Este luns, 29 de abril de 2024, todos os focos estarán sobre Pedro Sánchez. É a data sinalada polo presidente do Goberno de España para decidir se segue no cargo ou dimite polo "acoso" á súa esposa, Begoña Gómez, operación na que ve como "colaboradores necesarios" a PP e Vox "xunto a unha galaxia dixital ultradereitista".
Decida o que decida, a decisión de Sánchez chegará xusto no segundo aniversario dun feito histórico na historia da autonomía galega. Outro 29 de abril, o de 2022, Alberto Núñez Feijóo convertíase no primeiro presidente da Xunta en deixar o cargo por vontade propia. Son múltiples os fíos políticos que unen aquela dimisión consumada do popular coa agora posible do socialista.
A eventual dimisión ou decisión de permanencia de Sánchez chegará apenas catro días despois de anunciar a súa determinación de "parar e reflexionar" ao respecto. A dimisión consumada de Feijóo chegou un mes e dezasete días despois de facer oficial a súa candidatura ao liderado do PP para remudar ao defenestrado Pablo Casado.
Sánchez anunciará o resultado da súa reflexión de catro días xusto no segundo aniversario da renuncia de Feijóo á presidencia da Xunta tras dedicar un mes e dezasete días a converterse no substituto do defenestrado Pablo Casado
Aínda que naquela carreira non tivera rivais, o ex-presidente embarcárase nunha xira de mitins ante a militancia do PP por todo o Estado. Case un mes no que seguía sendo titular da Xunta, pero no que se dispuxo a gobernar Galicia a distancia. Concretamente, "en contacto telefónico permanente", en verbas de quen daquela era aínda vicepresidente, Alfonso Rueda.
Malia este antecedente, unha das múltiplas críticas a Sánchez lanzadas nos últimos días por Feijóo, Rueda e infinidade de dirixentes populares ten que ver cunha suposta "deixación de funcións" por suspender a súa axenda pública por catro días. O socialista, di Feijóo, virou en presidente "fixo descontinuo" cun "abandono das obrigas" do seu cargo cunha actitude "adolescente" e "doses de narcisismo impropias dunha persoa madura".

Estas consideracións, nas que a crítica política transita máis ou menos abertamente por un terreo da descualificación lindeiro co paralelismo cunha enfermidade mental, chegan tamén dous anos despois de que, como candidato sen rivais a liderar o PP, Feijóo prometese unha mudanza de ton a respecto de Casado. El, asegurou, non marchaba para "insultar a Pedro Sánchez", senón para "gañar a Pedro Sánchez", entendido isto último como gañar para si a presidencia do Goberno de España en detrimento do líder do PSOE. Esa vitoria acariñouna en xullo do pasado ano, sen chegar a culminala.
O ex-presidente foi acollido con entusiasmo en non poucos ámbitos do ecosistema político e mediático de Madrid. O barón "moderado" ía substituír o hiperbólico Casado. BNG e PSdeG observaban cunha mestura de receo e retranca: eles, explicaban, levaban experimentando esa moderación dende 2009
A promesa fora acollida con entusiasmo e non poucos ámbitos da política estatal, isto é, no ecosistema político e mediático que algúns autores deron en resumir como "pequeño Madrid del poder". O barón observado como moderado ía substituír o hiperbólico e sobreactuado Casado, que entre entre esaxeracións e bandazos levara o partido aos seus peores resultados mentres non daba tapado as fugas cara a Vox malia o declive de Ciudadanos.
Ecos de 2009
Ese entusiasmo viraba nunha mestura de receo e retranca entre as que, como agora, eran as forzas da oposición parlamentaria galega, BNG e PSdeG. A moderación de Feijóo, explicaban, levábana experimentando nas súas carnes políticas máis dunha década. No período de goberno ininterrompido do PP que principiara coa maioría absoluta de 2009 -despois virían as de 2012, 2016, 2020 e agora, 2024-, lograda tras a que seguen considerando como campaña "máis sucia" da historia da autonomía.

Aquela "sucidade", máis vinculada ao ataque persoal que á crítica política, volve emerxer estes días nas memorias de nacionalistas e socialistas ao fío da parada en seco de Sánchez. No Bloque, dende Ana Pontón ata múltiplos dirixentes presentes e pasados lembran en público e privado as semanas de 2009 nas que, por exemplo, diversos medios de comunicación recibiran unhas fotografías que pretendían implicar a Anxo Quintana nun falso episodio de violencia machista. Ao tempo, o líder do PP de Ourense, José Luis Baltar, insinuaba acusacións de maltratador sobre o daquela vicepresidente e candidato do BNG, de quen tamén chegara a difundirse un accidente de tráfico que nunca sucedera.
Nacionalistas e socialistas evocan nestes días a que consideran "campaña máis sucia" da historia da autonomía galega, a de 2009, na que non faltaron falsas acusacións de violencia machista e mesmo un falso accidente de tráfico
Tamén no PSdeG reviven aquel tempo. No que Feijóo e a súa contorna caricaturizaban a Emilio Pérez Touriño como un "sultán" amante do "luxo" con cartos públicos, pero no que a contorna popular tamén contribuíra a facer circular rumores sobre a vida persoal do daquela presidente da Xunta, que optou polo perfil baixo e non responder con contundencia ata despois das eleccións, cando xa perdera a presidencia.
A actual dirección socialista, que dende este domingo volverá ter á fronte a José Ramón Gómez Besteiro, secretario xeral electo, ten ademais a súa propia memoria de "calumnias da dereita", dunha "campaña sucia que non ten fin" e do "prezo que pagas ti e a túa familia". Así o indicaba o lucense nos últimos días, amosando a súa solidariedade con Sánchez e engadindo que sabe "perfectamente polo que está pasando", en referencia aos seus sete anos de periplo xudicial con diversos casos, todos eles arquivados e en cuxa orixe, veñen mantendo, estivo o PP a través da súa líder provincial en Lugo.
A versión daquelas memorias é ben diferente no PPdeG. O reafirmado por Rueda como voceiro parlamentario, Alberto Pazos, resumíao o pasado venres afirmando que, en realidade, o que sucede á esquerda en xeral e aos socialistas en particular é que teñen a "mandíbula de cristal".