Besteiro procura un mandato completo no PSdeG para lograr poñelo "rumbo á Xunta"

José Ramón Gómez Besteiro, presentando a súa precandidatura ao Congreso Nacional do PSdeG xunto a militantes do partido, este 13 de xaneiro de 2024 en Santiago CC-BY-NC-SA PSdeG

En abril de 2024 José Ramón Gómez Besteiro regresou á secretaría xeral do PSdeG. Pasaran algo máis de oito anos dende que, o Venres de Dores de 2016, renunciara ao posto por mor das imputacións que ditara contra el a despois sancionada xuíza Pilar de Lara, as mesmas que foron quedando arquivadas nunha sucesión de peches que non rematou ata 2022.

O actual secretario xeral rexistra a súa precandidatura cara ao Congreso Nacional que os socialistas celebran os vindeiros 8 e 9 de marzo

O congreso da volta de Besteiro ao liderado orgánico foi extraordinario. Celebrouse en abril do pasado 2024, antes do que tocaría, para culminar a remuda no posto que ocupaba dende 2021 Valentín González Formoso. Fíxoo nun contexto aínda máis extraordinario por cadrar xusto cando todo o PSOE contiña o alento ante unha posible dimisión de Pedro Sánchez. E estivo inevitablemente condicionado polo mal resultado nas eleccións galegas de febreiro dese ano, con apenas 9 escanos despois de década e media na que a formación acumulou, entre responsables orgánicos e parlamentarios, máis dunha decena de referentes públicos sen que, por motivos diversos, ningún chegase a dar consolidado.

José Ramón Gómez Besteiro, secretario xeral do PSdeG, nunha comparecencia de prensa no Parlamento CC-BY-NC-SA PSdeG

Este é o pano de fondo co que Besteiro vén de lanzar a súa precandidatura para o vindeiro Congreso Nacional do PSdeG que, este si pola vía ordinaria, se celebrará os días 8 e 9 de marzo en Santiago. O lucense aspira, case unha década despois da súa marcha forzada, a ter un mandato completo á fronte dun partido ao que, di, quere poñer "rumbo á Xunta" mesmo dende a consciencia de partir do peor escenario electoral da súa historia.

O lucense di aspirar a "construír un partido unido e un proxecto gañador" nun contexto moito máis complexo que a súa anterior etapa tras os malos resultados electorais de 2024. "Recuperar o protagonismo", di, é o primeiro paso para "ser a alternativa de esquerdas en Galicia"

Na contorna de Besteiro existe a convicción de que a empresa é calquera cousa menos doada. No seu primeiro período na secretaría xeral, á que accedeu en 2013, os socialistas eran a primeira forza da oposición ao segundo Goberno do PP de Feijóo e os novos actores no espectro da esquerda (AGE, Podemos e, posteriormente, as mareas), pescaban en caladoiros socialistas pero facíano, sobre todo, entre electorado que elixira antes o BNG.

Agora é o Bloque a forza predominante na oposición galega, un 25-9 a respecto dos socialistas nunhas eleccións de 2024 nas que, segundo os estudos postelectorais dispoñibles, importantes continxentes de votantes do PSOE noutros comicios escolleron as papeletas que valían para tentar levar a Ana Pontón á presidencia. Afrontar esta circunstancia é unha das primeiras materias por abordar nunha recuperación cuxa consecución, asume a que aspira a continuar sendo dirección nacional do PSdeG, será lenta e complexa.

Besteiro e Sánchez, flanqueados por Carmela Silva e Valentín González Formoso, no mitin de peche de campaña do 18F do PSdeG CC-BY-NC-SA PSdeG

En calquera caso, mantén Besteiro, o seu obxectivo se recunca é "construír un partido unido e un proxecto gañador" e facelo "dende as bases e coas bases, dende a raíz". Porque "o lugar que corresponde" ao PSdeG é "ser a alternativa de esquerdas en Galicia" e para iso cómpre comezar por "recuperar o protagonismo".

Este venres pecha o prazo para coñecer se Besteiro será o único candidato ou terá que medirse nas urnas a algún representante do sector crítico que ten como principal expoñente o ex-secretario xeral Gonzalo Caballero, quen apela ao "cambio" dun partido ao que ve sumido no "desastre"

No mediodía deste venres, 17 de xaneiro, pecha o prazo para o rexistro de precandidaturas ao Congreso, tras a cal chegaría a recolleita de avais no caso de existir máis dunha opción (as sinaturas dun mínimo do 12% da militancia, unhas 1.200 persoas). Será daquela cando existirá a certeza de se Besteiro repetirá sen necesidade de votación en primarias ou, pola contra, terá que medirse nas urnas internas con algún representante do sector crítico representado fundamentalmente polo ex-secretario xeral Gonzalo Caballero e dirixentes e militancia afín.

Nas últimas semanas Caballero protagonizou diversas aparicións en medios de comunicacións con apelacións ao "cambio" no PSdeG. Asegura non querer ser "cómplice, nin por acción nin por omisión", do que considera un "desastre" que asenta o partido na "irrelevancia" e do que, afirma, Besteiro e Formoso son os máximos responsables xunto coa dirección federal. En declaracións á Radio Galega, a pasada fin de semana asegurou verse "con forzas" para regresar á primeira liña, pero sen aclarar polo momento se dará o paso de rexistrar a súa precandidatura.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.