violencia sobre a muller recibiron luz verde 304 destas solicitudes e nos demais, 66.
Ligado co eido das ordes de protección, o Poder Xudicial pon tamén o foco nas "medidas civís ditadas polos xulgados de violencia sobre a muller" para protexer fillas e fillos de vítimas. Estas cifras, resalta, "reflicten as modificacións legais introducidas" na devandita lei orgánica de protección integral da infancia e da adolescencia. Entre xullo e setembro ditáronse en Galicia 37 suspensións de réximes de visitas de pais maltratadores, o que supón un incremento interanual do 85%, toda vez que no mesmo trimestre de 2021 foran só 20.