Dous asasinatos machistas en dúas semanas e catro intentos en apenas nun mes. É o contexto político e social, canda a denuncia por presunta agresión sexual contra o ex-conselleiro Alfonso Villares, no que o BNG vén reclamando nos últimos días que a Xunta cree un "comité de crise" para "avaliar cada un dos casos de violencia machista máis recentes e revisar se algo fallou".
Esa reclamación trasladouna este mércores Ana Pontón á sesión de control ao presidente da Xunta. Para a portavoz nacional do BNG, "non podemos normalizar" estes feitos porque "non é normal, é aterrador, aínda máis cando vemos a pasividade" do Goberno galego en "contraste" coa "dilixencia coa que encubriu o seu conselleiro e amigo, presunto agresor sexual".
O goberno do PP, acrecenta a líder do Bloque, "non garante a día de hoxe nin a protección nin a defensa das mulleres fronte á violencia" porque "cando ten que escoller entre un amigo que é un presunto agresor e a vítima, ponse de lado do presunto agresor". Pero tamén cando evita a convocatoria dese comité de crise para "revisar que está fallando na protección das mulleres que denuncian" e aplicar "medidas extraordinarias" durante os "críticos meses de verán". "Se fosen futbolistas en vez de mulleres, non solicitarían un comité de crise?", preguntouse entre protestas da bancada do PP.
"Se fosen futbolistas en vez de mulleres, non solicitarían un comité de crise?", pregúntase a líder do BNG tras dous asasinatos machistas en apenas quince días. "Esa frase vaina perseguir, iso non é frivolizar? É poñerse en ridículo", retruca o presidente
"Respéctese a si mesma", retrucou Alfonso Rueda, a cuxo xuízo "esa frase vai perseguir" a Pontón. "Se asasinasen dous futbolistas facíamos un comité de crise, iso non é frivolizar? Iso é poñerse en ridículo", mantén o presidente, quen afirma que para "enfadarme" coas afirmacións da portavoz nacional do BNG "tería que tomala máis en serio do que a tomo, sobre todo cando fala destes temas".
Afirma Rueda que un dos cometidos que "máis en serio me tomo" como titular da Xunta é "acabar coa violencia machista". E por iso "é moi duro" escoitar da líder do primeiro grupo da oposición que o Goberno do PP "normaliza" a violencia machista ou "non nos preocupa que haxa asasinatos machistas".

"Se non o cre, non hai dereito a que o diga e se o cre, non hai dereito a que estea aí sentada", resolve. Máis aínda porque "pase o que pase" o BNG, acusa, "vai seguir apoiando un Goberno no que con diñeiro público se repartían mulleres", afirma en referencia ao informe da Garda Civil sobre a trama corrupta na que están presuntamente implicados o ex-ministro Ábalos, o seu asesor Koldo García e o ex-número tres do PSOE.
O presidente censura que o Bloque "siga apoiando" no Estado un "Goberno que trafica con mulleres". Pontón afea que o presidente estivese "encubrindo un conselleiro e amigo cunha denuncia por agresión sexual" tras votar "non" o PP a expresar formalmente apoio á denunciante
"Tan brava aquí para pedir a miña dimisión e tan mansa en Madrid para non pedir eleccións e remate o Goberno que trafica coas mulleres", incidiu un pleno máis Rueda. "En canto coñecemos eses datos repugnantes do informe da UCO dixemos que é repugnante, ao contrario que vostede, que estivo encubrindo un conselleiro e amigo cunha denuncia por agresión sexual, tamén niso somos diferentes: nós coa vítima e vostedes, amparando un presunto agresor", repuxo Pontón.
A tensión deste debate chegou despois de que, na xornada previa do pleno, o PP votase "non" a un punto específico dunha moción do Bloque que procuraba expresar apoio "solidariedade e apoio á denunciante a un membro do goberno galego por presunta agresión sexual" e "reprobar a filtración pública da súa identidade", así como "expresar o seu apoio ás mulleres agredidas que toman a decisión de acudir á xustiza e a súa vontade de seguir traballando para que o poidan facer coas máximas garantías de respecto, xustiza e reparación con independencia de quen sexan os denunciados e o seu status".