A "fracasada fusión das caixas" ou a débeda da Xunta: Pedro Sánchez tirou da etapa de Núñez Feijóo á fronte do Goberno galego para denunciar a súa xestión e o que considera un "falso" relato sobre a súa carreira política. "Nin moderado, nin experto, nin bo xestor", dixo o presidente do Executivo central en funcións durante a súa quenda de réplica ao discurso do líder do PP na sesión de investidura.
Mesmo Manuel Fraga foi protagonista no discurso de Sánchez, que considera que o fundador de Alianza Popular "sae gañando na comparación" con Feijóo. O líder do PSOE chegou a recoñecer o "erro" cometido cando, "antes de que fose elixido presidente do PP", ao dar "por boas moitas cousas das que a dereita mediática falaba sobre a súa xestión na Xunta". Todo a escasos meses das eleccións galegas.
Sánchez responde a Feijóo lembrando a "fracasada fusión" das caixas ou o elevado aumento da débeda galega e advirte que Fraga "sae gañando na comparación"
"Tiven un erro clamoroso que me recriminan os compañeiros socialistas galegos", advertiu Sánchez, que lembrou que a débeda da Xunta con Feijóo á fronte "creceu un 226%" e lembrou, con ironía, a "brillante xestión na fracasada fusión das caixas galegas que impulsou". "Acabou coa perda de 8.000 millóns de euros públicos perdidos e varios dirixentes en prisión polas súas fabulosas indemnizacións", espetoulle.
"É un falso experto que xestiona mal, falso moderado, falso gañador e real perdedor", insistiu Pedro Sánchez, que respondía así á intervención inicial de Feijóo. O ex-presidente da Xunta tirou da súa versión máis dura. Nela, acusou o presidente do Goberno de España en funcións de "corrupción política" por "tomar decisións contra o interese xeral a cambio de beneficios persoais", en relación á aprobación da amnistía.
Non tardou o líder do PP no seu discurso na sesión de investidura en criticar os acordos do PSOE con Junts e ERC para sacar adiante unha investidura que, dixo, vai "rematar en humillación". "O señor Sánchez humíllase a si mesmo e o seu partido pero non ten ningún dereito a humillar os españois", dixo, acusando o aspirante a repetir na Moncloa de "comprar" o apoio do independentismo "asinando cheques que todos pagaremos".
Feijóo espetoulle a Sánchez que "a amnistía non mellora a convivencia" senón que "a destrúe". "Do seu paso pola presidencia quedará o recordo do ex-president Puigdemont chegando a Catalunya sen reprobación ningunha", dixo para advertirlle que "por iso e moitas cousas máis" o líder do PSOE non será "amnistiado pola historia".
"Chegou coa promesa da moderación, pero ninguén fixo máis por Vox que vostede á fronte do PP", dixo Sánchez
O ex-presidente da Xunta, tal e como logo lle reprochou Sánchez na súa quenda de réplica, apenas dedicou esa intervención a falar de economía, emprego, vivenda ou crise climática. Centrouse na amnistía e na dúbida da lexitimidade dun futuro executivo. "É a ausencia total e clamorosa dun proxecto político en positivo para este país", díxolle o actual presidente, logo de que Feijóo augurase "un goberno imposible que sufriremos todos os españois".
Na súa quenda, Sánchez lembrou que Feijóo "chegou" á presidencia do PP "coa promesa de moderación". "Pero ninguén fixo máis por Vox que vostede á fronte do Partido Popular", dixo quen acusou o líder do PP de "afastarse dos principios democráticos e desfilar cos franquistas de Vox". E comparouno con Fraga. "Na comparación sae gañando Fraga", advertiulle, porque o fundador de AP, remarcou, "foi máis perspicaz e máis útil para a democracia".
"Fraga distanciouse do franquismo e vostede afástase dos principios democráticos e desfila cos franquistas de Vox, confundido coa ultradereita onde se verten discursos de odio", aclaroulle quen, sen nomear a Marcial Dorado, fixo referencia á "amizade" do líder do PP co contrabandista. "É tan experto xestor como moderado", insistiulle.
Feijóo, na contrarréplica, non se defendeu das alusións á súa xestión na Xunta e tan só criticou a referencia a Manuel Fraga por "insultar mesmo os que xa non viven". "Non son presidente porque non me vendo nin vendo os españois", insistiu o líder do PP, logo de que Sánchez lle advertise que se non chega á Moncloa é pola súa alianza con Vox e pola súa imposibilidade de acordar máis apoios da man da ultradereita.
Na quenda do líder de Vox, Santiago Abascal acusou a Sánchez de dar un golpe de Estado e negouse a retirar a acusación malia a advertencia da presidencia do Congreso. Logo, ameazou a Feijóo con rachar acordos se non frea a lei de amnistía no Senado. “Do contrario, estarían colaborando lateralmente co golpe e is nos impediría a nós colaborar con vostedes no resto de institucións, poñeríanolo moi difícil", asegurou.
Pola súa banda, Yolanda Díaz, líder de Sumar, advertiu ao PP que o seu partido "non é dono da Constitución española" e defendeu a amnistía por ser "o camiño de reencontro". "Sempre é máis difícil, pero coa amnistía gaña a democracia", dixo a ministra de Traballo en funcións, que destacou as diferenzas da súa formación co PSOE en vivenda, nas axuda por fillos a cargo ou en "como abordar a desigualdade".