A asociación galega de mulleres do mar Mulleres Salgadas subliña nun comunicado o seu "malestar e indignación" en relación coa dimisión do conselleiro do Mar, Alfonso Villares, tras confirmarse a súa imputación nun caso de presunta agresión sexual. Consideran que os aplausos de representantes do Goberno galego e a aperta do presidente da Xunta a Villares tras a súa dimisión contribúen ao "negacionismo" das violencias machistas e á "indefensión das mulleres".
O colectivo manifesta o seu "apoio á vítima" e sinala a súa especial preocupación pola "revitimización que está sufrindo debido á comunicación da súa identidade a medios de prensa". Dende Mulleres Salgadas esixen "responsabilidades" por este feito, que cualifican de "gravísimo" tanto para a presunta vítima e denunciante "como para todas as mulleres que sufriron, sofren ou poden sufrir violencia machista".

No seu comunicado, remitido no serán deste luns, a asociación resalta que "a violencia machista non é un asunto privado, como declarou Alfonso Villares na súa dimisión", e incide en que se trata dun asunto público. Así o establece o Convenio de Estambul, ao que se adheriu o Estado español hai máis dunha década.
Ademais, Mulleres Salgadas cita a propia Consellería de Política Social e Igualdade da Xunta e apuntan que no seu sitio web recolle que "entender a violencia como un asunto persoal reforza as mulleres a unha situación de subordinación a respecto do home e implica asumir as relacións de poder historicamente desiguais entre ambos e a través das cuais se lexitima ao home a manter o seu status quo de dominación incluso a través da violencia. Esta percepción contribúe a que as mulleres non denuncien a sús situación por medo, vergoña ou culpabilidade".
A asociación resalta que "a violencia machista non é un asunto privado, como declarou Alfonso Villares na súa dimisión", e incide en que se trata dun asunto público
En concreto, Mulleres Salgadas censura a posta en escena do acto de dimisión de Alfonso Villares coa presenza na primeira liña "de mulleres como a directora xeral de pesca, a actual conselleira do Mar, a directora do Intecmar, a directora territorial en Vigo e outros altos cargos de Mar", que nas súas palabras "só pode interpretarse dende o reforzo e a transmisión dos mandatos heteropatriarcais, orixe da violencia machista, por parte das propias mulleres".
Este colectivo de mulleres profesionais do sector do mar fai referencia tamén á grave incidencia da violencia sexual na nosa sociedade, con datos da Macroenquisa de violencia contra a muller de 2019 onde xa figura que "o 84,1% das mulleres vítimas de violencia sexual e o 67,2% das mulleres que sufriron unha violación non buscaron axuda formal tras o sucedido".