"Non tería problemas para volver á vida pública", di o presidente, que insiste en que a oposición debe pedirlle desculpas
O presidente da Xunta e do PPdeG, Alfonso Rueda, valorou este luns a posibilidade de que o ex-conselleiro do Mar Alfonso Villares volva á vida política logo de que a Audiencia Provincial da Coruña veña de ratificar o arquivo da causa aberta contra el por un suposto caso de agresión sexual. "Depende del", dixo o presidente, abríndolle a porta a un novo cargo público que en todo caso, segundo fontes do Goberno galego, non suporía a volta á mesma consellería do Mar, ocupada por Marta Villaverde desde que Villares dimitiu ao coñecerse a súa imputación en xuño 2025.
Villares foi denunciado en xaneiro de 2025 ante o xulgado de violencia sobre a muller de Ferrol por un suposto delito contra a liberdade sexual. Unha causa que se coñeceu en xuño cando el mesmo dimitiu como conselleiro. Tras diversas investigacións, en decembro a xuíza instrutora do caso decidiu non procesar a Villares por non atopar probas do sucedido, decisión que a pasada semana foi ratificada pola Audiencia da Coruña por considerar que non se atoparon "indicios bastantes".
Logo do arquivo Rueda foi preguntado no Consello da Xunta deste luns polo futuro de Villares, que tras a súa dimisión volveu ocupar unha praza como veterinario en Medio Rural. "Non tería problemas para volver á vida pública", di Rueda, quen asegura que o seu futuro "depende del". Un futuro no que fontes do Goberno galego matizan que no estaría a volta á consellería do Mar, onde se considera que a súa sucesora, Marta Villaverde, está a facer un traballo satisfactorio.
Rueda lamenta "as cousas que se chegaron a dicir" e os "ataques persoais" que sufriu Villares
Rueda tamén volveu lamentar este luns "as cousas que se chegaron a dicir" de Villares por parte da oposición con "ataques persoais" e querendo "xulgar antes de que xulgaran os xuíces". Nesa liña, diversos cargos do PP veñen reclamando á oposición que pida desculpas, mentres que nacionalistas e socialistas salientan que tamén o PP está a considerar culpables de acusacións similares a cargos doutros partidos que tampouco foron aínda xulgados, como o ex-presidente da Deputación de Lugo José Tomé.