Os socialistas celebran o seu Congreso Nacional cun pano de fondo marcado por reveses electorais e diversos infortunios e co reto dunha reconstrución que ten como primeira parada as municipais de 2027
Hai menos dun ano que José Ramón Gómez Besteiro regresou á secretaría xeral do PSdeG. Fíxoo algo máis de oito anos despois da súa dimisión no Venres de Dores de 2016, forzada polas imputacións ditadas na súa contra pola despois sancionada xuíza Pilar de Lara, que foron quedando arquivadas unha tras outra ata 2022.
Cando Besteiro retornou á secretaría xeral o partido levaba acumulados máis dunha decena de referentes públicos, entre orgánicos e parlamentarios. Esa interinidade contribuíu a enfraquecer a posición galega dun PSdeG que polo camiño logrou fitos como unha histórica condición de primeira forza en Galicia nas eleccións xerais de 2019, impulsado polo éxito de Pedro Sánchez, pero que tamén nas últimas eleccións galegas caeu ás súas cotas máis baixas, con apenas un 14% dos votos e nove escanos. É precisamente nos comicios ao Parlamento no que os socialistas veñen obtendo, historicamente, as súas cotas máis baixas de apoio cidadán.

Este é o pano de fondo co que afronta o Congreso Nacional destes 8 e 9 de marzo un partido que nos últimos tempos se viu axitado polas malas casualidades ou o infortunio. Dende cadrar o seu anterior congreso extraordinario, o do retorno de Besteiro, cos días en que Sánchez valorou dimitir ata chegar este apenas unha semana despois da morte de Paula Alvarellos, alcaldesa de Lugo moi próxima ao secretario xeral.
Nun conclave o que a pugna polo liderado non existirá, Besteiro agarda centrar o debate no relatorio político onde o partido lanza propostas programáticas de fondo e tamén fixa postura sobre diversos asuntos controvertidos
Con todo este contexto, a contorna de Besteiro asume que a primeira aspiración do que, agardan, sexa o primeiro mandato completo dun secretario xeral en máis dunha década ten que ser a da recuperación. Case a dunha reconstrución que ten como primeira parada electoral unha cita especialmente relevante para os socialistas, as municipais de 2027. Ese terreo, o municipal, veu sendo a gran fortaleza do PSdeG, pero paradoxalmente tamén un hándicap para ir alén do sumatorio de liderados, éxitos e tamén conflitos locais -caso do que permanece aberto en Santiago- e tecer un proxecto galego que, moitos admiten, ata o momento só logrou o ex-presidente Touriño.
O que procurarán, din, plasmárono no lema do conclave: A esquerda que pode. Para reivindicárense como "unha esquerda de acción, con capacidade de gobernar" nun congreso que "non será un trámite", di Besteiro, e no que a pugna polo liderado non existirá -foi o único candidato á secretaría xeral, polo que non cumpriron primarias-, o que espera que permita centrar o debate no "piar fundamental" do relatorio político, un documento de case 180 páxinas que durante a súa elaboración recibiu "máis de 500 achegas".
Ese relatorio divídese en seis ámbitos sectoriais, dende o feminismo á economía, a crise climática, as políticas sociais, o autogoberno ou as infraestruturas. Lanza propostas programáticas de fondo e fixa posicións en aspectos controvertidos, dende declarar o PSdeG como partido que avoga pola abolición da prostitución ata afastarse do proxecto de Altri en Palas de Rei polo seu impacto no territorio, pasando por avogar ás claras pola derrogación do decreto do plurilingüismo de 2010.
Besteiro agarda que o PSdeG saia "máis forte" dun congreso que encadra na "batalla cultural e política" fronte ao "auxe dos movementos ultraconservadores e ultranacionaistas" no mundo
Estes e outros asuntos serán abordados no Congreso Nacional divididos en catro áreas: "igualdade, prosperidade sostible, equidade e mellora do funcionamento interno do partido". Besteiro encadra este proceso congresual nunha encrucillada global polo "auxe os movementos ultranconservadores e ultranacionalistas". "Estamos -considera o lucense- ante unha batalla cultural e política contra quen pretende desmantelar os avances en dereitos e liberdades. España e Galicia non son alleas a esta ameaza, e máis que nunca, o PSdeG ten a responsabilidade de defender os valores do socialismo fronte á regresión que algúns queren impor".
Pedro Sánchez clausurará o domingo un Congreso no que non hai incógnitas sobre a secretaría xeral, pero no que si será relevante a distribución de cargos na nova Comisión Executiva Nacional Galega. Esa asignación de responsabilidades, espera Besteiro, servirá para que desta cita saia "un partido renovado e máis forte" e con "capacidade real de liderar o cambio que Galicia necesita", reto que implicaría retornar a, cando menos, a segunda posición en votos que, en eleccións galegas, o PSdeG non logra dende 2012.