Unha vítima de violencia machista comparte a súa experiencia despois de denunciar e o acompañamento que vén recibindo da Rede de mulleres veciñais contra os malos tratos de Vigo, liderada por Rosa Fontaíña, que atendeu a preto de 300 mulleres este ano
Sabela é vítima de violencia machista. Ela é quen de pronunciar esta frase agora, aínda que os seus ollos se enchen de bágoas á vez. Agora pode dicilo porque comprende o que lle pasou e quere compartilo por se pode axudar a outras mulleres a decatarse. Leva varios anos acudindo á Rede de mulleres veciñais contra os malos tratos de Vigo, que a acompaña desde que se decidiu a presentar unha denuncia.
“Toda a realidade queda invisible, a visible é o que di a sentenza”, afirma Carmen Clavería, psicóloga clínica especializada nas violencias contra as mulleres con máis de vinte anos de experiencia na Rede. “A sentenza é o único que conta”, reforza Rosa Fontaíña, unha das fundadoras e coordinadora da Rede. “O proceso que a muller vive é invisible, o medo que elas teñen está enlazado coa angustia, coa impotencia, a frustración, os insultos, as descualificacións, as malleiras... Cando unha muller que sente ese medo pensa en denunciar, o primeiro que se pregunta é se a van crer, e o normal é que se responda que non. Ademais, o agresor o que busca sempre é illalas da familia ou das amizades, das persoas próximas que poden ser testemuñas”, describe a psicóloga.
Sabela é un nome ficticio. A esta altura, conta que o único para o que lle serviu denunciar foi para darse conta de todo o que lle estaba a pasar. E iso non sucedeu no xulgado, ou da man da xustiza, sucedeu na terapia grupal que dirixe Carmen Clavería na Rede de mulleres en Vigo. “No momento da denuncia, estás enfrontándote a unha persoa despois de moitísimo tempo, como reacciona esa persoa despois de pasar unha noite no calabozo non o sabes. Eu tiña moitísimo medo. O bo foi que a Policía, polo menos no meu caso, creu en min e tiven un policía custodio, pero non porque o ordenase o xulgado. Mais pasaron varios anos ata que chegou a sentenza e non poden estar pendentes de ti todo ese tempo”.
"Ti tes que sobrepoñerte, perdoarte e entender o que che pasou porque para ti é a realidade que existe, non coñeces outra forma de relación cunha parella. Chegas a meterte nun mundo irreal rodeado de culpa no que perdes a túa personalidade. O meu fin era compracelo a el, pero non o estaba conseguindo porque todo o que facía estaba mal para el”, explica Sabela.
"Chega un momento no que ti realmente pensas que estás a facer algo para que che pegue ou che insulte, e saír dese círculo é moi difícil", razoa esta vítima de violencia
A asociación Rede de mulleres veciñais contra os malos tratos de Vigo leva atendidas preto de 300 mulleres no que vai de ano con máis de 2.000 intervencións e acompañamentos a vítimas de violencias machistas. Desde o ano 1998 traballa pola concienciación, prevención e denuncia social das violencias que sofren as mulleres polo mero feito de seren mulleres, pola formación en materia de xénero, a asistencia e a reincorporación psico-social das vítimas. Rachar co illamento social das mulleres vítimas destas violencias é preciso –contan desde a súa experiencia– para superar o vivido e minimizar as secuelas, para o que consideran fundamental o acompañamento social próximo e desde unha relación horizontal coa muller que logra pedir axuda.
“Chega un momento no que ti realmente pensas que estás a facer algo para que che pegue ou che insulte, e saír dese círculo é moi difícil”, razoa Sabela, coa voz quebrada, pois volver repasar o que lle pasou segue producíndolle un medo complexo de explicar. Lembra a situación de parálise na que quedaba despois das malleiras ou como, pola contra, se erguía do chan e seguía como se nada. “De verdade que a xente non o entende, perdín a conta de a cantas persoas lle tiven que explicar o que estaba pasando despois de denunciar e a xente pensa que estás tola ou que es parva por ter aturado iso. Non entenden o que che pasaba nin o que che segue a afectar –asegura–. Ti tes que xustificar todo continuamente, tes que demostrar todo o que che está pasando e todo o que che pasou”.
"É tan difícil dar o paso de denunciar que pensas: para que tanta historia con que denuncies se volvedes desconfiar de nós?"
A coordinadora da Rede de mulleres, Rosa Fontaíña, sinala que se atopan “un muro” na xustiza en Vigo e que a situación empeorou para as mulleres nos últimos catro anos. “Vou por todas partes dicindo que non hai xustiza para as mulleres. Hai unha presunción de mentira das mulleres cando chegan ao xulgado”, sostén. Sabela manifesta que non comparte o seu caso para culpar a ningún estamento, que o único que quere é que a xente saiba o que a ela e a outras mulleres lles está a pasar e que se mellore o sistema. “O que non pode ser é que nos custe tanto chegar a denunciar e despois atopemos tantas trabas... É tan difícil dar ese paso que pensas: para que tanta historia con que denuncies se volvedes desconfiar de nós?”, incide Sabela.
"Unha muller non se rehabilita cos servizos que hai", denuncia Rosa Fontaíña
Sabela explica como a súa ex parella segue a tratar de controlala a través dos seus fillos menores. “El trata de dirixirme, está todo o tempo controlando o que fago. Segues sentindo esa angustia de ter que contarlle todo a el para non ter problemas”, lamenta. Neste punto, non pode nin pensar na posibilidade de ter que compartir a custodia, pero sabe que o pai a vai reclamar. “Espero que todo vaia ben, enfrontarme ao tema da custodia para min é moi difícil, está todo relacionado coa violencia que vivín. A impotencia é moita”, resume ela.
“O das mulleres non lle interesa a ninguén”, remata dicindo Rosa Fontaíña tamén desde a impotencia, pois as dificultades para lograr financiar as actividades da Rede van en aumento. “As loitas coas administracións para ter recursos son tremendas”, salienta a coordinadora. A asociación ten asinado un convenio de colaboración coa Concellería de Igualdade do Concello de Vigo, coa Xunta e coa Deputación de Pontevedra, pero todo se renova de ano en ano e atopan problemas para a continuidade do persoal que traballa na oficina. Con todo, todos os últimos xoves de cada mes concéntranse diante do MARCO en Vigo para seguir visibilizando que a violencia de xénero segue aí. No ano 2020 a Rede recibiu o Premio Meninas da Delegación do Goberno en Galicia no marco do 25N.
“Unha muller non se rehabilita cos servizos que hai”, denuncia Rosa Fontaíña. “As mulleres normalmente pérdense, se non veñen á Rede, que facemos unha atención integral, ao mellor teñen citas unha vez ao mes”, engade. Sabela considera que estaría perdida se non chega a ter traballado a súa saúde mental na terapia grupal: “Hoxe podo estar contando isto porque entendín todo o proceso”. Para Fontaíña o éxito da actuación da Rede está en que as mulleres confían nas traballadoras. “Confiamos en vós porque vós confiades en nós, e non estamos acostumadas a iso. Principalmente porque non cremos en nós mesmas”, apunta Sabela.
A Rede de Mulleres conta cun ‘Punto informa’ aberto de 9 a 14 e de 16 a 21 horas na súa oficina situada no segundo piso do número 12 da rúa Oliva, no edificio da Oficina municipal de distrito do Casco Vello de Vigo. O Ministerio de Igualdade ofrece información e asesoramento ante posibles casos de violencia de xénero no teléfono 016 (e no enderezo 016-online@igualdad.gob.es), en Galicia a Xunta ten habilitado no 900 400 273 o Teléfono da Muller, ambos son gratuítos e anónimos e funcionan as 24 horas do día durante todo o ano. Se se trata dunha emerxencia hai que chamar ao 112.