A Audiencia ratifica que o ex-conselleiro Villares non sexa xulgado por agresión sexual

Alfonso Villares, nunha imaxe de arquivo no que foi o seu despacho como conselleiro do Mar CC-BY-SA Xunta

O tribunal concorda en que as pescudas da xuíza de Ferrol non acharon "indicios bastantes" para procesar o ex-titular da Consellería do Mar e confirma o arquivo 

En xaneiro de 2025 o daquela conselleiro do Mar, Alfonso Villares, foi denunciado ante o xulgado de violencia sobre a muller de Ferrol por un presunto delito contra a liberdade sexual. Principiaba así un procedemento que, por ser daquela Villares membro do Goberno galego e polo tanto, aforado, pasou ao Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, que o imputou polos feitos en xuño, momento no que dimitiu

Medio ano despois de regresar aos xulgados ferroláns, en decembro de 2025, a instrutora do caso concluíu as pescudas e ditaminou que Villares non debía ser procesado e, polo tanto, enviado a xuízo por este caso. O arquivo da denuncia ficaba desa maneira nas mans da Audiencia Provincial da Coruña, que o vén de confirmar.

Alfonso Villares anuncia a súa dimisión o pasado xuño como conselleiro do Mar CC BY-NC-SA Praza.gal | Imaxe: Sinal institucional Xunta

Segundo informa o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, a sección primeira da Audiencia ratifica o peche do caso sen procesamento baseándose en que o caso de Villares foi obxecto dunha investigación "ampla e minuciosa" por parte da xuíza instrutora a través da cal "non apreciou indicios bastantes para procesar". "Practicáronse todas as dilixencias pertinentes para o esclarecemento dos feitos, polo que é procedente confirmar a conclusión de sumario", agrega.

Rexeita a petición da denunciante de devolver o caso a Ferrol para tomar declaración "á condutora e a axudante da ambulancia" que atenderon a muller e indicaren se tiña síntomas "compatibles cun cadro de submisión química"

Sempre segundo a información achegada polo TSXG -que, ao contrario do que vén sendo práctica habitual, neste caso non facilita o acceso á resolución completa do caso sobre o que informa-, a Audiencia rexeitou a petición de devolver o caso ao xulgado de Ferrol para practicar novas pescudas. Concretamente, a toma de declaración "á condutora e a axudante da ambulancia" que atenderon a muller a noite dos feitos.

O tribunal coruñés rexeita que a acusación "pretendese" que ambas profesionais puidesen "erixirse en testemuñas directas aptas para establecer, conforme á súa mera percepción e experiencia práctica", se "a sintomatoloxía que presentaba" a muller que denunciou a Villares "resultaba compatible cun cadro de submisión química". Esa pretensión, resolven, "carece de solidez lóxica e procesual".

Alfonso Rueda intervén na toma de posesión de Marta Villaverde (esquerda) como conselleira do Mar en presenza de Alfonso Villares (á dereita da imaxe), o 5 de xuño de 2025 no Pazo de Raxoi CC-BY-SA David Cabezón / Xunta

As traballadoras da ambulancia, agregan, son "persoas manifestamente alleas ao núcleo do feito investigado" e están "desprovistas de cualificación pericial para efectuar unha inferencia diagnóstica". Asemade, consideran, esa "hipótese" quedou "contradita por declaracións testificais de médicos especialistas e polo resultado de análises, exploracións e probas clínicas exhaustivamente practicadas".

A Audiencia considera que a "hipótese" sostida pola denunciante xa quedou "contradita" coas pescudas do xulgado ferrolán

Desta maneira, o auto da Audiencia ditamina que a controversia "no se sitúa neste caso na necesidade de de completar unha investigación insuficientemente desenvolvida", senón "na pretensión de obter unha nova valoración incriminatoria" para levar a Villares a xuízo. Contra esta resolución cabe recurso de súplica.

O ex-conselleiro mantivo ao deixar o cargo no Goberno galego que se dispuña a defender a convicción de ser  "absolutamente inocente da denuncia que se formula contra min". Nesa inocencia insistiran tamén Xunta e PP, que ao máis alto nivel manifestaran a súa vontade de reincorporar a Villares a cargos políticos no caso de resultar exonerado.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.