Tras a reelección de José Ramón Gómez Besteiro como secretario xeral culminada no Congreso Nacional do pasado marzo, os procesos congresuais do PSdeG tiñan unha relevante parada este pasado domingo. En Lugo e Ourense, ao contrario do acontecido na Coruña e Pontevedra, a existencia de máis dunha candidatura ao liderado -dúas, en ambos casos-, deu lugar á celebración de eleccións primarias, feito relevante en si mesmo polo que implica de medición de forzas internas e de activación da militancia para unha elección orgánica.
Especialmente significativo foi o caso lucense, por implicar a elección a José Tomé, presidente da Deputación, alcalde de Monforte e secretario provincial dende 2019. Para revalidar o cargo tivo que confrontar nas urnas coa candidatura alternativa de Iván Castro, concelleiro en Paradela e tamén membro do equipo de goberno que tomé preside na institución provincial.
Finalmente, e cunha alta participación (75%), Tomé recunca no posto con 801 votos fronte a 585 do seu opoñente, un apoio de case o 60% que interpreta como "un novo impulso para seguir traballando con forza". Entre os seus obxectivos, sinala, está "consolidar os gobernos municipais socialistas", sinaladamente os dos concellos de maior dimensión como a cidade de Lugo ou Monforte, mais tamén "recuperar espazos perdidos" e "gañar novos concellos", así como "seguir mantendo o goberno da Deputación".
O presidente da Deputación lucense e alcalde de Monforte, cun apoio de case o 60% fronte a Iván Castro, márcase o obxectivo de "consolidar os gobernos socialistas" nos concellos e na institución provincial
Preguntado pola posibilidade de que a vindeira Executiva provincial -que será abordada no Congreso do vindeiro 10 de maio- integre a Castro ou a dirixentes afíns á súa candidatura, Tomé resolve que a súa intención é que o órgano directivo sexa "representativo". Pero, ademais, cunha composición "paritaria" e, sobre todo, que "sexan os mellores e as mellores para dirixir esta nova etapa".
En clave galega, José Tomé agarda que o resultado lucense contribúa a que o PSdeG con Besteiro á fronte poida ser "máis forte". "Estou convencido de que, co apoio da provincial de Lugo co que conta dende agora mesmo", os socialistas darán paso para "ser unha alternativa real nas próximas eleccións" galegas. "O que temos que ter claro -agrega- é que o noso adversario é o Partido Popular".
O alcalde de Taboadela vence á rexedora de Trives

Nun clima de maior tensión previa celebráronse as primarias ourensás, onde a retirada do ata agora secretario provincial, Rafael Rodríguez Villarino, propiciou que en calquera caso o proceso rematase cun novo nome á fronte da dirección. Quen a encabezará será o alcalde de Taboadela, Álvaro Vila, tamén voceiro na Deputación, cun resultado máis axustado que o de Lugo.
Álvaro Vila, voceiro na Deputación ourensá, defende a súa política de acordos co goberno do PP abertamente rexeitada pola súa rival, se ben amósase partidario a abordar a cuestión coas alcaldías
Cunha participación un chisco por riba do 63%, Vila obtivo 447 votos fronte aos 390 obtidos por Patricia Domínguez, rexedora de Trives. A clara vitoria de Álvaro Vila na capital da provincia revelouse como clave nun contexto precedido de fortes críticas da súa rival pola política de acordos co goberno da Deputación, que preside o popular Luis Menor. A esa circunstancia atribúe Domínguez, precisamente, os seus bos resultados alén de Ourense cidade.
Nese sentido, Vila indica que o "diálogo" co goberno de Menor é "positivo", se ben matiza que está disposto a tratar a cuestión coas alcaldías do partido. Alén disto, indica, a súa conclusión das primarias é que "só hai un gañador, que é o PSOE e a súa unión". O proceso da elección interna ourensá culminará o 18 de maio co congreso provincial.