Reaccións en Galicia á posible dimisión de Sánchez: solidariedade á esquerda, mofa á dereita

Alfonso Rueda, Ana Pontón e José Ramón Gómez Besteiro, en imaxes dos últimos días CC-BY-SA David Cabezón / Xunta | BNG | PSdeG

A "reflexión" aberta por Pedro Sánchez para, ante o "acoso" á súa esposa, Begoña Gómez, valorar se continúa ou non á fronte do Goberno de España suscitou unha enorme fervenza de reaccións políticas. No caso galego, esas reaccións poderían resumirse en solidariedade e empatía pola esquerda, a comezar polo PSdeG pero tamén a seguir polo BNG, mentres destacados membros do PP oscilan entre a crítica e a mofa.

Besteiro, a Sánchez: "Sei perfectamente polo que estás pasando, esa impotencia polas calumnias da dereita"

Unha das primeiras reaccións á carta de Sánchez foi de quen en apenas tres días será a todos os efectos secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro. A través dun vídeo divulgado a través das redes sociais, Besteiro asegurou saber "perfectamente polo que está pasando" o tamén líder do PSOE, en referencia implícita aos seus sete anos afastado da primeira liña política por mor de diversas acusacións xudiciais que acabaron arquivadas.

Reacción de José Ramón Gómez Besteiro á carta de Pedro Sánchez

"Esa impotencia polas calumnias da dereita" e unha "campaña sucia que parece non ter fin", describe o político lucense, quen destaca o "prezo que pagas ti, que paga a túa familia". "Grazas por demostrar que na política non todo vale; tes todo o meu apoio, presidente", culminou Besteiro unha mensaxe á que seguir mostras de apoio de diversos referentes do socialismo galego, dende o secretario xeral saínte, Valentín González Formoso, ata alcaldes e alcaldesas como Abel Caballero ou Inés Rey. Ese "apoio sen fisuras" reafirmárono tamén este xoves os catro secretarios provinciais do partido nunha carta asinada conxuntamente con Besteiro.

"En Galiza coñecemos moi ben as campañas sucias do PP, así que toda a miña solidariedade co presidente do Goberno no persoal e no emocional", di Ana Pontón dende o BNG, que aposta por que "este Goberno e esta lexislatura continúen" para cumprir o pacto de investidura

Por parte do primeiro grupo da oposición no Parlamento, o BNG, a súa portavoz nacional tamén atopa paralelismos entre a situación actual de Pedro Sánchez e a súa familia con feitos políticos do pasado en Galicia. "En Galiza coñecemos moi ben as campañas sucias do PP, así que toda a miña solidariedade co presidente do Goberno no persoal e no emocional", sinalou Ana Pontón a través das redes. Ao seu xuízo, "sempre merece a pena loitar por unha sociedade mellor ante quen pensa que en política todo vale".

Previamente, dende o Congreso, o deputado do Bloque tamén se expresara nun sentido semellante. O PP, di Néstor Rego, está "instalado na iniquidade e na ignominia", empregando "sen rubor a xustiza e o poder mediático" para atacar neste caso a un Sánchez ao que expresa "a nosa empatía, dende o punto de vista humano". Fronte ao "lawfare", agrega, a posición do BNG é que "este Goberno e esta lexislatura continúen" porque "iso é o que vai garantir" que "poidan saír adiante" as medidas do pacto de investidura co PSOE, "fundamentais para o desenvolvemento do noso país".

Sinatura do pacto de investidura PSOE-BNG en novembro do pasado 2023 CC-BY-SA PSdeG

Rueda redúceo a unha "performance vitimista"

As posicións das principais formacións da esquerda contrastan coa do presidente da Xunta e do PP de Galicia. Alfonso Rueda, na liña polo expresado por Alberto Núñez Feijóo dende Madrid, considera que Sánchez está inmerso nunha "performance vitimista" que non responde a máis que o seu "interese persoal". Unha "irresponsabilidade" na que observa unha "mestura de vitimización" e "crispación" que "nin España nin Galicia merecen".

O presidente da Xunta reproduce o argumentario de Feijóo e atribúe a "crispación" a Sánchez

Neste contexto, Rueda esixe "explicacións" ao presidente do Goberno de España sobre "uns feitos" que hai "sobre a mesa" e "se considera que as acusacións [contra a súa esposa] son falsas", dar "un paso á fronte" para "explicar e dar a súa versión". Ao seu xuízo, os cinco días de "reflexión" implican que "un país de case 50 millóns de habitantes" fica "sen presidente" ata o luns, cando "isto ten que rematar de forma definitiva".

Anteriormente, as contas oficiais do PPdeG reproduciran as mensaxes de Feijóo e mofáranse da carta de Sánchez. "En Galicia ya está todo inventado", ironizaron aludindo ao "período de reflexión" anunciado por Ana Pontón en 2021 antes de decidir se volvía concorrer ao liderado do BNG. 

Alfonso Rueda, este 25 de abril nos actos de toma de posesión dos altos cargos dependentes da Presidencia da Xunta CC-BY-SA David Cabezón / Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.