As denuncias por violencia de xénero superan o seu máximo histórico en Galicia no primeiro semestre

Materiais da campaña Compostela En Negro o pasado 25N © En Negro Contra As Violencias

Nunca antes na historia houbera tantas denuncias por violencia de xénero en Galicia. Foron 1.813, un 10% máis que no segundo trimestre do pasado ano

Nunca antes na historia houbera tantas denuncias por violencia de xénero en Galicia. Os datos do segundo trimestre do ano 2022, difundidos este xoves polo Observatorio contra a Violencia Doméstica e de Xénero do Consello Xeral do Poder Xudicial, confirman o incremento que dende hai anos se vén detectando nas denuncias por violencia machista. Foron 1.813, un 10% máis que no segundo trimestre do pasado ano, unha cifra que é á máis elevada nun trimestre dende que comezan os rexistros, no ano 2009.

O dato, que se vén sumar ás 1.695 denuncias do primeiro trimestre (un 18% máis que no mesmo período do ano anterior), coloca o conxunto do semestre como o período con máis denuncias por violencia de xénero na historia no noso país. 

En realidade, o indicador presenta unha clara tendencia ascendente dende o ano 2015 que só foi interrumpida polos efectos da folga no sector da xustiza do ano 2018 ou do inicio da pandemia de COVID-19 no 2020. Entre o primeiro semestre de 2015 e o primeiro semestre de 2022 o número de denuncias aumentou un 35% en Galicia.

Os datos amosan que en Galicia descenderon un 10,2 % os casos de vítimas que se acolleron á dispensa para non declarar. No segundo trimestre de 2022 optaron por esta opción 97 mulleres, fronte ás 108 que o fixeron no mesmo período de 2021.

Entre o primeiro semestre de 2015 e o primeiro semestre de 2022 o número de denuncias aumentou un 35% en Galicia

No que atinxe ao número de ordes de protección solicitadas, o indicador rexistra un pequeno ascenso no primeiro semestre, cun aumento do 22% no primeiro trimestre compensado cun descenso do 7% no segundo. Neste segundo trimestre nos xulgados de violencia contra a muller solicitáronse 486 ordes de protección, das que se concederon 344 e se denegaron 141. Ademais, nos xulgados de garda sen competencia en violencia sobre a muller solicitáronse 126 ordes de protección, o que supón un aumento interanual do 16,7%.

Neste caso, o gráfico tamén amosa un incremento sostido deste tipo de solicitudes nos últimos anos, dende as 350 ordes solicitadas (e 200 adoptadas) trimestralmente entre 2010 e 2015 ata as 450 solicitadas e 300 adoptadas trimestralmente nos dous últimos anos.

A maior parte da sentenzas son condenatorias. Con todo, hai unha gran porcentaxe de procedementos que rematan en sobresemento provisional (610 no segundo trimestre)

Os procedementos xudiciais iniciados a raíz da presentación de denuncias por violencia de xénero rematan de moi distinta maneira. A maior parte da sentenzas son condenatorias, pois os distintos órganos xudiciais (xulgados de violencia sobre a muller, xulgados do penal e audiencias provinciais) ditaron no segundo trimestre en procesos de violencia de xénero 593 sentenzas, das cales 498 (o 84%) foron condenatorias. Con todo, hai unha gran porcentaxe de procedementos que rematan en sobresemento provisional (610 no segundo trimestre) ou sobresemento libre (16).

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.