O ex-conselleiro Villares volve ao posto de veterinario en Medio Rural e a CIG advirte "trato de favor"

Alfonso Villares, nun acto público en Viveiro como conselleiro do Mar CC-BY-SA Xunta

Os directorios internos de Medio Rural reflectiron dende finais de xuño a incorporación de Villares como inspector veterinario de apoio na oficina de Mondoñedo e Función Pública confirma agora que exerce en Viveiro, dentro da mesma área

Uns vinte días despois de dimitir como conselleiro do Mar pola súa imputación tras unha denuncia por un delito contra a liberdade sexual formulada meses antes, o nome de Alfonso Villares volveu figurar nos directorios internos da Consellería de Medio Rural como inspector veterinario de apoio. Concretamente, como un dos sete profesionais deste ámbito adscritos á Oficina Rural de Mondoñedo, unha das catro da área mindoniense, que abrangue tamén as de Ribadeo, Viveiro e Foz.

A pasada semana, nos primeiros días de xullo, o xornal El Progreso informaba da reincorporación de Villares a Medio Rural exercendo como veterinario, pero na Oficina Rural de Viveiro. Ambos elementos, a reincorporación e o seu destino na vila do Landro, levaron a sección sindical da CIG na Administración autonómica a denunciar publicamente o que consideran un "trato de favor" ao ex-conselleiro, que o Goberno galego nega.

Alfonso Rueda intervén na toma de posesión de Marta Villaverde (esquerda) como conselleira do Mar en presenza de Alfonso Villares (á dereita da imaxe), o pasado 5 de xuño CC-BY-SA David Cabezón / Xunta

A denuncia da CIG céntrase en que a Xunta "ten reservado un posto de traballo" a Villares cando "non ten dereito por ser persoal temporal". Esa praza, acrecentan, "estivo oculta e gardada para el mentres tivo responsabilidades políticas" primeiro como alcalde de Cervo e despois como conselleiro aínda que, durante o proceso de estabilización de emprego convocado ao abeiro da lei para a redución da temporalidade de 2021 -obrigada pola lexislación europea-, "o ex-conselleiro participou e non acadou praza".

O sindicato afirma que a Xunta "ten reservado un posto" a Villares malia "non ter dereito por ser persoal temporal" ao non incluír a praza no concurso de traslados que Medio Rural ten en marcha. O Goberno galego retruca que tramitou o seu regreso tras a "excedencia forzosa" seguindo as normas

Así o aseguran porque en todo este tempo "non foi ofertada a persoal veterinario funcionario de carreira que ten máis dereito sobre ela". E, sobre todo, porque tampouco figura no concurso de traslados para este persoal que Medio Rural ten en marcha dende o 9 de xullo, que si inclúe seis postos de inspección veterinaria de apoio na área de Mondoñedo. "Con esta decisión négase a oportunidade de conciliar vida familiar e laboral a un compañeiro ou compañeira funcionario de careira para  manter nel a Alfonso Villares, que non ten praza gañada e está acusado dunha presunta agresión sexual", acusan nun contexto no que cren que a súa incorporación en Viveiro e non en Mondoñedo se debe a que está "máis próximo ao seu domicilio".

Preguntada ao respecto por Praza.gal, a Consellería de Facenda -a competente en materia de función pública- ratifica que Alfonso Villares "é persoal laboral indefinido non fixo" da Xunta, o que xuridicamente é unha relación laboral temporal. "Por ser conselleiro -indica o departamento gobernamental- estaba na situación administrativa de excedencia forzosa por cargo público" e "ao cesar como conselleiro, solicitou o reingreso ao servizo activo e reincorporouse ao posto que tiña reservado tal e como establece a normativa".

Alfonso Villares, con Alfonso Rueda en San Caetano tras un Consello da Xunta o pasado febreiro CC-BY-SA David Cabezón / Xunta

Tamén rexeita a Consellería que exista trato de favor polo feito de que Villares volvese traballar a Viveiro e non a Mondoñedo. "O seu posto como inspector veterinario de apoio na Oficina Rural de Viveiro sitúase dentro da área de Mondoñedo, polo que podería estar en calquera das catro oficinas desta zona", sinalan as mesmas fontes oficiais. Na relación de postos de traballo da Consellería do Medio Rural o persoal de inspección veterinaria de apoio ten como centro de destino toda a área de Mondoñedo e non unha das oficinas en concreto, se ben é certo que, cando menos tras reincorporouse, figurou no directorio interno da oficina mindoniense.

En 2020, cando Villares era alcalde de Cervo, CSI-F atribuíra un "cambio de criterio" da Xunta nunha consolidación de emprego de veterinarios á vontade de que o dirixente do PP "mantivese o posto indefinidamente aínda que non participase na oposición"

As acusacións actuais da CIG-Autonómica fan rexurdir outras lanzadas sobre o posto de Alfonso Villares como veterinario da Xunta hai xa media década. Daquela formuláraas o sindicato funcionarial CSI-F.

Naquel caso, a central sindical censurara que na convocatoria dun proceso selectivo de consolidación de persoal veterinario a dirección xeral da Función Pública "cambiase de criterio" e, no canto de ofertar todas as prazas, só ofertase as que estaban "efectivamente ocupadas" e "suprimise" a dun traballador en excedencia forzosa, Alfonso Villares, na altura alcalde de Cervo. "Na práctica supón que aínda que non participe na oposición, seguirá mantendo o posto de maneira indefinida", sinalaban, mentres a Xunta negara favoritismo ningún.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.