Querela da Fiscalía contra Tomé por acoso sexual e abuso na función pública

José Tomé, nunha imaxe de arquivo no Concello de Monforte © Concello de Monforte

O Ministerio Público actúa contra o ex-presidente da Deputación de Lugo e alcalde de Monforte "tras recibir unha denuncia particular por feitos presuntamente delituosos cometidos contra unha muller" en setembro do ano pasado

O caso Tomé chega aos tribunais. A Fiscalía Provincial de Lugo vén de interpoñer unha querela contra o ex-presidente da Deputación e alcalde de Monforte por presuntos delitos de acoso sexual e de abuso no exercicio da función pública.

O Ministerio Público confirma que decide actuar contra o ex-dirixente do PSdeG "tras recibir unha denuncia particular por feitos presuntamente delituosos cometidos contra unha muller en setembro de 2025". Considera que "poderían ser constitutivos" dos devanditos dous delitos, "sen prexuízo do resultado que poida arroxar a investigación penal", porque os feitos "están suficientemente determinados" e existen "indicios fundados de criminalidade". "Unha vez xudicializado o asunto poderán exercerse en toda a súa extensión os dereitos de defensa e contradición", abonda.

José Tomé, nun acto público en novembro de 2025 CC-BY-NC-SA PSdeG

A querela da Fiscalía chega mes e medio despois da saída formal de Tomé da presidencia da Deputación e case tres meses despois da súa dimisión no cargo. Esa dimisión acompañouna da decisión de continuar como alcalde e deputado provincial non adscrito aínda que a dirección do PSdeG lle reclamou a entrega das actas en ambas institucións tras transcender, a principios de decembro, que fora denunciado por acoso sexual na canle interna do PSOE. 

Tomé dimitiu como presidente da Deputación pero mantívose como non adscrito mantívose nos cargos de deputado provincial e rexedor malia reclamarlle o PSdeG a entrega das actas

A dimisión de todos o cargos foi tamén reclamada polo PP e polo BNG en ambas corporacións. Tamén dende organizacións feministas como a Marcha Mundial das Mulleres, que este luns, tras coñecer a denuncia da Fiscalía, sinalou como "insostíbel que se manteña como alcalde de Monforte" e "reiterou" a "esixencia de dimisión". A permanencia como deputado provincial fixo que o seu voto siga sendo imprescindible na corporación da Deputación, a comezar pola elección o pasado xaneiro da nova presidenta, Carmela López.

Neste contexto, a dirección nacional do PSdeG revelou tras o estourido do caso que o pasado outubro unha. "terceira persoa" lle comunicara ao secretario xeral, José Ramón Gómez Besteiro, un posible caso de acoso cometido por Tomé e que transmitiron a esa persoa a necesidade de que a muller afectada denunciase. O protocolo interno do PSOE, sinalara Besteiro, impedíralle coñecer o detalle do sucedido nun contexto no que, subliña, o partido pon o foco en preservar "o anonimato" da denunciante.

O paso dado agora pola Fiscalía prodúcese tamén nun contexto marcado na capital de Lemos pola recente dimisión da ata agora concelleira de Igualdade, Margarita López, que aludiu motivos persoais. A súa marcha propicia a incorporación á corporación de quen ocupara o undécimo posto na candidatura socialista nas eleccións municipais de Monforte, Miguel Tomé, fillo de José Tomé, quen pola súa banda vén mantendo que é inocente e sinalando as acusacións de acoso sexual como unha "gran mentira".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.