Tras abrazar o xoves ao conselleiro cesado e ocultar o caso catro meses, o presidente non responde sobre se dimitirá el mesmo se hai unha condena nin por que non emitiu ningunha mensaxe de apoio a vítimas ou denunciantes
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, asegurou este luns que non comunicou ao presidente estatal do PP e ex-presidente da Xunta e do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, a investigación por presunto delito contra a liberdade sexual aberta ao seu xa cesado conselleiro do Mar, Alfonso Villares, membro tamén da executiva galega do partido co seu predecesor. Coñecedor do caso desde febreiro, Rueda deu unha rechamante aperta en público o pasado xoves a Villares no acto de toma de posesión da nova conselleira. Ante as críticas recibidas por ese xesto, Rueda non respondeu a varias preguntas que se lle formularon en rolda de prensa tras a reunión do Consello da Xunta sobre se dimitirá el mesmo no caso de que Villares sexa condenado ou sobre a súa omisión de mensaxes de apoio a posibles vítimas ou denunciantes.
Sobre os catro meses que pasaron desde que Rueda foi coñecedor da investigación a Villares ata o seu cesamento o pasado mércores o presidente xustificou que este se produciu no momento en que houbo "o primeiro pronunciamento xudicial", en referencia á comunicación do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) á Xunta como aforado que era o investigado. O xoves a número 2 do PPdeG, Paula Prado, asegurou que ela non soubo da investigación ata o mesmo mércores. E este luns Rueda dixo que el mesmo non lla comunicou a Feijóo ata ese mesmo momento. "Ao señor Feijóo comuniqueillo cando houbo un pronunciamento xudicial, que é o que din os estatutos [do PP]", asegurou Rueda.
Por outra banda, o abrazo en público de Rueda a Villares provocou críticas nos últimos días non só da oposición senón tamén desde o eido xudicial polas mensaxes implícitas que pode transmitir ás posibles vítimas ou denunciantes de agresións sexuais. Posibles vítimas ou denunciantes ás que o presidente aínda non se referiu nin para amosar retoricamente os recursos e mecanismos legais que as administracións poñen á súa disposición.
"Nunca vou tratar como culpable a quen a xustiza non condenou", di Rueda sobre Villares na mesma rolda de prensa na que volveu cargar contra o Goberno de Pedro Sánchez
Ante esta situación, Rueda recibiu varias preguntas. Se repetiría o abrazo a Villares, por que non tivo ningunha mención para as vítimas ou denunciantes en xeral, se non se arrepinte da xestión que está a facer da crise ou se, tras o sucedido, el mesmo contempla dimitir se Villares é finalmente condenado. O presidente non deu resposta a ningunha desas cuestións e centrou as contestacións en asegurar que actuou cando soubo do primeiro pronunciamento da xustiza.
Rueda tamén incidiu na presunción de inocencia de Villares: "Nunca vou tratar como culpable a quen a xustiza non condenou", dixo este luns, na mesma rolda de prensa na que volveu cargar contra o Goberno de España por "a que parece que lle vai caer", en referencia a diversas investigacións xudiciais aínda non pechadas.
A oposición insiste en pedir explicacións
Pontón cualifica os "bicos e abrazos" do Goberno galego a Villares como unha mensaxe "demoledora para todas as mulleres"
Este luns tamén volveron pronunciarse sobre a investigación a Villares os partidos da oposición. A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, pediu a Rueda que compareza no Parlamento para explicar por que "ocultou" durante durante meses a investigación ao conselleiro do Mar. "É un feito gravísimo que ten que ser explicado onde están os representantes do pobo", dixo Pontón.
A nacionalista tamén cualificou como "unha das páxinas máis indignas que temos visto na historia do noso país" a "despedida" con "bicos e abrazos" que o Goberno galego deu o xoves a "un presunto agresor sexual". Segundo di, foi unha mensaxe "demoledora para todas as mulleres, e especialmente para as que sufriron algún tipo de agresión sexual ou de violencia machista". "Ante unha denuncia, o que fan é poñerse do lado do agresor e non do lado da vítima, e isto é absolutamente grave e debe de ser explicado”, lamentou a nacionalista.
Besteiro di que a ocultación de Rueda "marca unha liña vermella de machismo institucional"
Pola súa banda, o líder do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, di que a actuación de Rueda ao ocultar a investigación a Villares "marca unha liña vermella de machismo institucional". O socialista referiuse á obriga que teñen os dirixentes do PP, segundo os seus propios estatutos, de comunicar este tipo de situacións ao presidente do partido: "se Rueda lle contou a Feijóo o que pasara, estamos ante dous dirixentes que o ocultaron durante meses, e iso implica responsabilidades políticas". Porén, Rueda asegurou que non llo comunicara a Feijóo porque os estatutos non o esixen ata que hai unha comunicación xudicial.