Ao quedar a investigación "concluída e arquivada" Alfonso Villares sinala ante os medios que procura "restituír" a súa "honra" tras unha "acusación que carecía de fundamento" e evita aclarar se Rueda xa lle concretou o seu ofrecemento dun novo cargo
En xaneiro de 2025 o daquela conselleiro do Mar, Alfonso Villares, foi denunciado ante o xulgado de violencia sobre a muller de Ferrol por un presunto delito contra a liberdade sexual. Principiaba así un procedemento que, por ser daquela Villares membro do Goberno galego e polo tanto, aforado, pasou ao Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, que o imputou polos feitos en xuño, momento no que dimitiu.
Medio ano despois de regresar aos xulgados ferroláns, en decembro de 2025, a instrutora do caso concluíu as pescudas e ditaminou que Villares non debía ser procesado e, polo tanto, enviado a xuízo por este caso. O arquivo da denuncia ficaba desa maneira nas mans da Audiencia Provincial da Coruña, que o confirmou a principios deste mes de abril por non ver "indicios bastantes" para acusalo ao tempo que denegaba á denunciante a práctica de novas dilixencias coa toma de declaración a persoal da ambulancia que a atendeu na noite dos feitos.
A denunciante non recorreu ese auto da audiencia e "podemos dicir que é firme e que a investigación está concluída e arquivada", sintetizou este xoves Villares para explicar o motivo da comparencia de prensa que convocou a título persoal en Santiago. Sen posibilidade de formular preguntas, o ex-conselleiro e antigo alcalde de Cervo confirma a súa intención de "pedir o reingreso como afiliado no PP" tras a baixa voluntaria ligada ao caso e dedicarse, afirma, a "restituír a miña imaxe e a miña honra".
O ex-titular de Mar declárase "incapaz de cometer os graves feitos dos que fun acusado" e reclama "desculpas" dos "responsables políticos que decidiron ignorar a miña presunción de inocencia"
Apenas tres días despois de que o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, evidenciase que xa valora a posibilidade de lle outorgar un novo cargo público, Villares evitou responder cando foi cuestionado sobre se xa recibira algún ofrecemento concreto. Fíxoo nunha comparecencia que, subliñou, quixo centrar en que "dous xulgados distintos, unha xuíza, tres maxistrados e o Ministerio Fiscal din o que dixen eu". "Que a acusación carecía de calquera tipo de fundamento e que non existía base ningunha para procesarme", enfatiza.
"O meu desexo é deixar atrás esta etapa" malia ao que considera un "dano irreparable" e "tentar recuperar a normalidade da miña vida privada e profesional". Faino, di, por todas as persoas que saben que "son incapaz de cometer os graves feitos dos que fun inxustamente acusado", denuncia coa cal "o dano causado foi profundo".
Neste sentido, di Villares, ao seu xuízo cómpre "unha reflexión e unha desculpa" por parte das "persoas e responsables políticos que decidiron ignorar a miña presunción de inocencia". "Que cargos públicos actúen con esa irresponsabilidade entraña un enorme perigo", di, xa que "cando a política se dedica a condenar sen xuízo quebran as garantías de toda a sociedade".