A lei de amnistía di buscar solución "desde a política" ao "conflito" e reivindica o respecto á Constitución

Discurso de Puigdemont tras a votación sobre a república catalá, durante o 'procés' © Govern da Generalitat

Co obxectivo de "establecer as bases para garantir a convivencia de cara ao futuro" e asumindo "a mellor vía das posibles para abordar, desde a política, un conflito político". Nestes obxectivos sitúan o PSOE e mais os seus socios a lei de amnistía que chega este luns ao Congreso dos Deputados da man dos socialistas e ao que tivo acceso Praza.gal. Así o expón a denominada Lei orgánica de amnistía para a normalización institucional, política e social en Cataluña no seu texto, que non inclúe referencia ningunha á investigación de casos de lawfare nin beneficios para as súas vítimas. 

A proposta de lei fai unha asunción expresa a que "as metas a perseguir dentro do marco constitucional" de España "son plurais" pero que, no entanto, "todos os camiños deben transitar dentro do ordenamento xurídico nacional e internacional". 

"É un paso máis nun camiño difícil, pero á vez valente e reconciliador", di o texto que cre que a amnistía é "unha demostración de respecto á cidadanía e de que a aplicación da legalidade é necesaria pero, en ocasións, non dabondo para resolver un conflito político sostido no tempo". Ademais, asume unha "decisión política" que considera a mellor forma de "garantir a convivencia dentro do Estado de dereito" e para xerar un contexto "que fomente a estabilidade económica e o progreso cultural e social, tanto de Catalunya como do conxunto de España, servindo ao mesmo tempo de base para a superación dun conflito político". 

Santos Cerdán (PSOE) e Carles Puigdemont en Bruxelas, o pasado 30 de outubro © Junts

A lei supópn a "extinción da responsabilidade penal, administrativa ou contable" dos actos executados ao abeiro do procés entre 2012 e ata hoxe

Unha lei que supón a "extinción da responsabilidade penal, administrativa ou contable" dos actos executados ao abeiro do procés e que tivesen lugar entre o 1 de xaneiro de 2012 e este luns 13 de novembro de 2023. Así, esta lei supón a anulación dos procedementos xudiciais e das penas derivadas dos feitos producidos no marco do proceso independentista e amnistía aqueles "actos cometidos coa intención de reivindicar, promover ou procurar a secesión ou independencia de Catalunya, así como os que tivesen contribuído á consecución de tales propósitos", os que se cometesen para "convocar, promover ou procurar a celebración das consultas" do 9-N de 2014 e do 1-O de 2017 e os que "tivesen contribuído á súa consecución" e os actos de "desobediencia, desordes públicas, atentado contra a autoridade ou resistencia" que buscaron permitir a celebración daqueles referendos. 

Nestes tres casos, a lei aclara que se inclúen neste suposto, aqueles actos tipificados como "delitos de usurpación de funcións públicas ou de malversación dirixidos a financiar, sufragar ou facilitar" a independencia, xa fose a través dunha entidade pública ou privada. 

Tamén serán amnistiados os actos de desconsideración ou crítica contra as autoridades e institucións públicas, símbolos ou emblemas no curso de manifestacións e actos relacionados coa reivindicación da independencia ou a celebración dos referendos, así como as desordes públicas, atentados contra a autoridade e resistencia. 

A lei inclúe un recoñecemento aos policías e funcionarios que intentaron impedir o 1-O e a amnistía inclúe os axentes encausados

Neste conxunto de actos e posibles delitos amnistiados a lei inclúe os procesos abertos contra os policías: "as accións realizadas no curso de actuacións policiais dirixidas a dificultar ou impedir a realización" dos actos descritos ao abeiro do procés

Neste sentido, a lei, na súa exposición de motivos, aclara que esas posibles accións delictivas que se realizasen "na defensa da legalidade e da orde constitucional" non supoñen "demérito ou reproche ningún" aos axentes nin a "criminalización dos funcionarios que interviñeron en defensa da orde pública". "Lonxe disto, persigue aliviar a situación procesual dos encausados e, con isto, as tensións derivadas duns feitos que se enmarcaron nun determinado momento e como consecuencia das tensións existentes daquela e ao longo de máis de dez anos", explica. 

A bancada do PSOE aplaude a Pedro Sánchez durante unha sesión de control © Pool Congreso

A amnistía supón, xa que logo, desde o punto de vista penal, a posta en liberdade daquelas persoas en prisión vinculadas aos actos do procés, a eliminación dos antecedentes penais derivados, deixar sen efecto as ordes de busca e captura e ingreso en prisión vinculados a todos aqueles feitos e o levantamento das medidas cautelares que pesen sobre persoas beneficiadas por esta lei. Tamén a reintegración dos dereitos activos e pasivos dos empregados públicos que foran sancionados. 

Xa que logo, a amnistía será aplicable aos líderes soberanistas xa condenados polo Supremo, os fuxidos que aídna teñen aberta causa no alto tribunal e os que as teñan tamén noutros tribunais. Do mesmo xeito, poderíanse ver beneficiados

A amnistía, aclara a lei, "non dá dereito" a indemnización ningunha nin á restitución das multas que xa foran pagadas e prescribirá aos cinco anos no caso de que os posibles beneficiados non se acollesen a ela. Supón, ademais, a modificación do Código Penal e da Lei Orgánica do Tribunal de Cuentas para adaptala a esta nova realidade de actos amnistiados dos que se exclúen aqueles hipotéticos que tivesen causado a morte, a perda ou inutilidade dun órgano, torturas, tratos inhumanos, tenencia e tráfico de armas, entre outros, así como aqueles actos tipificados como terrorismo "sempre e cando haxa sentenza firme" e de acordo coas condutas descritas pola UE, io que permite incluír entre os beneficiados as persoas vinculadas aos CDR ou ao Tsunami Democràtic, ao non haber aínda ditame firme en ningún dos casos. 

Tamén quedan fóra aqueles actos en cuxa execución haxa "motivacións racistas" e de discriminación. 

A lei alude a un conflito que "segue latente" e a unha "desafección" co Estado que podería agravarse polas consecuencias penais pendentes

"A presente lei aspira a sentar unhas sólidas bases para, dunha vez por todas, continuar mitigando as consecuencias dun conflito que xamais debeu producirse e que, malia o paso dos últimos anos, aínda segue latente", expón a lei orgánica, que alude constantemente á constitucionalidade da medida, facendo referencia a sentenzas que a avalan, a precedentes históricos e ao uso deste mecanismo noutros países. 

A lei sitúa o inicio do problema que agora pretende axudar a resolver na sentenza do Tribunal Constitucional de 2010 e o posterior debate sobre o futuro de Catalunya, que deron lugar a "mobilizacións intensas e sostidas no tempo, así como en maiorías parlamentarias independentistas". Unha tensión institucional, di, que "deu lugar á intervención da Xustiza", e unha tensión social e política "que provocou a desafección dunha parte substancial da sociedade catalá cara ás institucións estatais, que aínda non desapareceu e que é reavivada de forma recorrente cando se manifestan as múltiples consecuencias legais que seguen tendo, especialmente no ámbito penal". 

Manifestación pola Diada de 2012 en Barcelona CC-BY-NC Abel Pau

Con esta lei, di o texto, as Cortes Xerais acoden "de novo a un mecanismo constitucional que reforza o Estado de dereito para dar unha resposta axeitada máis de dez anos despois do comezo do proceso independentista". Toca agora, engade, "establecer as bases para garantir a convivencia de cara ao futuro". "Non só non se invaden outros espazos, senón que, moi ao contrario", conta, "asumen a mellor vía das posibles para abordar, desde a política, un conflito político". 

"É un paso necesario para superar as tensións referidas e eliminar algunhas das circunstancias que provocan a desafección que mantén afastada das institucións estatais a unha parte da poboación", explícase nun texto que aclara que os actos aos que abranguen a amnistía están "acoutados material e temporalmente". "Diríxese a un grupo concreto de destinatarios e esgota o seu contido" nas medidas para un "feito singular": ao conxunto de actos vinculados ao procés

"Elúdese unha referencia xenérica e imprecisa, evitando que a amnistía poida abranguer outro tipo de actos non conectados directamente co proceso independentista e as consecuencias deste, cuxa exoneración non tería cabida dentro do fundamento sobre o que se erixe esta medida", aclara. 

Ata en nove ocasións fai referencia a lei, de 21 páxinas, á mellora ou interese pola "convivencia" como un dos obxectivos, ademais de aclarar que a amnistía pretende ser "base para a superación dun conflito político" que, lembra tamén, é "sostido no tempo"

No texto lémbrase que as consecuencias de desafección de boa parte da sociedade catalá co Estado "poderían agravarse nos vindeiros anos a medida que se substancien procedementos xudiciais" que afectan "non só os líderes daquel proceso (que son os menos), senón tamén múltiples casos de cidadáns e mesmo empregados públicos que exercen funcións esenciais na administración autonómica e local" e cuxo procesamento e eventual condena "produciría un trastorno grave no funcionamento dos servizos na vida diaria" e tamén "na convivencia social". 

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.