O caso Villares volve ao xulgado de violencia sobre a muller pendente de probas clave

Alfonso Villares, nunha imaxe de arquivo no que foi o seu despacho como conselleiro do Mar CC-BY-SA Xunta

O caso Villares principiou formalmente cando, o pasado xaneiro, a denuncia dunha muller contra quen dende o pasado mércores é ex-conselleiro do Mar comezou o seu curso no xulgado de instrución número dous de Ferrol. Trátase do xulgado que na cidade departamental ten encargados os asuntos de violencia sobre a muller e como tal abordou dende o primeiro momento a investigación dun presunto delito contra a liberdade sexual que agora se dispón a retomar. 

A dimisión de Alfonso Villares como membro do Goberno galego implicou a perda do aforamento, o cal -como marca o Estatuto de Autonomía- obrigou o xulgado de orixe a inhibirse a prol da Sala do Civil e Penal do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. Só o TSXG podía citar como investigado -a antiga imputación- a Villares e foi nese punto cando o Goberno galego decidiu, coa propia dimisión, revelar á opinión pública un caso que cando menos o presidente, Alfonso Rueda, coñecía dende febreiro.

Alfonso Villares, con Alfonso Rueda en San Caetano tras un Consello da Xunta o pasado febreiro CC-BY-SA David Cabezón / Xunta

Segundo a versión oficial, Villares -dirixente moi próximo política e persoalmente ao presidente- comunicou a Rueda a causa na que estaba incurso tras acceder a responder a un interrogatorio da Policía Nacional en Ferrol nun contexto no que reitera a súa "inocencia". Ese é o corpo policial ante o que foi denunciado tras uns feitos acontecidos nos últimos días de 2024, segundo fontes coñecedoras da investigación, na vivenda ferrolá da denunciante, coa que mantiña relación dende pouco tempo antes. 

Que os feitos denunciados como agresión sexual acontecesen nun espazo privado engade complexidade á investigación e importancia ás probas, que inclúen análises químicas e mostras biolóxicas canda o testemuño da denunciante, centrado na convicción de ter sido sometida a prácticas sexuais contra a súa vontade

Que os feitos denunciados como agresión sexual acontecesen nun espazo privado, especifican as fontes consultadas por Praza.gal, engade complexidade á investigación e, por extensión, importancia ás probas na instrución xudicial. Tanto ás xa manexadas como a algunhas aínda pendente e igualmente clave. Esas probas inclúen a intervención de profesionais da medicina forense e implican análises químicas e procura de mostras biolóxicas de denunciante e denunciado, segundo puido confirmar este diario. 

A investigación tamén puido ter acceso a probas audiovisuais tomadas por terceiras persoas en horas posteriores ao que a denunciante sinala como un delito contra a súa liberdade sexual. Esta información pode complementar o testemuño da muller, descrito por fontes coñecedoras do seu contido como veraz e especialmente minucioso, así como centrado na convicción de ter sido sometida a prácticas sexuais contra a súa vontade. 

Alfonso Villares anuncia a súa dimisión como conselleiro do Mar, este 4 de xuño en San Caetano CC BY-NC-SA Praza.gal | Imaxe: Sinal institucional Xunta

Mais ese testemuño ten tamén baleiros de memoria, evidenciou a denunciante. Tras os feitos a muller solicitou axuda a persoas próximas que se trasladaron á vivenda e a acharon, ademais de visiblemente afectada, con signos de desorientación, confirman as fontes consultadas. Aclarar a causa deses baleiros e os feitos atribuíbles ao ex-conselleiro durante os mesmos revélase como esencial no labor da xuíza instrutora no retorno do caso a Ferrol, momento procesual no que a muller prevé ratificarse na súa denuncia malia ter recibido presións de parte da súa contorna para non o facer, aseguran.

Tras os feitos a muller solicitou axuda a persoas próximas que a acharon con signos de desorientación. Eses testemuños tamén son relevantes para a investigación nun contexto no que fontes xudiciais non ocultan o malestar polo tratamento do Goberno galego sobre o caso, así como pola filtración do nome da denunciante

Con este delicado pano de fondo en ámbitos da xudicatura non foi ben recibido o tratamento que nos últimos días recibiu a denuncia por parte do Goberno galego e a súa área política de influencia. Tanto pola esixencia pública de celeridade encamiñada a unha exculpación e retorno rápido de Alfonso Villares á "vida pública" por parte de Rueda e outros relevantes cargos do PP como pola crecente convicción de que a contorna dos populares contribuíu a "filtración" do nome da denunciante, especialmente afectada ao respecto. Por esta última cuestión os dous grupos da actual oposición parlamentaria, BNG e PSdeG, veñen reclamando explicacións nos últimos días.

Neste contexto, outras fontes coñecedoras tanto do caso como do ámbito xudicial no que se dilucida reiteran un duplo chamamento á prudencia que contradí parte dos relatos emanados tras a dimisión de Villares. A volta do caso ao xulgado de violencia sobre a muller de Ferrol non equivale, nin de lonxe, a un peche seguro, insisten tamén estas fontes, que valoran a capacidade da instrutora para obviar as presións que puidesen existir e basear nas probas o eventual procesamento de Villares ou arquivo dun caso con obvia repercusión política e social.

No avance da instrución, advirten fontes consultadas, tamén cabe agardar que colateralmente transcendan detalles que suxiran usos polo ex-conselleiro de recursos oficiais da Xunta que poden resultar política e mesmo eticamente reprochables. Pero alleos, especifican, a calquera tipo penal.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.