A permanencia de Tomé faino imprescindible na Deputación de Lugo e clave cara a 2027

José Tomé, nunha comparecencia como presidente da Deputación de Lugo © Deputación de Lugo

A dimisión tras as acusacións de acoso sexual atinxe ás súas condicións de presidente da institución provincial e de líder do partido mais non aos determinantes cargos de deputado e mais de alcalde de Monforte, nos que o PSdeG lle reclama que entregue as actas

En apenas vinte e catro horas o panorama político da provincia de Lugo en xeral e do PSdeG lucense en particular experimentou unha fortísima sacudida. A publicación nun programa televisivo de Cuatro das acusacións de acoso sexual contra José Tomé no seo do PSOE desencadearon un verdadeiro terremoto que, a primeira hora da tarde deste 10 de decembro, se saldaba co dirixente sinalado accedendo a asumir a dimisión de parte dos seus cargos. O máis visible e relevante, a presidencia da Deputación "para non prexudicar a institución provincial".

A dimisión, matizou Tomé, non é total. Canda a presidencia da Deputación renuncia á secretaría provincial do PSdeG, onde pasa a estar suspendido de militancia. Pero prevé continuar como alcalde de Monforte e como deputado provincial pasando á condición de non adscrito, a mesma que, anunciou, asumen canda el os restantes 9 edís ata agora do PSdeG que gobernan con maioría absoluta a capital de Lemos.

Tomé, nos instantes previos a ser reelixido presidente da Deputación de Lugo en xuño de 2023 © Deputación de Lugo

Mentres as direccións nacional e federal do partido lle "esixen" cun comunicado público a dimisión total "coa entrega das súas actas" de deputado e concelleiro -e polo tanto, a renuncia á alcaldía-, a súa decisión de permanecer como membro das corporacións provincial e local convérteo en imprescindible na Deputación no futuro máis inmediato. Pero tamén o configura como unha peza potencialmente clave cara ás eleccións municipais de 2027 sen que o PSdeG teña máis ferramentas ao seu alcance que a reclamación ou a presión política -as actas son persoais unha vez adxudicadas e non cabe destitución polo partido-.

A elección da persoa que o suceda na presidencia, posto para o que gaña forza o nome da alcaldesa de Burela, Carmela López, pasa necesariamente polo seu voto, agora como non adscrito

Como no anterior mandato, a maioría absoluta que sustenta o goberno de PSdeG e BNG na Deputación ten un só escano de marxe: 10 socialistas e 3 do BNG fronte a 12 do PP. Polo tanto, a elección do sucesor ou sucesora de Tomé pasa necesariamente polo seu propio voto; os agora 9 deputados e deputadas do PSdeG, os 3 do BNG e o presidente dimisionario deben votar polo mesmo nome para manteren a absoluta ou, en aplicación da lei electoral, activaríase a posibilidade dunha elección por maioría simple da que goza o PP.

Neste escenario, resulta imposible que entre os socialistas lucenses non emerxan os ecos do acontecido en 2015, cando o (agora ex-socialista) alcalde de Becerreá, Manuel Martínez, canalizou o seu conflito interno no partido dando a presidencia da Deputación ao PP -catro meses despois recuaría facilitando unha moción de censura-. Tomé, non obstante, asegura que a persoa "que asuma a presidencia da Deputación vai seguir contando coa miña colaboración" ao querer "que ese goberno siga funcionando ben como ata agora e non vou ser un estorbo".

Alén da transcendental aritmética, son innegables tamén os vencellos de Tomé con esta elección clave e inmediata da nova presidencia. No Grupo Provincial Socialista están ata tres integrantes da candidatura que confrontou co rexedor de Monforte nas últimas primarias provinciais -o que fora candidato contra Tomé, Iván Castro; o alcalde de Castroverde, Xosé María Arias, e mais a alcaldesa de Guitiriz, Marisol Morandeira-. O seu concurso é igualmente imprescindible para unha votación na que gaña forza o nome da alcaldesa socialista de Burela, Carmela López, que obviamente precisa tamén o voto afirmativo dun Bloque que supeditou este mércores a súa permanencia no goberno provincial á dimisión de Tomé.

Unha vez superada a elección na presidencia, se Tomé non renuncia á acta de deputado provincial o seu voto continuará sendo indispensable en todas as votacións aínda que non forme parte do goberno. Dende as iniciativas máis ordinarias ata as máis relevantes, coma os derradeiros orzamentos do mandato e o plan de distribución de fondos aos concellos para o ano vindeiro.

Cinco mil votos en xogo

Se Tomé chegase ás municipais gobernando Monforte como non adscrito abriríase a hipótese de se concorrería ou non á marxe do PSdeG, coas obvias implicacións para os axustadísimos equilibrios cara ao goberno da Deputación

O seu peso non remata aquí. No suposto de que chegase ás eleccións municipais gobernando Monforte como non adscrito abriríase na localidade a obvia hipótese de que concorrese aos comicios á marxe das siglas do PSdeG. Estaría, daquela, en xogo unha potencial bolsa de case 5.000 votos, os logrados polos socialistas monfortinos en 2023 con Tomé á fronte, transcendentais nun partido xudicial que reparte dous escanos na Deputación e onde nas últimas municipais un foi popular e o outro, socialista -o último en xogo-. Unha dispersión deses sufraxios situaría os populares máis preto dun goberno que, agás a paréntese propiciada por Martínez en 2015, non tocan dende a fin do cacharrismo en 2007.

José Tomé, presentando os Orzamentos de Monforte para 2026 o pasado novembro canda a concelleira de Facenda, Gloria Prada © Concello de Monforte

Ambas cuestións, a importancia do seu voto na actual corporación e o seu posible impacto nos comicios de 2027, evidencian a relevancia das reclamación das direccións do PSdeG e do PSOE a respecto das actas. Pero tamén, en caso de que siga evitando renunciar a elas, os equilibrios e canles abertas con Tomé que a formación que encabeza José Ramón Gómez Besteiro se verá obrigado a realizar mentres, ao tempo, seguen sobre a mesa unhas "informacións sobre presunto acoso sexual" que "non só nos producen tristura, senón repugnancia", subliñan dende o partido mentres apostan por que sexan "investigadas con todas as consecuencias".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.