Besteiro lanza o reto de tecer o proxecto galego dun PSdeG co alento contido por Pedro Sánchez

José Ramón Gómez Besteiro, este 28 de abril con Óscar Puente e co secretario xeral saínte, Valentín González Formoso, no Congreso Nacional extraordinario do PSdeG CC-BY-NC-SA PSdeG

Todo semellaba indicar que o principal ingrediente da atmosfera que ía arrodear o Congreso Nacional extraordinario do PSdeG que este domingo culmina a elección da nova dirección do partido, con José Ramón Gómez Besteiro á fronte, ía ser o mal resultado das eleccións do 18 de febreiro. Ese saldo de só nove escanos pairou sobre o conclave, pero non o fixo nin de lonxe coa expectativa en torno á decisión que tomará Pedro Sánchez a respecto do seu propio futuro político.

A posible marcha de Sánchez paira sobre o Congreso Nacional do PSdeG, no que Besteiro apela á súa experiencia para animar o presidente do Goberno de España a "non dar nin un paso atrás"

"A cousa non está fácil, non está sinxela; tocáronlle no punto feble", resumía o ministro Óscar Puente na intervención inaugural do congreso a respecto da "reflexión" aberta polo presidente do Goberno de España, de quen desexa que "a resolva facendo o que todos desexamos, que é seguir adiante". Mesmo Puente, dado á chanza e á crítica aceda, non puido evitar deixar translucir inquietude nun contexto no que, non obstante, non puido evitar definir a Sánchez como "o puto amo" para convidar a contrastar a súa imaxe internacional coa que eventualmente tería un Alberto Núñez Feijóo que, lembrou, tivo serios atrancos para pronunciar "The Chieftains".

Besteiro anima a demostrar que "con Pedro Sánchez e co Partido Socialista non se pode"

O ánimo para seguir adiante lanzouno tamén, mesmo con máis intensidade, quen dende este 28 de abril volve ser secretario xeral do partido con plenos poderes. Besteiro non puido deixar pasar o contexto da decisión de Sánchez, entre outras cousas, dixo, pola súa propia experiencia persoal. 

"Ninguén mellor que os socialistas galegos para entender o que está sentindo", dixo entre alusións aos seus "oito anos de silencio" polas causas xudiciais que acabaron arquivadas, pero tamén á "persecución instigada polo PP" que salpicou a outros cargos. "Agora sabemos que esa era unha actuación sistemática en toda España", concluíu, pero tamén que "non se pode dar nin un paso atrás nin ao lado; só cabe un paso á fronte" porque "é un erro que eles gañen".

Á procura do ansiado proxecto galego

"Que ningún galego ou galega dubida de cal é a nosa posición", pide Besteiro para "reactivar" un PSdeG con "identidade propia" e "autonomía de acción": "Un partido de Galicia para Galicia", di

Ante este inevitable pano de fondo e tras unha análise do contexto estatal e galego, a comezar polo propio pau do 18F, Besteiro lanzou a mensaxe de maior peso político seu discurso. "Eu non vin facer unha campaña", senón "poñer en marcha un proxecto que nos leve a presidir a Xunta". E para iso, advertiu, cómpre "reactivar o noso partido" cos trazos que o caracterizan de socialismo, galeguismo ou feminismo. Pero tamén "unificalo" non tanto en clave orgánica como ideolóxica. "Que ningún galego ou galega dubide de cal é a nosa posición, de cales son os nosos obxectivos".

Besteiro, intervindo ante o plenario do Congreso Nacional extraordinario do PSdeG, este domingo en Santiago CC-BY-NC-SA PSdeG

Trátase, indica Besteiro, de lograren "a unidade de acción á hora de transmitir as nosas ideas". Que a cidadanía "saiba cal é o noso propósito", "dende a Costa da Morte a Verín, da Mariña a Tui", ilustrou. Porque o PSdeG, abondou, precisa de "identidade propia" e "autonomía de acción". En síntese, "un partido de Galicia para Galicia". Na mente dos dirixentes con moitas horas de voo, entre eles Besteiro mesmo, persiste na memoria a convicción de que a última vez en que o PSdeG deu artellado un proxecto en clave galega, con Emilio Pérez Touriño a partir do Congreso Nacional de 1998, o partido acabou na Xunta.

O propósito de Besteiro é dotar de contido ideolóxico estes propósitos nunha conferencia política que, o vindeiro outono, defina o que o PSdeG quere ser e facer non só nesta lexislatura, senón nas vindeiras décadas. "Conscientes das nosas debilidades", defende, pero tamén coa mensaxe de que "somos un partido de goberno".

A nova Comisión Executiva Nacional Galega

Alén dos discursos e da orientación política xeral, o congreso do PSdeG serviu tamén para dar o visto e prace á Executiva Nacional que encabezará Besteiro. Cun 83,77% dos votos, as delegadas e delegados ratificaron unha nova dirección na que un veterano que xa estivo presente precisamente naquela Executiva de Touriño en 1998, Luis Ángel Lago Lage, asume a secretaría de organización en substitución de José Manuel Lage Tuñas.

José Ramón Gómez Besteiro e Óscar Puente, na apertura do Congreso Nacional extraordinario do PSdeG, este 28 de abril en Santiago CC-BY-NC-SA PSdeG

Luis Ángel Lago Lage, secretario de organización nunha nova dirección elixida co 83,77% dos votos

Esa responsabilidade organizativa, clave no manexo do aparello do partido, desdóbrase por primeira vez coa creación da figura da secretaría adxunta de organización, que exercerá Ana Pena, concelleira nas Pontes. Nesta nova Executiva Nacional, con menos membros (pasa de 58 a 40, con 20 mulleres e 20 homes), Carmela Silva continúa como presidenta -un posto que no PSdeG ten carácter máis simbólico ca executivo- e desaparece a vicesecretaría xeral.

Dirixentes politicamente moi próximos a Besteiro, Lara Méndez e César Mogo, asumen na nova dirección a coordinación da Executiva co Parlamento e coas Cortes Xerais, respectivamente. Besteiro encomenda á nova cúpula activar un partido "coherente, contundente e valente" no que, evidencia, é "once anos maior" que a primeira vez que asumiu a secretaría xeral, "pero teño a mesma ilusión". "Hai que seguir, non pasarán", proclamou.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.